INFORMACIÓN FITOSANITARIA 05/01/2018

FRONDOSAS

Operophtera brumata

Nesta semana capturamos as primeiras femias desta especie nunha trampa-banda engomada disposta arredor dun tronco de carballo, onde tamén atopamos algún macho debido á atracción exercida pola feromona natural da femia. Igualmente, o número de machos na trampa de feromonas tivo un sensible incremento.

Desde este momento os adultos non capturados copularán e as femias porán unha media de 200-300 ovos cada unha nas cortizas, nos liques que medran sobre as árbores, na base das xemas ou en outros soportes. Neste estado pasarán o resto do inverno para eclosionar na primavera.

Machos e femias de Operophtera brumata en banda engomada Vista parcial da base engomada da trampa

FROITEIRAS EN XERAL E VIÑA

Prácticas culturais

Desde finais do mes de decembro (concretamente desde o día de Nadal na maioría das zonas) as precipitacións están sendo constantes, chegando a acadarse, ata primeira hora do día de hoxe, ata cerca de 200 l/m2 na xeneralidade de estacións de MeteoGalicia da provincia, ou mesmo cerca de 400 na de Fornelos de Montes. Por este motivo, e aínda que algunhas previsións meteorolóxicas anuncian unha melloría relativa do tempo para algúns dos próximos días, non son recomendables as podas desde o punto de vista da sanidade das plantas, xa que con esta humidade é de esperar un elevado inóculo de patóxenos. Si será moi conveniente nos días que veñen retirar froita podre de cítricos (das árbores e do solo), evitar na medida do posible charcas no solo arredor das árbores ou, tan pronto como o tempo se estabilice con certas garantías, realizar unha aplicación de cobre.