INFORMACIÓN FITOSANITARIA 15 XUÑO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: I - J (con H nas viñas máis atrasadas) [65-68 da codificación BBCH (con 57-60 nas viñas máis atrasadas)]
Fallos no callado do acio

A coincidencia do recente episodio de choivas case continuas coa floración na maior parte dos viñedos provocou que en moitos deles se observen fallos no callado das uvas. A incidencia deste fenómeno nas fincas que revisamos non é especialmente elevada e afecta apenas a grans dun 2% dos acios, pero si visitamos unha finca cunha presenza maior (7-10% de acios que o presentaban).

Os grans afectados aparecen secos á vista, polo que algúns viticultores confundíronos con síntomas de mildio, pero trátase desta alteración

 

Mildio

No aviso anterior anunciabamos que poderían aparecer síntomas desta enfermidade ao longo dos días a consecuencia dos diferentes episodios contaminantes favorecidos polo clima húmido que tivemos. Pois ben, xa o luns día 11 observamos as primeiras manchas neoformadas (afectando neste caso a follas da parte máis tenra dos gromos) e acios afectados nas plantas testemuña de Albariño da nosa finca de Areeiro, pero non había síntoma algún nas plantas sometidas a tratamento. Despois, nas viñas visitadas no noso percorrido semanal de martes e mércores comprobamos a mesma circunstancia, é dicir, manchas afectando a plantas sen tratar, neste caso de diferentes variedades, que mantemos nalgunhas parcelas ou que se atopan abandonadas en comareiros ou bordes dos camiños. Porén, nas plantas tratadas (e protexidas desde diferentes momentos segundo a finca) a situación é totalmente distinta, e as zonas de avance de síntomas antigos que observaramos na visita anterior están ben controladas, salvo na finca do Rosal á que fixeramos referencia no aviso anterior, onde mellorou o estado xeral pero aínda hai certa presenza de esporulación viable.

Para os próximos días as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian clima seco e soleado, con temperaturas xa propias para a época do ano (superando nalgunhas localizacións os 30ºC), e ventos do norte ou do nordés. Con estas condicións, que xa se están empezando a notar desde o martes 12, o risco de infección diminúe sensiblemente polo que non deberían aparecer novos síntomas nas viñas protexidas. Iso si, como aínda as viñas están nun período de elevada sensibilidade ao patóxeno, hai que seguir mantendo a vixilancia, en especial en viñas moi frondosas e/ou menos aireadas ou que tiveran presentado ata o de agora síntomas mal controlados.

Nas viñas con excesivo desenvolvemento da vexetación e nas que maioritariamente tivera finalizado a floración xa poden iniciar as labores de poda en verde, sobre todo considerando que nos próximos días é de esperar que aínda haxa maiores crecementos debido á humidade acumulada e ás temperaturas altas. Ademais, lembren sempre manter a cuberta vexetal ben segada. Como sempre dicimos, estas labores agronómicas son case tan importantes como a propia aplicación dos fitosanitarios, e mesmo poden axudar a reducir o número de intervencións ao xerar condicións menos propicias para os fungos

11xuñ18_Manchas en testemuña Albariño11xuñ18_Manchas empezando a formarse en testemuña11xuñ18_Frutificacion mildio en folla testemuña11xuñ18_Frutificacion mildio en acio testemuña13xuñ18_Manchas en folla de planta abandonada13xuñ18_Mildio en acio de planta abandonada13xuñ18_Os gromos medraron moito polas choivas deste ano

Oídio

Nesta semana atopamos os primeiros síntomas do fungo en folla de Albariño, tanto na nosa finca de Areeiro como noutra da nosa rede de seguimento da comarca do Condado. Ademais, tamén vimos novos síntomas na variedade tinta moi sensible onde xa detectaramos o fungo nesta campaña. Con todo, os síntomas en Albariño eran moi puntuais e só limitados a un par de plantas por parcela, sendo a xeneralidade a ausencia de sintomatoloxía. Por este motivo, e pese a estar nun período de elevada sensibilidade ao fungo e a que as temperaturas elevadas tamén o favorecen, consideramos que en xeral non é urxente tratar e que se pode agardar a renovar as intervencións fronte ao mildio para aplicar o tratamento fronte a este patóxeno salvo naquelas fincas cun historial de danos importantes por este fungo.

