INFORMACIÓN FITOSANITARIA 29 XUÑO 2018
VIÑA
Entre a semana pasada e a actual o incremento no tamaño dos grans foi moi elevado na totalidade das viñas, circunstancia favorecida polas temperaturas e as humidades tan altas que se rexistran. Así, nas fincas que nos visitamos (as da nosa rede de seguimento habitual máis outras diferentes cada semana) as uvas atópanse de media no estado de "baias de 3 mm" e xa moitas acadan o tamaño chícharo, en especial nas zonas/fincas máis adiantadas. Tamén, apenas observamos nesta semana as diferenzas na fenoloxía dentro da mesma parcela ás que faciamos referencia no aviso anterior.
Este desenvolvemento dos grans provocou que nas parcelas con máis fallos na floración pola coincidencia de choivas nese período, sexan máis evidentes as diferencias entre grans formados e abortados do mesmo acio, sobre todo nalgunhas fincas, onde a perda de uva a causa deste fenómeno é bastante significativa.
Mildio
Despois dun sábado cunhas temperaturas anormalmente elevadas (picos máximos de máis de 30ºC –ata máis de 37 na estación de Areas en Tui- durante 3 a 5 horas –máis tempo na estación de Meder en Salvaterra-), o resto da semana caracterizouse por un tempo tormentoso, con temperaturas máximas non tan elevadas pero cunha sensación moi abafante debido a unhas humidades medias do 75 ao 90%.
Estas condicións climáticas tan favorables ao mildio traducíronse en sucesivos ciclos da enfermidade, pois ás mencionadas (temperatura e humidade altas) hai que engadir días con humidade foliar durante moitas horas, ata máis de 21 (en Meder), 16 (en Soutomaior) ou 12 (en Tremoedo). Tamén por este motivo rexistrouse un incremento importante no volume de esporanxios que recollemos no captador que mantemos entre as plantas testemuña (sen tratamento algún) da nosa finca de Areeiro, cun pico máximo de 1112 esporanxios/m3 o día 25, no que se rexistraron más de 10 horas de humectación nas follas. De feito, nesas plantas observamos xa varios gromos (aparte dos acios) totalmente cubertos pola frutificación do fungo.
Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo)
Deste xeito, nesta semana tivemos informacións de diferentes viticultores e técnicos sobre a aparición de síntomas moi importantes, tanto en acio como en folla, en especial no Salnés e tamén no Condado. Das fincas que nos visitamos, no Salnés non apreciamos esta circunstancia en ningunha delas, mentres que no resto de comarcas si puidemos observar algúns acios con pequenas partes afectadas (non só presentando frutificación do fungo senón xa escurecemento de grans) e algunha mancha en folla, independentemente do tempo que fixera desde que recibiran o tratamento anterior. Iso si, a intensidade do ataque era moi elevada nunha finca que produce en ecolóxico, onde a práctica totalidade de acios presentaba diferentes porcentaxes de afectación, a maioría de máis do 25%.
De cara aos próximos días, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas continúan prevendo tempo inestable polo menos ata metade da semana entrante, con temperaturas mínimas bastante altas, o que continuará favorecendo as infeccións secundarias. Por este motivo, o NIVEL DE ALERTA DEBE SER MOI ALTO e, a pesar de ter renovado os tratamentos, será fundamental vixiar o viñedo para comprobar a súa eficacia e detectar canto antes a potencial aparición de novos síntomas, en cuxo caso haberá que repetir as aplicacións, dando prioridade a funxicidas con materias activas que posúan efecto curativo e antiesporulante (consulte aos técnicos).
Na maioría de viñas onde hai acios afectados polo fungo a densidade de vexetación é elevadísima, o que dificulta a adecuada chegada dos funxicidas aos acios.
Por iso temos que insistir novamente na necesidade de eliminar o exceso, de facer esfollas nas viñas máis vigorosas e, en definitiva, de reducir a humidade e facilitar a ventilación a nivel das uvas. Por outra banda, tamén é fundamental confirmar que a maquinaria de aplicación estea en perfecto estado.
Oídio
Pese a que as condicións ambientais destes días favorécenlle, apenas notamos algunha folla con máis síntomas do fungo, pero de momento non atopamos os primeiros acios afectados. Porén, como no estado fenolóxico actual a uva é sensible ao fungo, repetimos a recomendación da semana anterior: engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio.
Este ano, a eliminación moderada de follas na contorna dos acios é especialmente recomendable, sobre todo en variedades sensibles e/ou con historial de danos por este fungo. Esta labor permite ventilar os acios e fai penetrar a luz, inimigo do oídio, co que se limita o establecemento do fungo.
