INFORMACIÓN FITOSANITARIA 31 AGOSTO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: (M1) - M2 - (N) [(81)-83/85-(89) da codificación BBCH]

Como estaba previsto, a comezos de semana houbo certa precipitación (desde menos de 1 l/m2 ata cerca de 7) pero en xeral as temperaturas mantivéronse elevadas ou bastante elevadas nas horas diúrnas (menos nas nocturnas) e houbo sol e ventos secos. Con estas condicións os acios continuaron avanzando cara a súa maduración, e de feito notamos un avance bastante notorio fronte á semana anterior.

Se no aviso pasado falabamos dun avance significativo nalgunhas fincas do sur, esta semana, á vista dos datos de grao alcohólico e da cor dos acios, temos que estender ese fenómeno a todas nas que recollemos uva.

GRAO ALCOHÓLICO (a modo de referencia)

COMARCA

PARCELA

DATA

22/08/2018

29/08/2018

O Condado

Albeos

-

10,33

Meder

-

9,69

Vide

9,29

11,07

O Rosal (*)

Goián

6,19

8,48

Eiras

6,11

7,52

Pazo

-

8,15

O Salnés

A Modia

7,8

9,44

Barrantes

-

9,29

Castrelo

-

8,8

Soutomaior

Soutomaior

7,3

9,39

(*): estes tres viñedos soen ir máis atrasados cos da comarca á que pertencen

As axencias de meteoroloxía consultadas anuncian temperaturas por riba dos 30º ata luns, o que fará que siga aumentando o grao alcohólico e que probablemente se adiante a vendima nalgúns viñedos fronte ao que viñamos anunciando nos avisos anteriores. Iso si, como vimos indicando desde hai tempo, as esfollas para airear as viñas deben ser moderadas, e hai moitas delas nas que foron excesivamente intensas nos pampos onde se atopan algúns acios e poden retrasar a maduración.

Mildio

Como esperabamos e así anunciabamos no aviso anterior, finalmente as precipitacións rexistradas a primeiros de semana foron de escasa contía e non tiveron incidencia especial sobre a vexetación, pois na totalidade de parcelas que visitamos (as da nosa rede e outras) apenas observamos unhas poucas manchas nas follas novas dos pampos. Iso si, nas plantas testemuña que carecen de calquera tratamento ao longo da campaña, si que apareceron varias manchas novas e hai frutificación visible.

Para os próximos días, as axencias meteorolóxicas que consultamos anuncian unha fin de semana con moita calor e sen precipitación, pero prevén probabilidades de choiva comprendidas entre o 20 e o 60% (segundo axencia) entre luns e mércores, para despois estabilizarse o clima pero con temperaturas máis moderadas cas de sábado, domingo (e luns segundo algunha axencia). Con estas condicións, non é de esperar que se produza unha infección importante, e aínda que aparezan manchas non deberían ocupar moita superficie da folla.

Oídio

Nesta semana observamos un incremento na presencia de follas co micelio do fungo, pero loxicamente os acios xa non están afectados ao non ser xa susceptibles.

Botrite

Sabemos que na aparición deste fungo xogan un papel moi importante os danos previos nos acios ademais das condicións climáticas e a situación agronómica das fincas. Tendo en conta isto, nesta semana observamos situacións diferentes nas viñas que revisamos. Así, nalgunhas non había indicio algún do fungo nos acios, nin sequera nos secos por diferentes causas ou con feridas.

Porén, noutras viñas atopamos algún que outro acio con micelio do fungo sobresaíndo de perforacións de couza, pero isto tamén foi anecdótico, e de feito en xeral os acios de variedades máis sensibles como Treixadura, Godello ou Loureira están sans.

A situación pode variar se as precipitacións que se anuncian para a semana próxima provocan un humedecemento prolongado a nivel dos acios, polo que hai que manter a vixilancia. No caso de que non teñan limitación de data de tratamentos polas súas respectivas adegas, aínda hai funxicidas que se poderían aplicar por ter menor prazo de seguridade e/ou ser biolóxicos. Segundo o Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio estas opcións serían:

 

Composición Nome comercial Prazo de seguridade
Aureobasidium pullulans (CEPA DSM 14940) 50% (2,5 X 10E9 CFU/G) + Aureobasidium pullulans (CEPA DSM 14941) 50% (2,5 X 10E9 CFU/G) Botector Non
'Bacillus amyloliquefaciens subesp. plantarum, cepa D747 25% Amylo-X WG 3 días
Bacillus subtilis (CEPA QST 713) 15,67% (5,13 X 10E10 UFC/G ESP) Serenade Max 3 días
Carbonato de Hidrógeno de Potasio 85% Armicarb Non
Eugenol 3,3% + Geraniol 6,6% + Timol 6,6% Araw 3 días
     