Se localmente se produciran néboas ou nebulosidade que provocara un filtrado da luz solar e/ou un incremento da humidade habería que elevar o nivel de atención e tratar se se detectan síntomas

Micelio de oídio en follaSintoma de oidio en pampo

Botrite

Na revisión desta semana unicamente observamos algún síntoma novo en folla, pero ningún no acio, nin sequera sobre os restos de capuchóns florais adheridos aos grans en formación, e iso que nalgunhas viñas aínda son moi frecuentes. De cara aos próximos días, coa melloría do tempo e a baixada da humidade relativa asociada, o risco de infección será moi feble, e máis aínda no caso de realizarse podas en verde e calquera outra labor que elimine o exceso de vexetación, co que se evitarán retencións puntuais de humidade foliar nocturna (se a hai).

Necrose causada por botrite13xuñ18_Sintoma botrite en albariño

Black rot

Desta enfermidade non observamos máis síntomas nesta semana. Ademais, do mesmo xeito que comentamos para a botrite, as condicións de clima estable previstas non favorecen ao fungo responsable desta patoloxía.

...as manchas de black rot soen ser redondeadas...pero non sempre

Couzas do acio (Lobesia botrana,Eupoecilia ambiguella)

Está a rematar (ou rematou xa) o voo da primeira xeración de Lobesia botrana (ver curvas de voo, publicadas esta semana por primeira vez na campaña), e nas próximas xornadas espérase que comece o da segunda xeración.

Canto aos niños ou glomérulos, os niveis de presenza na xeneralidade das parcelas que visitamos está entre o 8 e o 15% dos acios, salvo na viña do Rosal á que faciamos referencia no aviso anterior, onde hai máis do 50%, e normalmente con máis de 3 niños por acio. Se ben é certo que os glomérulos son un síntoma máis alarmante que perigoso, nesta última finca si está xustificado neste momento un tratamento e máis nunha campaña como esta na que houbo un aclareo de grans producido polas choivas na floración, ao que habería que engadir o debido a esta praga.

13xuñ18_Varios glomerulos en acio RosalGlomerulos en granos en diferente estado en torno a floracion

Cicadélidos

A presenza destes insectos chupadores segue a ser moi baixa, pero coa subida de temperaturas é de esperar que haxa un incremento de poboacións e polo tanto de capturas de adultos nas trampas e de larvas e ninfas nos recontos ás follas.

Capturas illadas de cicadelidos Zygina pero non EmpoascaAs capturas de cicadelidos seguen a ser mínimas

Altica

Detectamos nesta semana máis follas afectadas na nosa parcela de seguimento de Vide, algunhas delas con larvas de poucos días. Porén, a súa incidencia é baixa.

13xuñ18_Larvas de Altica en Vide6xuñ18_Sintoma de Altica en parcela Vide

Ácaros

Continuamos sen observar síntomas de acariose este ano, pero é necesario manter a vixilancia. Coa melloría do tempo poden aparecer síntomas que semellen aos causados por este ácaro debidos aos trips ou outros insectos ou alteracións ambientais, polo que é importante lembrar que o diagnóstico certeiro desta praga só se pode facer mirando as follas á lupa.

Se debe confirmar si las punteaduras son por acariosis u otros fitofagosColonia de Calepitrimerus vitis_ 30x

MACEIRA

Moteado

Observamos nas plantas que non recibiron tratamento un incremento notorio na presenza de síntomas, basicamente en folla (nos froitos das plantas afectadas apenas empezan a aparecer). Trátase dunha situación esperada debido ao elevado risco de infección dos días pasados a consecuencia da humidade relativa elevada acompañada de temperaturas suaves. Segundo todas as axencias meteorolóxicas consultadas o tempo estable e cálido dominará nas próximas xornadas, polo que será freado o desenvolvemento do fungo.

13xuñ18_Manchas de moteado en maceira13xuñ18_Varios sintomas moteado

 

Oídio

Nas plantas da variedade Golden de dúas parcelas da nosa rede de seguimento o incremento de follas afectadas por este fungo, que xa se producira tamén na semana anterior, é suficiente como para xustificar un tratamento dirixido a esa variedade. No resto de variedades apenas si se modificou o nivel de ataque. 

