INFORMACIÓN FITOSANITARIA 04/05/2018

VIÑA

Mildio

Entre o día 2, en que publicamos que atoparamos a primeira mancha de aceite en parcelas revisadas por nos, e hoxe día 4, informáronnos da detección de síntomas (mancha ás veces con esporulación) tamén noutras fincas, aínda que esta circunstancia non é xeneralizada. De feito, temos fincas sen tratar (nin sequera fronte a excoriose) totalmente carentes de enfermidade. É lóxico que sexa así, pois as condicións ambientais non foron especialmente favorables: ventos moderados do norte que secan o ambiente ou temperaturas nocturnas baixas en xeral (mesmo a noite do 1 de maio houbo rexistros de 1-2ºC nalgunhas localizacións).

Para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas prevén tempo seco e un significativo ascenso térmico, condicións que non favorecen as infeccións. Non obstante, tamén é certo que anuncian subida de temperaturas nocturnas, compatibles coa esporulación do patóxeno sempre e cando se rexistre humidade suficiente, aínda que tampouco parece que o risco vaia alcanzar niveis elevados.

Por todos estes motivos, as nosas recomendacións son:

  • En fincas que xa recibiron tratamento estes días, comprobar a eficacia da intervención, sobre todo considerando que algunhas destas aplicacións se fixeron en condicións de vento non recomendables para tratar e dispersaron o funxicida cara áreas fora do viñedo (así, a parcela de O Rosal onde topamos mancha o día 2 xa fora tratada).
  • En parcelas onde aínda non se detectaron síntomas da enfermidade, facer revisións para detectar a primeira mancha (lembren que soen aparecer en zonas menos aireadas e nas follas máis baixas das varas, e que nestes momentos na viña hai algunhas descoloracions que non son manchas de mildio). Co nivel de risco esperado polas condicións meteorolóxicas previstas, agardar a detectar os síntomas é a mellor das opcións, sobre todo se a humidade relativa se mantén en niveis baixos de noite e non se produce esporulación.
02maio18_Primeira mancha que vimos no Salnes 02maio18_Enves da primeira mancha no SanesAlgunhas manchas incipientes son mais complicadas de ver Hai descoloracions que non son manchas de mildio

Os ventos moderados que se rexistraron, así como a sarabia que houbo en algunhas localidades provocou rotura de gromos e follas nalgunhas fincas. Se as previsións meteorolóxicas se cumpren seguramente estas feridas non teñan maior transcendencia, pero onde haxa unha presenza abundante de danos é aconsellable elixir funxicidas que leven folpet ou similar.

Localmente a sarabia fixo danos nas follas Puntualmente os ventos romperon gromos

Oídio

Non detectamos síntomas desta enfermidade en ningunha das parcelas visitadas, e mesmo tampouco na variedade tinta moi sensible onde soemos encontralos. De momento non é necesario empezar as intervencións con xofre ou outros antioídos.

Micelio de oidio en haz de variedad tinta Uncinula necator - Síntoma incipiente

Couzas do acio

Se non o fixeron aínda, este é un bo momento para instalar as trampas de  feromonas sexuais destas bolboretas. En todo caso lembren que, aínda que teñan capturas nas trampas (de feito xa as hai), a primeira xeración non soe causar danos que xustifiquen un tratamento, e que en xeral as capturas nas trampas se utilizan para saber cando tratar, pero no para decidir se hai que facelo ou no (que depende dos síntomas). 

Trampa de feromonas sexuales Capturas de Lobesia a primeiros de campaña

Cicadélidos

Xa temos instaladas as trampas amarelas para o seguimento das súas poboacións, pero de momento non tivemos capturas.

02maio18_Ainda non recollemos os primeiros cicadelidos Empoasca vitis_adulto Cicadélidos - Adulto de Zygina rhamni en envés

Ácaros

Só se ven illadamente síntomas de erinose, pero de momento o seu índice de aparición é moi inferior ao da anterior campaña. De acariose, que ás veces require tratamentos, non detectamos presenza. Lembrámoslles que a sintomatoloxía que produce este último ácaro pode confundirse con outras alteracións ou con certas  fisiopatías, e que deben ser confirmados antes de aplicar un tratamento.

Síntomas de erinosis en vegetación Fisiopatia que en ocasiones ha sido confundida con sintomas de acariosis

Outros

Na nosa parcela de seguimento de Vide (O Condado) atopamos algúns adultos do curculiónido Otiorhynchus sulcatus, pero sen síntomas visibles da súa alimentación.

Parella de Otiorhynchus sulcatus en viña

MACEIRA

Situación fitosanitaria xeral observada

En xeral o estado fitosanitario das maceiras é moi bo neste momento, so detectándose (sempre referido ás nosas parcelas) algunha colonia de pulgón verde e restos de oídio. E se o tempo segue seco tampouco se espera que haxa un risco elevado de detección de moteado.

Colonia de pulgón verde con hormigas acudiendo a la melaza que segregan En xeral non avanzou o oidio nas maceiras

CERDEIRA

Dípteros dos froitos

Nas trampas que temos colocadas para a captura de adultos de Drosophila suzukii e de Rhagoletis cerasi xa caeron algúns exemplares. As larvas destas dúas especies, normalmente máis de unha, aliméntanse no interior dos froitos e, aparte do dano directo, poden provocar a súa podremia.

Adulto de mosca de la cereza en trampa amarilla Macho de Drosophila suzukii y detalles caracteristicos

BUXO

Cydalima perspectalis

Cada vez son máis xeneralizados os síntomas  da presenza das eirugas desta especie en diferentes zonas, e tamén se incrementaron as consultas que recibimos nese sentido. Lembren que os tratamentos deben ser moi coidadosos, procurando mollar moi ben as plantas e acadar ao maior número de eirugas posible.

Para máis información sobre a praga, consulte  a nosa ficha técnica "Cydalima perspectalis (Walker, 1859). Bolboreta do buxo"

Sintoma caracteristico de Cydalima cando a eiruga esta protexida Hilos de seda de las larvas de Cydalima uniendo dos brotes Aspecto parcial de buxo tras ataque primeira xeracion Cydalima