INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 MAIO 2019

A información que aportamos nos avisos e boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores. En todo caso, SEMPRE CONVÉN CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, porque pode haber diferencias mesmo locais. A nosa aportación debe ser considerada máis ben como unha referencia ou orientación, que axude a unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: H - I (57-60/61 da codificación BBCH)

Este ano incorporamos á nosa rede de seguimento algunhas parcelas pertencentes á IXP Ribeiras do Morrazo. Tanto aos seus propietarios como aos das fincas do resto de comarcas (aqueles que levan con nos moitos anos e outros novos), grazas pola confianza

Nas visitas desta semana ás viñas notamos un significativo crecemento dos gromos fronte á semana anterior. Canto aos acios, en todas as zonas e parcelas notamos unha heteroxeneidade no seu estado, de xeito que na mesma viña había desde plantas con acios cos botóns florais separados ata outras cos grans xa formados, pasando loxicamente por outros en flor. O mesmo observamos tamén dentro da mesma planta. Pola súa banda, o desenvolvemento vexetativo que se deu na viña produciuse tamén na vexetación acompañante. Neste sentido, lembren que as labores culturais de roza son fundamentais para a sanidade das vides, máis nesta época de orballos e/ou humidade alta.

Mildio

Aínda a pesar de ter habido temperaturas nocturnas relativamente baixas en xeral ata a noite do día 21, houbo orballo practicamente todas as noites e/ou humidade relativa elevada. Deste xeito, na revisión desta semana, feita entre o 21 e 22, ás parcelas da nosa rede e a outras nas que paramos aleatoriamente, apenas observaramos que nos novos crecementos sen protexer empezaba a aparecer timidamente algunha mancha moi incipiente, a maioría sen frutificación. Tamén observaramos novamente algúns acios afectados naquelas viñas nas que houbo problemas por ter dado as aplicacións en días de moito vento. 

Despois, desde a noite do 22 houbo xa condicións de infección secundaria e onte xoves 23 amañeceu un día con rexistros de temperatura e humidade altamente favorables ao mildio, no que ademais houbo precipitación lixeira e despois sol, co que volvemos revisar algunha finca e descubrimos como se incrementara a presenza e contía dos síntomas neses gromos sen protexer, en especial onde xa estaba rematando o período de protección da anterior aplicación, co que xa recomendamos que se dera un tratamento. 

Tamén da mesma situación nos informaron outros técnicos e viticultores, polo que se aínda non renovaron o tratamento deben facelo o antes posible salvo que tiveran intervido nos últimos días e non tiveran aparecido manchas. En todo caso, para os próximos días as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas apuntan cara tempo seco e ventos, frouxos en xeral, de dirección dominante norte ou nordeste. Só algúns modelos europeos apuntan a unha posibilidade moi feble de precipitación para a noite do luns ou para martes, polo que convén permanecer alerta.

Oídio

Nas revisións realizadas non observamos novos síntomas de oídio, nin sequera naquelas viñas onde apareceran a semana anterior. Sen embargo, a floración é un período que convén protexer fronte a este patóxeno e o día de onte (xoves 23) houbo condicións moi favorables á infección, polo que se aínda non renovaron o tratamento antimildio, poden engadir xa un funxicida antioídio.

Micelio oídio confirmado a lupa binocular en folla albariño20190514_Primeiros indicios de oidio en folla albariño

Botrite

Agora que xa está empezando a haber acios que terminan a floración hai que empezar a estar alerta, sobre todo se hai humidade, de como se desprenden os restos, posto que sobre eles pode instalarse o fungo responsable desta enfermidade. Non obstante, de cumprirse as previsións da maioría de axencias meteorolóxicas, a corto prazo non parece que vaia haber condicións moi favorables ao patóxeno.

Black rot

Non observamos incremento algún na presenza de síntomas desta enfermidade en ningunha das viñas onde apareceran na semana anterior que, lembren, era a maioría das visitadas.

Obsérvanse novas manchas de black rotPicnidios de black rot en testigo 24junio2014

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Esta semana baixaron as capturas de Lobesia botrana nas trampas instaladas nas nosas parcelas de seguimento. Con todo, vimos o primeiro acio cun glomérulo ou niño (iniciándose) nunha finca. En calquera caso, non é necesario en xeral tratar esta primeira xeración da couza.

Ácaros

Unha semana máis, só vimos novos síntomas de erinose, pero continuamos sen detectar poboacións de acariose ou de tetraníquidos. Lembren que non se debe tratar con acaricidas a menos que se confirme a súa presenza para conservar as poboacións de ácaros útiles fitoseidos, reguladores naturais dos ácaros praga.

Aumentou presenza erinose nalgunhas viñas

MACEIRA

Moteado

En diversas comarcas, e sobre diferentes variedades, atópanse síntomas da enfermidade, situación favorecida sen dúbida pola elevada humidade das horas nocturnas e primeiras horas da mañá dos últimos días. Polo tanto, aconséllase non descoidar a protección das plantas, especialmente daquelas de variedades máis sensibles.

Oídio

Non observamos cambios fronte á situación referida a semana anterior. Lembren que si só hai uns poucos gromos afectados, a súa corta e destrución é unha boa medida para frear o avance da enfermidade.

Pulgóns

É bastante xeneralizada a presenza de colonias de pulgón verde que lembren que non produce danos á froita (só ás follas dos gromos terminais). En todo caso, se as plantas son pequenas ou se plantaron con interese ornamental é conveniente aplicar un tratamento antes do enrolado total das follas. Canto a outros áfidos, nas nosas parcelas aínda non os temos detectado.

Colonia de ninfas de pulgón verdeEnrollado de hojas por pulgón verde

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Tampouco nesta semana recollemos ningún adulto, pero como dicimos sempre, a presenza desta praga pode variar en curtas distancias e, se non se teñen trampas instaladas, a protección debe de ser practicamente continua para evitar danos aos froitos.

CAMELIA

Pulgóns

Sobre os gromos máis tenros de moitas camelias obsérvanse xa colonias, de poucos individuos ata o de agora, do pulgón Toxoptera aurantii. Nestes casos aconséllase pinzar ou eliminar eses gromos para evitar que se incrementen as poboacións.

BUXO

Cydalima perspectalis

Seguimos sen capturar os primeiros adultos da bolboreta nas trampas. Tampouco atopamos ovos (moi difíciles de ver) nas revisións que realizamos periodicamente, e de feito observamos gromos novos mesmo en plantas moi afectadas.