Se a presenza de gromos con oído é baixa, a simple eliminación dos afectados axuda a limitar a propagación do fungo

Gromo de maceira completamente invadido polo oídioEn xeral non avanzou o oidio nas maceiras

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Sendo moi estritos en canto ao limiar de tratamento, das nosas parcelas de seguimento só non teriamos que tratar en Areeiro, pois no resto recollemos entre 2 e 3 adultos. Porén, dado que só observamos un síntoma inicial de dano ás mazás nun único froito dunha finca, imos agardar a comprobar a evolución, pensando en considerar o limiar que soemos aplicar: 3-4 adultos á semana. No caso de non ter trampas e de non facer observacións nas froitas lembren que o único xeito de reducir os danos é aplicar tratamentos insecticidas de xeito reiterado segundo a persistencia do produto empregado.

Dano inicial de Cydia pomonellaCarpocapsa pomonella - Penetración larvaria en froito da variedade golden

Outros

As colonias de pulgón nas nosas parcelas de seguimento seguen en niveis aceptables e mesmo en ningunha delas detectamos aínda o pulgón laníxero. Por outra banda, nunha finca que visitamos esta semana puidemos observar algúns gromos co síntoma característico do gurgullo Rhynchites coeruleus, que en xeral non ten importancia.

13xuñ18_Diferentes estados de pulgon en gromo de maceira13xuñ18_Dano por Rhynchites coeruleus

PEREIRA

Moteado

Nas plantas dunha variedade da nosa parcela de seguimento do Castelo de Soutomaior incrementouse a presenza do fungo, que mesmo empeza a afectar a algúns froitos.

Follas de pereira con moteadoFroito de pereira con moteado

MARMELEIRO

Entomosporium maculatum

Se na semana anterior anunciabamos que o incremento no nivel de follas afectadas por este fungo non fora tan significativo como esperabamos, nesta semana temos que dicir o contrario, pois observamos en varias localidades algunhas necroses nas follas afectando a unha superficie superior ao 50% do limbo foliar. Polo tanto, nestes casos convén aplicar un tratamento para evitar a defoliación e consecuentemente a perda dos froitos.

Manchas de Entomosporium con los cuerpos frutiferos del hongo en el centro13xuñ18_A humidade provocou avance Entomosporium

Oídio

Tamén observamos un incremento ben notorio das follas afectadas por oídio.

Forte presenza de oídio en folla de marmeleiro13xuñ18_Oidio en marmeleiro

CÍTRICOS

Psila africana (Trioza erytreae)

O desenvolvemento dos gromos nestes intres, que seguramente se verá favorecido nos días que veñen polo aumento previsto nas temperaturas, está a favorecer a posta por parte das femias deste insecto. Os gromos con presenza de ovos son sinxelos de recoñecer só con certa agudeza visual (ver imaxe baixo o texto). A súa eliminación manual é unha medida de contención das poboacións que evita o nacemento das ninfas, as causantes dos danos.

Huevos de Trioza erytreae en brote joven de limoneroFemia de Trioza erytreae

VARIAS PLANTAS DE HORTA

Mildio

Como era de esperar, nas plantas non tratadas incrementouse a presenza de síntomas, sobre todo naquelas de baixa altura como son as patacas. Se nas próximas xornadas se produce unha importante evaporación da auga do solo polo incremento de temperaturas haberá que estar moi atentos, e renovar as aplicacións en caso de que continúen manifestándose síntomas.

Mildio esporulado en patacaPlanta de tomate afectada de mildiu

BUXO

Cydalima perspectalis

Nas revisións desta semana ás sebes de Areeiro atopamos algún novo adulto da bolboreta do buxo e tamén as primeiras postas, aínda que de xeito moi esporádico. Porén, nas plantas revisadas noutras parcelas non os atopamos, polo que pensamos que aínda se está iniciando esta xeración. Iso si, haberá que estar moi pendente do nacemento das primeiras eirugas.

13xuñ18_Forma escura de Cydalima perspectalisOvos de C perspectalis eclosionados 40x-2Eirugas neonatas Cydalima en planta

PLATANO DE SOMBRA

Antracnose

Debido á humidade do ano non é raro observar nestas árbores os síntomas característicos deste fungo, cuxo tratamento idóneo é no momento da saída das follas.

Antracnose en platano13xuñ18_Antracnose platano

Tigre do plátano

Tamén nalgunhas localidades empezan a verse as primeiras follas coas picaduras de alimentación deste insecto, que máis cara o  verán produce un cambio do color das follas (do verde ao amarelo-ocre) e pode mesmo causar a súa caída.

Face da folla de platano coas picaduras de Corythuca13xuñ18_Ninfas de Corythucha ciliata