INFORMACIÓN FITOSANITARIA 06 XULLO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: (J) - K (73-75 da codificación BBCH)

A pesar de que as temperaturas máximas ao longo destes días foron bastante suaves, volveuse observar unha evolución na fenoloxía das viñas, aínda que menos notoria que a rexistrada entre a semana pasada e a anterior. Deste xeito, a práctica totalidade das viñas que visitamos ten a uva acadando o tamaño chícharo, aínda que hai acios con "baias de 3 mm" e acios en zonas máis adiantadas xa próximos ao peche. Con esta situación, e en xeral, levamos 1-2 semanas de retraso fronte á fenoloxía de 2017, que como sabemos foi adiantada (de xeito similar á de 2015 e 2014), e un adianto lixeiro fronte á dominante a estas alturas na campaña 2016

04xull18_Tamaño uva nunha finca Salnes04xull18_Hai acios adiantados proximos a peche

Mildio

Unha semana máis, e como estaba previsto, houbo certa inestabilidade climática, tendo choiva en varios días, humidades foliares durante períodos de 10-16 horas e humidades relativas diarias altas (xeralmente por riba do 80%). Canto ás temperaturas, as máximas estiveron suaves, pero as mínimas continuaron sendo bastante elevadas, situándose arredor dos 15 ºC. Estas condicións continuaron sendo favorables á esporulación do fungo e ás infeccións secundarias, e non deixan de ser unha continuidade das que houbo a semana anterior e, en realidade, durante practicamente todo o mes de xuño, coincidindo cos períodos de máis elevada sensibilidade do acio á enfermidade.

Estas condicións tan favorables provocaron un novo pico no volume de esporanxios que recolleu o captador situado entre as plantas testemuña da nosa finca de Areeiro: se na semana anterior referiramos un valor máximo de 1112 esporanxios/m3 (día 25 de xuño), nesta semana ese valor case se triplicou, pois o 1 de xullo houbo 3040 esporanxios/m3.

grafica esporanxios

Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo)

Con esta densidade de esporanxios nas plantas testemuña o nivel de danos é elevadísimo e xa hai certa defoliación (aparte da totalidade de acios case secos). Canto ás plantas/parcelas tratadas, nesta semana volvemos facer un recorrido abarcando fincas diferentes das da nosa rede de seguimento, onde observamos ataques de intensidade diferente (e con distinto grao de curación) segundo a comarca e/ou as parcelas, pero practicamente presente en todas elas independentemente da estratexia de intervención, do tempo transcorrido desde a última aplicación e do tipo de  funxicida utilizado tanto no último tratamento como nos anteriores. Canto ás comarcas, en xeral observamos unha situación máis vantaxosa no Salnés e en Soutomaior que no Condado ou O Rosal. Canto ás parcelas, hai situacións moi diferentes mesmo dentro da mesma zona, desde viñas practicamente limpas nas que só hai un único acio cunha porcentaxe feble de ocupación ata viñas cunha presencia de acios con mildio de arredor do 15-20%. Nesta semana, ademais, fixámonos especialmente en fincas cunha exaxerada densidade de vexetación e mal ventiladas, onde a situación é xa preocupante, pois a porcentaxe de acios afectados chega a superar o 50% cunha ocupación do 40-75% da superficie dos acios.

As previsións das axencias meteorolóxicas consultadas anuncian unha melloría do tempo de cara aos próximos días, con ausencia de choivas (sobre todo ata a metade da semana entrante) e temperaturas elevadas, tanto as diúrnas como as nocturnas. Aínda así, a dirección dominante dos ventos prevese que sexa do oeste ou suroeste a maioría dos días, co que seguirán aportando humidade, polo que continuamos nun NIVEL ALTO DE RISCO. Por esta razón, haberá que seguir insistindo na necesidade de NON ABANDONAR A VIXILANCIA PERIÓDICA DAS VIÑAS, pois poden seguir aparecendo síntomas en acio a consecuencia dos diferentes ciclos de infección, en especial naquelas parcelas onde a enfermidade está máis estendida. Caso de aparecer, non dubiden que deben renovar a intervención, procurando ser moi coidadosos na aplicación, mollando moi ben a totalidade das plantas e de zonas verdes da planta, e mesmo "repasando" o tratamento se non se ten a seguridade de telo feito ben. Nun ano climaticamente tan complexo, a calidade das aplicacións é fundamental, como tamén o é o mantemento dun nivel de vexetación axeitado, eliminado todos aqueles gromos ou partes de gromos sobrantes e facendo esfollas que permitan a boa ventilación dos acios.

