INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 AGOSTO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: (L) - M1 [(79)-81 da codificación BBCH]
A ola de calor sufrida a pasada fin de semana, e as temperaturas bastante altas que aínda se manteñen en xeral,  provocaron un avance na fenoloxía das plantas e así xa en todas as fincas de todas as comarcas hai acios iniciando o pintado. Iso si, a porcentaxe de acios con ese estado é moi variable entre fincas, segundo a situación da parcela e as súas condicións particulares, de xeito que as hai con apenas un 10% de acios iniciando este estado e tamén coa maioría deles nesa situación
08ago18_Acio variedade tinta tempera en maduracion08ago18_Empezou pintado en Albariño

Mildio

A ola de calor da fin de semana deu rexistros de temperaturas máximas extremas (superando os 40 ºC en moitas estacións e chegando mesmo a 43,7 na de Cequeliños -Arbo-), e as temperaturas  superiores a 30 ºC, que son as que fan perder vitalidade á frutificación do mildio, foron ininterrompidas durante un número de horas comprendido entre seis e máis de doce segundo o día e a estación. A isto hai que sumar nesas horas valores de humidade relativa extremadamente baixos, da orde de 17-30%. Canto ás temperaturas nocturnas, tamén foron moi altas (mesmo estiveron por riba dos 25º), e nese período non houbo humidade foliar nin humidades compatibles coa esporulación. Despois da ola de calor, as temperaturas nocturnas continuaron por riba dos 13º, aumentou a humidade relativa e xa houbo algunhas horas de humidade foliar, e tamén precipitación lixeira que foi máis xeneralizada na tarde-noite do día 8.
 
Con estas condicións, na revisión feita ás fincas entre os días 7 e 8 observamos unha estabilización dos síntomas no acio (ausencia de síntomas novos) e diferentes situacións a nivel das follas: nas manchas antigas non había zonas de avance e apenas amosaban esporulación viable (incluso as das plantas testemuña) e nos gromos novos había desde fincas con ausencia total de manchas novas (mesmo naqueles dos pampos que baixan ao solo ou nos de plantas abandonadas nos comareiros que bordean a parcela) ata outras con relativa presencia de manchas.
08ago18_Sintomas mildio non avanzaron nin en fincas moi afectadas08ago18_Nin zonas avance en manchas antigas plantas testemuña08ago18_Nalgunhas viñas ausencia milio en gromos novos08ago18_Ausencia mildio gromos novos preto solo.08ago18_Ausencia mildio planta abandonada08ago18_Nalgunha finca mildio en gromos novos
As previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas apuntan cara o mantemento de temperaturas altas (tamén as nocturnas) e tempo seco e maioritariamente soleado interrompido, segundo algunhas axencias, por certa precipitación (en principio feble) entre domingo e luns. De cumprirse estas previsións, o risco potencial de infección será baixo, polo que en xeral non será necesario aplicar tratamento algún ao irse xeneralizando o pintado e non poder afectar o fungo aos acios. Unicamente pode ser conveniente un tratamento naquelas fincas con abundantes manchas novas e que xa durante a campaña tiveran infeccións mal controladas, aplicando nestes casos un funxicida con cobre en doses medias ou baixas.
 

AS DOSES RECOMENDADAS NAS ETIQUETAS DOS PRODUTOS NUNCA DEBEN SER SUPERADAS. Como dixemos na semana anterior, non está permitido facelo e ademais os fitosanitarios poden funcionar peor

En moitas fincas segue habendo gromos excesivamente longos que dificultan a IMPRESCINDIBLE VENTILACIÓN dos acios. A poda desta vexetación "sobrante" pode suplir nalgúns casos a un tratamento potencial, pois elimina manchas e evita retencións de humidade a nivel das plantas

Oidio

Ao igual que no caso do mildio, o pintado é a fase do ciclo da vide a partir da cal o gran manifesta unha resistencia natural ás infeccións por  oídio. Este estado fenolóxico de momento non está xeneralizado nas viñas pero co paso dos días irá facéndoo, e diminuíndo en xeral a necesidade de protección fronte a esta enfermidade. Na visita feita nesta semana ás fincas que revisamos, non atopamos máis que algún gran esporádico co micelio do fungo nas variedades brancas, e algúns acios con certo avance nas tintas, pero en xeral cunha incidencia baixa. 
Alguns grans con oidio onde non chegan ben produtosRachos por oidio en grans variedade tinta
Deste xeito, en xeral non é necesario realizar un tratamento, e só pode ser conveniente en variedades sensibles con infeccións mal controladas desde antigo onde aínda domine o número de acios que non chegaron ao inicio do pintado.
 
Unha labor cultural aconsellable en xeral, e en particular pola sensibilidade que soen presentar ao oídio nestes momentos, é eliminar os acios coñecidos como "rebuscos" naquelas viñas cunha elevada presencia deles: os rachos que poidan producirse nos grans polo oídio poden favorecer os ataques de  botrite cando se dean condicións favorables
Oidio en acio rebusco Aparición oidio nietos

Botrite

As condicións ambientais destes días non son favorables á enfermidade, e de feito apenas vimos un par de grans co micelio do fungo na revisión desta semana ás viñas. Porén, se a sensibilidade do acio a  mildio e oídio desaparece a partir do  pintado, desde ese momento aumenta a susceptibilidade á botrite, que pasa a ser a enfermidade á que se debe prestar atención polo risco que supón. Como se sabe, a humidade, a temperatura, a sensibilidade da variedade de uva e o estado dos grans inflúen na súa instalación. En xeral este ano houbo diversos períodos favorables e hai certa densidade de inóculo no ambiente, polo que hai que estar moi pendentes (sobre todo nas fincas onde houbo danos de calquera natureza) e NON DESCOIDAR as labores que faciliten a aireación dos acios. A curto prazo as previsións meteorolóxicas non anuncian condicións favorables ao fungo, polo que en xeral poden agardar a aplicar un potencial tratamento (que xa sería dirixido SÓ aos acios) ata máis adiante, sobre todo naquelas fincas de propietarios que vaian tendo datas límite de última intervención fixadas pola súas adegas.