Botrite
Debido a que en xeral os grans non presentan feridas neste momento, non se observan síntomas do fungo a pesar da elevada humidade relativa e das temperaturas altas que hai estes días. Tamén hai que dicir que a concentración de esporas que recollemos no captador que temos entre as filas testemuña (sen tratar) da nosa finca de Areeiro baixou co paso dos días, como se pode comprobar na seguinte gráfica:
Gráfica do captador de esporas situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo)
Ademais dos beneficios propios derivados do bo control das outras enfermidades (e tamén pragas) da vide, unha boa protección fronte a mildio e oídio tamén é fundamental para previr a instalación de botrite
Black rot
Non volvemos ver novos síntomas desta patoloxía, nin nas parcelas onde xa se detectara nin noutras novas.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Segundo deducimos da nosa rede de trampas, está a comezar o voo da segunda xeración de Lobesia botrana, iso si, de momento (sempre segundo nosas fincas) moi timidamente e nas comarcas do sur da provincia. Canto á presenza de síntomas, apenas se observan xa glomérulos e aínda non detectamos as primeiras postas onde xa houbo capturas de individuos.
Cicadélidos
Seguimos capturando poucos individuos na nosa rede de trampas, e tamén atopando escaso número de larvas ou ninfas nas follas. Unicamente temos que destacar unha parcela en Goián (Tomiño), onde o incremento si foi significativo, aínda que só no que respecta aos adultos.
Altica Sp
Na nosa parcela de seguimento de Vide continúa avanzando lentamente a porcentaxe de follas con síntomas da alimentación destes insectos, pero a densidade foliar das plantas é tan elevada que non hai necesidade de intervir.
Trips
Unicamente observamos un avance na sintomatoloxía causada polo ataque destes insectos na finca do Rosal (non na do Salnés) onde os detectaramos a semana anterior. Aínda así, seguen confinados a unha única planta, polo que non se vai intervir de momento.
Ácaros
Outros
Coas elevadas temperaturas que se rexistraron, e que aínda se rexistran, o estrés das plantas é maior, e así xa empezan a observarse síntomas de alteracións de madeira. Lembren que se afectan a un só brazo e este xa está totalmente seco, pode eliminarse agora, aplicando un funxicida na zona do corte que quede na planta. Se afectan á totalidade da planta, poden ir marcándoa para que estea ben identificada no momento da poda.
MACEIRA
Moteado
O calor e a humidade alta son condicións moi favorables a este patóxeno. Así, nas nosas parcelas de seguimento (sen tratar) apareceron nesta semana novos síntomas en folla. Ademais, como é un patóxeno capaz de causar danos ata o final do ciclo, e segundo as previsións vai continuar o clima húmido, haberá que renovar os tratamentos nas variedades sensibles no caso de estar as plantas desprotexidas por ter concluído xa o período de protección da intervención anterior.
Non esquezan elixir un funxicida cun curto prazo de seguridade nas variedades máis temperás e RESPECTAR ESTRITAMENTE este prazo
Oídio
Nesta semana observamos novos síntomas, sen dúbida favorecidos polas condicións climáticas destes días.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
Esta semana, nas nosas parcelas de seguimento, que como saben mantemos sen tratamentos para comprobar a evolución natural do voo do insecto, as capturas foron moi variables: desde ausencia de capturas ata 10 machos por trampa. Por iso insistimos sempre na instalación de trampas como medio de racionalizar e optimizar o control, tratando cando se supera o limiar de tolerancia.
Outros
MARMELEIRO
Oídio
Do mesmo xeito que no caso da maceira, tamén en marmeleiro obsérvanse follas cunha elevada presenza de micelio de oidio, pois as condicións climáticas están a ser favorables.
Entomosporium maculatum
BUXO
Cylindrocladium buxicola
A elevada humidade destes días está a provocar a aparición de síntomas da enfermidade nalgunhas sebes, sobre todo de Buxus sempervirens suffruticosa. Recoméndase aplicar un tratamento nos casos nos que se observen, ademais de eliminar as follas secas, favorecer a aireación das plantas e, en caso de realizar regas, utilizar goteo en lugar de aspersión.
Cydalima perspectalis
Non observamos cambios importantes nesta semana, polo que de momento parece que só hai que seguir vixiando as plantas. Consulten se o desexan a nosa ficha técnica Cydalima perspectalis (Walker, 1859). Bolboreta do buxo para recoñecer como son as eirugas novas e os primeiros danos co obxectivo de evitar os graves danos que poden causar.