Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 27 AGOSTO 2020

Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso

A proximidade da vendima (o groso comezará, segundo nos informaron, a semana do 7 de setembro), as previsións meteorolóxicas de, como moito, precipitacións de escasa contía e só algún día, e o bo estado fitosanitario xeral motivan que esta semana finalizaramos os percorridos polas viñas e a emisión da información fitosanitaria semanal por esta campaña, polo menos no que á viña se refire.

Agradecemos aos viticultores e propietarios das parcelas da nosa rede a confianza que seguen a depositar en nós e a súa colaboración total, sen a que non sería posible elaborar esta información. Tamén agradecemos a colaboración dos técnicos que nos proporcionaron datos en diferentes momentos. Por último, a nosa gratitude a todas as persoas que leron esta información e a difundiron durante estas semanas.

Seguiremos publicando información sen unha periodicidade fixa en todos aqueles momentos en que sexa necesario.

VIÑA

Estado fenolóxico: N (89 da codificación BBCH)
20200825_Estado maduracion albariño

As uvas de Albariño xa presentan a cor e o aspecto xeral propios da maduración na grande maioría das viñas que visitamos, e as informacións que nos proporcionaron técnicos e viticultores, así como os resultados das análises de grao que fixemos nunha parcela media de cada unha das tres principais comarcas da provincia, así o constataron.

 

Comarca Brix (%) Grao alcohol Acidez total (mol H+/L) Ác. Tartárico (g/L) Ác. Málico (g/L) Ác. Cítrico anhidro (g/L)

Parcela Condado

19,9

11,34

178,9

13,4

12,0

11,4

Parcela Rosal

18,7

10,53

195,2

14,6

13,1

12,5

Parcela Salnés

20,0

11,4

177,6

13,3

11,9

11,4


 

Mildio

Como era de esperar, esta semana atopamos en todas as viñas máis gromos con mildio con frutificación nas follas terminais, e tamén áreas con avance nas manchas vellas de moitas delas. Porén, en ningunha delas apareceron síntomas da enfermidade nos pampos, nin sequera nas plantas que levamos sen tratar desde o 18 de xuño ou nas testemuñas sen tratamentos en toda a campaña. Pola súa banda, só atopamos un rebusco coa frutificación característica.

20200825_Mildio gromo terminal todos predios20200825_Maioria manchas novas frutificadas20200825_So nunha viña mildio nun rebusco

Sen dúbida as manchas seguirán manifestándose ata a vendima, pero xa sen incidencia sobre a maduración, e despois de recollida a uva continuará o avance da enfermidade sempre que haxa condicións climatolóxicas favorables que, a día de hoxe, non se prevén a maioría dos días. Aínda así, despois da vendima faremos un novo percorrido polos predios para comprobar a situación antes da caída da folla e así determinar si será necesario un tratamento cúprico (que nós non demos na maioría das viñas) para garantir o bo agostado da madeira.

Oídio

O incremento, tanto no número de follas como no de rebuscos afectados polo patóxeno fronte ao observado a semana anterior foi mínimo nas viñas visitadas. Na revisión post vendima que faremos comprobaremos o avance da enfermidade e a potencial conveniencia de aplicar un tratamento para reducir o nivel de inóculo para a seguinte campaña.

20200825_Oidio rebusco ben desenvolvido20200818_Oidio en folla foi o patoxeno mais frecuente

 

Botrite e outras podres da uva

A humidade derivada das choivas da semana anterior (que chegaron a acadar máis de 90 l/m2 en Soutomaior ou 60-70 l/m2 nas estacións de MeteoGalicia de outras áreas vitícolas) condicionou a aparición dalgúns acios afectados en diferentes predios, pero cunha incidencia moi baixa en xeral, ata o punto de que mesmo nas plantas de variedades tan sensibles coma Treixadura ou Loureira que temos nalgunhas parcelas apenas había un gran afectado. Estas observacións demostran que o estado previo das uvas é determinante, pola presenza ou non de feridas, na aparición do fungo, e nas viñas que nos visitamos era moi bo este ano.

20200825_Podre variedade tinta sensible202008525_Frutificacion botrite

 

Avelaíñas do acio

Na revisión desta semana non observamos novos síntomas das eirugas nin tampouco recollemos adulto algún nas trampas. Iso si, nunha viña do Rosal e noutra do Salnés notamos un incremento no número de ovos, algúns deles nos rebuscos.

As postas de couza son dificiles de verPostas de Lobesia e sedas e excrementos da eiruga

 

Cicadelidos

O número de adultos de cicadelidos Empoasca vitis e Zygina rhamni recollido nas trampas das nosas parcelas de seguimento ao longo da campaña foi moi reducido. Canto a Scaphoideus  titanus, non volvemos capturar ningún despois do exemplar do Rosal mencionado hai dúas semanas. Porén, imos manter as trampas amarelas máis tempo debido a que temos capturado esta especie despois incluso da vendima.

20200818_Algunhas viñas trampas limpas cicadelidos toda a campaña20200818_Mais Zigina que Empoasca en moitas trampas



 

Ácaros

Nesta campaña sen dúbida foron os ácaros da erinose os que máis frecuentemente se atoparon nas viñas, e só moi puntualmente apareceron síntomas confirmados de acariose.

20200818_Gromos novos moita erinose alguns predios20200818_Hai viñas con moita erinose



 

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Nas sebes que revisamos nós, esta semana observamos certas diferenzas entre os máis expostos ao sol das comarcas do sur e o resto. Así, mentres os primeiros estaban devastados pola alimentación das eirugas e xa non atopamos ningunha, no resto dominaban eirugas desde o estado L3. A presenza de eirugas era variable segundo a sebe, polo que non é posible aportar unha recomendación xeral máis que a de continuar as revisións, polo menos mentres haxa síntomas nos gromos máis novos, co fin de tratar en caso necesario.

20200825_Estado sebe no Condado tras eirugas Cydalima20200825_Nalgunha sebe eirugas ultimos estados