Lembren que aínda poden comezar os problemas polo perigoso mildio larvado (que xa se empeza a observar) e que, como é sabido, aínda é máis difícil de xestionar con garantías

04xull18_Mildio planta testemuñaVista lateral emparrado con vexetacion que impide ventilacion04xull18_Mildio parcela sen ventilacion04xull18_Mildio en acio4xull18_Mildio en acio4xull18_Mildio en acio_2Grans con micelio mildio e mildio larvado

Oídio

Empezan a aparecer algúns acios con algúns grans afectados, de momento de xeito bastante puntual. No estado fenolóxico dominante na actualidade, "grans tamaño chícharo", a uva é moi sensible a este fungo, polo que o nivel de alerta debe ser máis alto, e cobran aínda máis importancia as labores de esfolla moderada e de eliminación (ou corta) dos gromos sen acios (ou demasiado longos), aparte dunha correcta realización dos tratamentos. 

Excesivo desenvolvemento impide chegada luz aciosTimidamente empeza oidio en acio

Botrite

Nas parcelas que revisamos nós non hai indicios da presencia do fungo, máis que os síntomas atopados semanas atrás nas follas, a pesar de ter recollido nesta semana (o día 1 de xullo) o maior volume de esporas ata agora no captador da finca de Areeiro.

grafica Botrytis

Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo)

No desenvolvemento deste fungo inflúen, aparte das condicións climáticas, outros factores entre os que se atopa a presencia de feridas ou picaduras, ou a sensibilidade da variedade (normalmente relacionada co grosor da pel e co compacto que sexa o acio). Nas nosas parcelas de seguimento e nas outras que visitamos a uva está practicamente libre de lesións e, ademais, a práctica totalidade das plantas son de albariño, que non está entre as variedades máis sensibles. Aínda así, este ano tan húmido hai que estar moi alerta á posible aparición de síntomas na uva, FAVORECER A AIREACIÓN DOS ACIOS, e mesmo aplicar un tratamento se existe a posibilidade de que a uva teña lesións. En relación a este ultimo aspecto, hai que ter moi en consideración o xeito de facer as rozas da vexetación, porque poden facer saltar pequenas pedras que rachan a pel do gran, e as roturas que poida haber naquelas fincas con maior nivel doutras enfermidades. 

Pese ao dito para as fincas que nós revisamos, desde o mércores día 4 temos tido información dalgúns técnicos do Salnés sobre a aparición de danos sospeitosos desta enfermidade nalgunhas fincas. Os síntomas, segundo lles informaron os viticultores que os observaron, apareceron repentinamente a partir dese día. Fixéronnos chegar algúns acios e neles de momento puidemos observar a frutificación do fungo (e tamén de mildio), pero estamos a analizalos para verificar se efectivamente o patóxeno é a causa orixinaria do observado.

Sintoma detectado no Salnes desde 4 xulloDetalle de gran con sintoma detectado SalnesNalguns grans aparecen conidioforos botrite

Pensando en que efectivamente poida ser, ademais de aplicar un tratamento, e como recomendación adicional, é aconsellable eliminar os acios que xa presenten eses síntomas para reducir o nivel de inóculo.

Black rot

Non observamos novos síntomas, pero aínda son posibles as contaminacións tardías mentres a baia está verde, e máis nun ano tan húmido como este.

...as manchas de black rot soen ser redondeadas...pero non sempre

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella).

Na nosa rede de trampeo xa comezou o voo da segunda xeración de Lobesia botrana en todas as comarcas, cun nivel máximo de capturas de 11 machos na trampa de Goián. Nesta segunda xeración, a avaliación da presión da praga non só se debe estimar, como pensan algúns viticultores, polas capturas nas trampas, senón que aínda é máis importante a observación dos acios para a detección de ovos (difíciles de ver) e/ou das penetracións de larvas. Nas nosas parcelas, e polo de agora, non detectamos ningunha incidencia nos acios, e so hai unha presencia moi esporádica de glomérulos nas fincas onde houbo maior presencia na primeira xeración.

