INFORMACIÓN FITOSANITARIA 07 SETEMBRO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: (M2) - N [(85)-89 da codificación BBCH]

A xeneralidade das viñas que visitamos entrou na maduración e as temperaturas rexistradas permitiron que volvera subir o grao alcohólico en todas elas, de xeito máis ou menos significativo segundo a parcela e/ou a comarca.

GRAO ALCOHÓLICO (a modo de referencia)

COMARCA

PARCELA

DATA

22/08/2018

29/08/2018

05/09/2018

O Condado

Albeos

-

10,33

12,15

Meder

-

9,69

11,96

Vide

9,29

11,07

12,2

O Rosal (*)

Goián

6,19

8,48

9,85

Eiras

6,11

7,52

9,03

Pazo

-

8,15

9,81

O Salnés

A Modia

7,8

9,44

11,07

Barrantes

-

9,29

10,24

Castrelo

-

8,8

10,57

Soutomaior

Soutomaior

7,3

9,39

10,59

(*): estes tres viñedos soen ir máis atrasados cos da comarca á que pertencen

Ademais, as choivas que se rexistraron polas tormentas que houbo entre os días 2 e 5 segundo zonas, aínda que en xeral escasas, resultaron favorables desde o punto de vista da calidade da uva, e tamén axudaron a lavar os depósitos dos fitosanitarios aplicados recentemente.

20180905_Viña moi ben desbrozada pero con esfolla excesiva

Loxicamente, a vendima está acercándose e mesmo nalgunhas fincas das comarcas máis adiantadas pode empezar estes días. Por iso, os viticultores xa están preparando as súas fincas para esta operación rozando a herba, eliminando os gromos sobresaíntes e esfollando novamente. Neste sentido temos que seguir falando de esfollas demasiado intensas nalgunhas parcelas...

Coa vendima próxima a información fitosanitaria que segue pretende dar a coñecer cal foi a evolución dos patóxenos e dos artrópodos praga desde a semana anterior

Mildio

Como dixemos ao comezo da información fitosanitaria desta semana, houbo precipitacións tormentosas entre os días 2 (domingo) e 5 (mércores). Á vista dos datos recollidos nas estacións de Meteogalicia, en xeral as choivas foron escasas e só o día 2 no Salnés; en Soutomaior e na comarca de Pontevedra, ou ben tiveron lugar un só día (2 ou 4) ou ben ambos os dous, sendo tamén bastante escasas; no Condado foron o día 5 e de contía moi distinta (por exemplo 0,4 l/m2 en Cequeliños fronte aos 17,6 de Meder), e foi no Rosal onde a precipitación foi máis repartida, entre os días 3 e 5, pero tamén reducida. Tendo en conta estas datas de precipitación, e considerando que a visita ás fincas facémola entre martes e mércores (días 4 e 5 desta semana), simplemente observamos algunha mancha nova illada nas plantas testemuña, nas fincas que levan máis tempo sen tratamentos, e algunha tamén nas partes altas das parras que tiveron un exceso de vexetación e onde non chegaron os funxicidas. Porén, non podemos saber como influirán as choivas mencionadas no futuro, aínda que á vista das previsións meteorolóxicas, que non anuncian  máis precipitación e si tempo seco e ventos sobre todo do norte ou do leste, non parece que vaian ter incidencia algunha.

20180805_Mildio e oidio en planta testemuña20180805_Pouca presencia mildio nas viñas

Oídio

Ao igual que a semana anterior, nesta visita observamos un incremento de follas (e mesmo de pampos) co micelio do fungo. A nivel dos acios, aumentou lixeiramente nos rebuscos, e tamén nesta semana recibimos unha mostra de uva Moscatel fortemente afectada, pero evidentemente trátase dunha infección anterior que non foi controlada.