Grans con botrite en acio de albariñoGrans con podremia por penetracion couzaAcios de Loureira sas nestes momentos nas nosas parcelas

Black rot

Nas parcelas da nosa rede de seguimento e naquelas outras que imos revisando nos nosos percorridos semanais non hai acios afectados por este patóxeno. Porén, naqueles  casos onde haxa unha certa presencia, como son os dalgunhas fincas de comarcas vitícolas de Ourense ou Lugo segundo nos informan algúns viticultores e técnicos desas zonas, resulta interesante eliminar os acios máis afectados para evitar que os grans momificados caian ao solo e constitúan unha fonte de contaminación para a seguinte campaña.

Acio con black rot O RibeiroPicnidios black rot gran de acio O Ribeiro

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Aínda tendo bastantes capturas nalgunhas trampas (cifras máximas de 31 na parcela de seguimento de Vide ou 29 na da Modia) a presencia de síntomas de actividade das couzas nos acios é baixa nas nosas parcelas de seguimento. Ben é certo que si vimos algún ovo e tamén algunha penetración, pero en todo caso sen aproximarse aos limiares de tratamento que, lembren, están fixados en 3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles.
Adultos de Lobesia teñen este aspecto08ago18_Posta de couza do acio08ago18_Penetracion couza

 

Cicadélidos

Ao igual que na semana anterior, tanto nas trampas instaladas como nos recontos de larvas ou ninfas nas follas, os niveis están lonxe dos limiares de tratamento, e polo tanto os síntomas que apareceron nalgunhas viñas e que poidan semellar aos referidos como provocados por estes insectos non se deben á súa alimentación senón a outras causas como a ola de calor que sufrimos na fin de semana.

Ninfa de Zygina rhamni en folla Estes secados non deben confundirse con danos cicadelidos

Ácaros

En ningunha das viñas que revisamos hai sintomatoloxía destacada do ataque de ningún ácaro.

12xullo18_Erinose de veranErinose en planta abandonada

Outros

Como anunciamos a semana anterior, a ola de calor favoreceu que na maioría das viñas se incrementaran (sensiblemente nalgúns casos) as plantas con síntomas de alteracións da madeira, e que mesmo nalgunhas fincas apareceran por primeira vez.

A calor favorece expresion sintomas madeira 0ago18_Mais plantas con sintomas madeira

Tamén as temperaturas extremas provocaron a manifestación de indicios de carencias e de signos de estrés, sobre todo en plantas novas e/ou débiles.

08ago18_Sintoma carencia tras ola calor08ago18_Efectos ola calor en planta debil

 

Por outra banda, e tamén como era previsible, en todas as fincas apareceron moitos acios afectados por golpes de sol, sobre todo naquelas comarcas con máis insolación e onde se fixeron esfollas demasiado fortes.

08ago18_Sol incide en viñas moi esfolladas e dana aciosGolpe sol en cara exposta08ago18_Golpe sol en planta Condado

 

MACEIRA e PEREIRA

Moteado

Non observamos novos síntomas nas nosas parcelas de seguimento. En caso de danos anteriores nas plantas e de que se desexe tratar, débese ter moi presente o prazo de seguridade do  funxicida a utilizar, pois debe ser estritamente respectado.

Manchas de moteado en folla maceira13xuñ18_Varios sintomas moteado

Couza da mazá (Cydia pomonella)

En dúas das catro trampas que temos instaladas superouse novamente o limiar de tolerancia por capturas de adultos, pero sabemos que as capturas poden variar mesmo entre fincas veciñas. O que é cada vez máis frecuente é a aparición de mazás con podremias a partir das penetracións das eirugas, e sabemos que a froita podrecendo pode atraer ás moscas das froitas. 
Outro xeito de reducir o número de adultos destas moscas é capturar algúns en trampas, que poden ser comerciais ou facerse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se practicarán orificios de ao redor de 5 mm nos laterais e onde se  verterá  vinagre de mazá, ou froita podre, viño, azucre, ou calquera outra sustancia que as atraia. Estas trampas non son selectivas, polo que capturarán máis insectos.
01ago18_Sintoma couza mazaDano inicial de Cydia pomonellaOruga de Cydia pomonella y daño en fruto

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana dominan, nas sebes que nós controlamos, as crisálides  da bolboreta do buxo e tamén observamos os primeiros adultos da nova xeración, polo que a partir de agora haberá que estar pendentes da aparición de ovos e eirugas. Para máis información consulte a nosa ficha técnica

Primeiro adulto visualizado segunda xeracion 2017 CydalimaCrisalida de C. perspectalisOvos de C perspectalis evolucionando 10X

LER MOI BEN A ETIQUETA DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA COÑECER O PRAZO DE SEGURIDADE E ASÍ SABER CANTOS DÍAS DEBEN TRANSCORRER ENTRE A APLICACIÓN E A RECOLECCIÓN. Ademais, a etiqueta informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos, etc.