A estación > Visitas á Finca Areeiro

VISITAS Á FINCA AREEIRO

A Deputación de Pontevedra pon a disposición da cidadanía e colectivos como centros educativos, asociacións ou outras agrupacións, organizados en grupos de ata 25 persoas, a realización de visitas guiadas e gratuítas á Finca Areeiro.

A Estación Fitopatolóxica Areeiro (EFA) é un centro de referencia e ten un alto prestixio a nivel nacional e internacional debido ao labor desenvolvido no ámbito da sanidade vexetal, na investigación e experimentación sobre cultivos forestais, agrícolas ou ornamentais como a camelia e na defensa e conservación do patrimonio vexetal da provincia. Neste centro traballa un equipo de cerca de 40 profesionais de distintas áreas, todas e todos cun mesmo obxectivo: mellorar as producións dos cultivos e traballar en sanidade vexetal para levar a cabo métodos de loita respectuosos co medio natural.

Situada nun enclave privilexiado da ría de Pontevedra, a EFA conta con laboratorios dedicados ao diagnóstico e investigación das pragas e enfermidades dos vexetais, á edafoloxía e a estudos de cultivos e, nas súas cerca de seis hectáreas de superficie, conta con plantacións piloto de froiteiras (kiwi, feixoa, mora, mirabeis, guaiabo fresa etc.), coa colección de camelias da Deputación de Pontevedra (con máis de 1.000 exemplares plantados), a primeira plantación de té de Galicia, un xardín de aromáticas e outras especies vexetais de interese, que fan que sexa un xardín con carácter didáctico atractivo para as e os visitantes tanto profesionais coma afeccionados.

A apertura dos xardíns ao público ten un sentido didáctico e formativo, cuxa visita se realizará acompañada por guías especializadas e especializados, e permitirá dar a coñecer o traballo que se está a desenvolver, así como o patrimonio que forman os seus xardíns.

As visitas levaranse a cabo todos os martes e xoves non festivos e dous sábados ao mes desde novembro de 2022 en horario 10 h a 12 h, cunha duración aproximada de dúas horas.

As persoas visitantes poderán realizar un percorrido polo predio no que se explicarán os seguintes temas:

  • A Estación Fitopatolóxica Areeiro. Que é e a que se dedica: un pouco de historia
  • As orixes: que é a fitopatoloxía, a súa importancia e repercusión na produción de alimentos
  • A camelia, a flor de Galicia; Xardín Pedro Mansilla
  • Camelias figo: só para os ollos do emperador. O xardín de Franco Ghirardi
  • Insectario e viveiro de forestais: a loita contra as pragas
  • Plantación de kiwi: a tecnoloxía detrás da froita
  • Plantación de té, a bebida máis consumida do mundo
  • A camelia máis aló do seu uso ornamental
  • A feixoa: unha froita exótica que lle debe o nome a Galicia
  • A importancia dos froitos de outono, os froitos secos
  • Fentos arbóreos, o recordo do pasado

Despois da visita, e dependendo da época do ano, realizarase unha cata de produtos obtidos no predio (froitas de tempada, té…).

Por razóns de organización e eficacia na realización da visita, o grupo estará formado por un mínimo de 10 e un máximo de 25 visitantes, incluída en ambos os casos a persoa responsable do grupo, quen acompañará as e os seus integrantes en todo momento. Se o grupo superase o número máximo establecido, deberá solicitarse o número de visitas que se precisen en función do número de visitantes do grupo. Será necesario reservar a visita cunha antelación mínima de 24 horas antes da súa realización.

Os colectivos profesionais (universidades, escolas agrarias, centros profesionais, bodegas etc.) relacionados coas actividades científicas da EFA poderán solicitar mediante instancia xenérica a visita aos laboratorios en grupos de menos de 10 persoas.

Seleccione unha data

    decembro    
    2022    
Lu Ma Xo Ve Do
1 2 3 4
5 6 7 8 9 10 11
12 13 14 15 16 17 18
19 20 21 22 23 24 25
26 27 28 29 30 31