20180805_Continua aparecendo oidio en folla20180805_Mostra de Moscatel con oidio

Botrite

Aínda que a maioría das parcelas da nosa rede de seguimento e das que visitamos non recibiron tratamento algún fronte a esta enfermidade, apenas observamos uns poucos grans con botrite nalgunha finca, e mesmo os acios das variedades máis sensibles están libres do patóxeno. Coas previsións de tempo seco para os próximos días tampouco hai que esperar que o patóxeno xere problemas.

20180805_Ausencia botrite en penetracion couza20180805_Penetracion e grans en fase podremia

En todo caso, lembren que hai no mercado funxicidas biolóxicos autorizados que aínda poderían ser empregados en caso necesario:

Composición Nome comercial Prazo de seguridade
Aureobasidium pullulans (CEPA DSM 14940) 50% (2,5 X 10E9 CFU/G) + Aureobasidium pullulans (CEPA DSM 14941) 50% (2,5 X 10E9 CFU/G) Botector Non
'Bacillus amyloliquefaciens subesp. plantarum, cepa D747 25% Amylo-X WG 3 días
Bacillus subtilis (CEPA QST 713) 15,67% (5,13 X 10E10 UFC/G ESP) Serenade Max 3 días
Carbonato de Hidrógeno de Potasio 85% Armicarb Non
Eugenol 3,3% + Geraniol 6,6% + Timol 6,6% Araw 3 días

 

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

As capturas de machos da couza Lobesia botrana nas trampas baixaron esta semana en todas as fincas da nosa rede de trampeo, e especialmente na parcela de Goián (O Rosal): 48 individuos recollidos a semana anterior e só 8 nesta. Porén, aínda hai cifras bastante elevadas nalgunhas fincas. Estas diferencias non se reflexan nos recontos de postas ou penetracións nos acios, pois despois do tratamento aplicado en Castrelo están en niveis por debaixo do limiar de intervención, e non só nas fincas da nosa rede senón tamén nas outras viñas que visitamos.

20180805_Postas de couza en albariño20180805_Penetracion couza en rebusco20180805_Penetracion e grans en fase podremia

Cicadélidos

En xeral non observamos variación fronte ao dito a semana anterior: bastantes adultos en voo (non só de Empoasca vitis senón tamén de Zygina rhamni), niveis medios de capturas nas trampas e poucas ninfas nos recontos ás follas.

20180822_Vista parcial trampa cicadelidosAdulto de Empoasca e resto en enves folla vellaNinfas Empoasca en enves folla vella

Ácaros

Esta campaña practicamente non se observou máis que síntomas do ácaro causante da erinose, que se mantén en niveis baixos.

20180822_Erinose en planta novaNalgunha finca se incrementou incidencia de erinoseSíntomas de erinosis de generaciones estivales

Outros

Ademais dos habituais golpes de sol e das plantas con síntomas de enfermidades de madeira, xa estamos a ter chamadas e a recibir mostras de viticultores que teñen acios (sobre todo de Treixadura) con danos da avespa asiática (Vespa velutina). Son danos cos que hai que contar á vista do estendida que está, e só hai que tomar precaucións para evitar sufrir picaduras na medida do posible (ou para limitar os seus efectos en caso de non poder evitala) no momento da vendima.

Mostras de Treixadura cos efectos da avespa asiatica

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana non observamos unha evolución notoria nos danos das eirugas (aínda pequenas en xeral) que están a alimentarse nos buxos que revisamos, pero si recibimos moitas consultas de buxos severamente afectados en diferentes comarcas e provincias, probablemente por estar abandonados (caso do da primeira foto da galería) ou por non terse detectado a tempo a presencia da praga.

20180805_Hai ramas de buxo neste estado20180829_Crisalide de Cydalima en Pontecaldelas

LER MOI BEN A ETIQUETA DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA COÑECER O PRAZO DE SEGURIDADE E ASÍ SABER CANTOS DÍAS DEBEN TRANSCORRER ENTRE A APLICACIÓN E A RECOLECCIÓN. Ademais, a etiqueta informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos, etc.