Fenhexamida 50% Teldor 14 días
Fenpirazamina 50% Prolectus 14 días
Fluopyram 50% Luna Privilege 14 días

 

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nas parcelas da nosa rede de seguimento esta semana deuse a circunstancia de que baixaron as capturas de machos de Lobesia botrana nas comarcas do Condado e subiron nas do Rosal e O Salnés. Nestas dúas zonas, o incremento foi realmente significativo nas fincas de Goián (O Rosal), que pasou de ter 8 a 48 machos recollidos, e no Salnés nas da Modia (de 4 pasou a 58) e Barrantes (de 4 a 43). Porén, o reconto de postas ou penetracións larvarias foi moi baixo en todas as fincas salvo en Castrelo, onde se superou o limiar de tratamento e por iso decidimos aplicar un insecticida biolóxico. En realidade, sabemos que o limiar de tratamentos depende nas couzas, máis que de si mesmas, da sensibilidade da uva á botrite (3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles) polo que se aplicaron un antibotrítico non deberían ter maiores problemas; se non o fixeron, aínda poden tratar fronte á couza con insecticidas biolóxicos (consulte aos técnicos) no caso de superarse os limiares nas súas fincas .

Cicadélidos

Volvemos observar máis adultos en voo na nosa visita ás viñas, pero nas trampas non se acada o limiar de tratamento. Canto aos recontos de ninfas nas follas, os valores nas parcelas revisadas por nós son insignificantes.

20180822_Vista parcial trampa cicadelidosAdulto de Empoasca e resto en enves folla vellaNinfas Empoasca en enves folla vella

Ácaros

Ao igual que a semana anterior, na visita ás viñas observamos novos síntomas de erinose de verán, pero con escasa incidencia en xeral.

20180822_Erinose en planta novaNalgunha finca se incrementou incidencia de erinoseSíntomas de erinosis de generaciones estivales

Outros

Continúa aumentando o número acios que presentan danos por golpe de sol, en moitos casos debido a unhas esfollas excesivas.

MACEIRA

Moteado

Nalgunhas fincas que visitamos observamos síntomas na folla, pero cunha incidencia moi baixa.

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nas trampas da nosa rede de seguimento as capturas de machos nesta semana estiveron comprendidas entre cero e dúas. Aínda así lembren que a praga pode afectar aos froitos ata o momento da colleita. Tampouco esquezan que no outono-inverno hai que retirar e queimar (ou destruír), as bandas-trampa de cartón ondulado que se instalaron para a captura das eirugas que se retiraron para pasar o inverno.

20180822_Excrementos indicio de actividade de Cydia pomonellaSintoma de penetracion de couza en mazaEiruga de Cydia pomonella e dano en froito

Outros

Cada vez son máis as plantas con abundantes mazás no solo, e estas mazás presentan feridas e podremias que se iniciaron polas picaduras de insectos ou por outras causas, fundamentalmente paxaros. Como sempre dicimos estes froitos deben ser eliminados para evitar que continúen o seu desenvolvemento especies de dípteros das froitas (que cada ano son máis frecuentes na nosa zona) e que se estenda a contaminación polos fungos oportunistas.

PATACA

Corazón oco

Algúns particulares coméntannos que teñen algúns tubérculos aparentemente sans pero que teñen no centro unha ou dúas cavidades ovais ou en forma de estrela máis ou menos estendidas. Trátase dunha alteración (que tamén ten sucedido outras campañas) causada por un desequilibrio hídrico no crecemento do tubérculo a consecuencia da climatoloxía cambiante deste ano.

BUXO

Cydalima perspectalis

Continúa a evolución do ciclo desta praga cada vez máis estendida en Galicia, e de feito se ata agora sabiamos da súa presencia nas provincias de Pontevedra e A Coruña, este ano estamos a ter numerosas consultas tamén de Ourense. Na nosa provincia atopamos esta semana diversidade de situacións segundo as zonas, desde eirugas pequenas alimentándose ata crisálides recentemente formadas e tamén adultos. É importante vixiar a situación de cada sebe ou planta en particular co obxectivo de tratala antes de que sexa máis difícil o control destas voraces eirugas.

LER MOI BEN A ETIQUETA DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA COÑECER O PRAZO DE SEGURIDADE E ASÍ SABER CANTOS DÍAS DEBEN TRANSCORRER ENTRE A APLICACIÓN E A RECOLECCIÓN. Ademais, a etiqueta informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos, etc.