Posta de Lobesia botrana en acio de AlbariñoHuevo de Lobesia botrana viable 20xOrificio de penetración dunha eiruga de couza

Cicadélidos

Tamén nesta semana notamos un aumento nas capturas de  cicadélidos na trampa de Goián, pero a maioría dos adultos recollidos son de Zygina  rhamni, que non causa danos. No resto da rede de trampeo apenas hai capturas, aínda que hai trampas que non cambiamos no que vai de campaña. Canto ás ninfas, apreciamos un lixeiro incremento nos controis ao azar que realizamos ás follas, pero de momento, e como dicimos, só lixeiro.

04xull18_Maioria de capturas de Zygina04xull18_Vista de trampa, case sen cicadelidos, colocada a inicio de campañaNinfa de Emposaca vitis no revés da folla

Altica

Nesta semana a presencia de síntomas desta praga na nosa parcela de seguimento de Vide mantívose estable.

Algunhas follas con sintomas Altica en VideLarvas maduras Altica en albariño

Trips

Tampouco evolucionaron os síntomas derivados da alimentación destes insectos onde foran detectados.

Confirmouse presenza de trips nestas follasNinfas de Drepanothrips reuteri

Ácaros

seguimos sen atopar síntomas de acariose ou araña vermella, nin tampouco formas móbiles, nas follas que recollemos semanalmente nas nosas parcelas de seguimento. Iso si, a presenza de erinose parece que se incrementa, en especial en parcelas abandonadas.Erinose en planta abandonada

Outros

Aparte dalgunhas plantas con síntomas de enfermidades de madeira, nunha finca do Rosal cunha mestura de variedades observamos bastantes síntomas do díptero Janetiella oenephila. Lembren que aínda que o síntoma pode chegar a ser bastante visible, en ningún país no que está presente este insecto (os países do sur de Europa e Turquía ou Líbano) tiveron importancia económica, polo que non é preciso tratalo.

Janetiella en folla de Loureira

MACEIRA

Moteado

Aínda atopamos esta semana algunhas manchas novas, o cal era de esperar polo clima húmido que tivemos. Para os próximos días está previsto tempo máis seco, polo que o nivel de risco diminuirá.

Manchas de moteado en folla maceira13xuñ18_Varios sintomas moteado

Se teñen que aplicar un tratamento lembren que deben elixir un funxicida cun curto prazo de seguridade nas variedades máis temperás e RESPECTAR ESTRITAMENTE este prazo

Couza da mazá (Cydia pomonella)

No reconto de trampas feito esta semana o número de capturas estivo entre un e dous machos, incluída a finca onde a semana anterior tiveramos 10 capturas. Porén, empezan a ser visibles os síntomas de actividade das eirugas. Lembren que para garantir, na medida do posible, que as mazás estean libres desta praga a protección debe ser continua.

Claro indicio de Cydia pomonella entre duas mazasSintoma de Cydia pomonella no caliz dunha pera

Fungos de podremia

Sobre todo baixo as árbores de variedades de maduración temperá, as mazás podres (por rachos, por danos de Rhynchites, por alimentación das avespas...) que non foron eliminadas están infectando aos froitos contiguos.  Ademais, xa se ven bastantes mazás podres caídas ao chan. Como sempre dicimos, polo menos estas mazás deben ser eliminadas para evitar máis contaminacións e para impedir que estes froitos podan servir de zona de posta para as moscas da froita.

Un froito podre non retirado infecta proximosMazás arredor dunha maceira en fase de podremia

BUXO

Cydalima perspectalis

Nunha sebe xa empezamos a observar os síntomas característicos do ataque nun par de gromos novos, e tamén eirugas. Revisen moi ben as plantas e fágano de xeito periódico para intervir antes de que aparezan os graves danos que pode causar esta praga.

06xull18_Eirugas de Cydalima06xull18_Empezan a aparecer sintomas de Cydalima

Plátano de sombra

Oídio e Tigre

Xa empezan a ser bastante evidentes nalgunhas aliñacións de rúas e nalgúns parques as árbores con síntomas destes dous parasitos. 

Cada vez mais frecuentes gromos platano con oidioEnves folla platano con Corythucha ciliataSintomas Corythucha en platano