INFORMACIÓN FITOSANITARIA 18/05/2018
VIÑA
O tempo estable e soleado que houbo a semana anterior e despois desde o luns 14 favoreceu que as viñas tivesen un bo ritmo de desenvolvemento e que mesmo nas zonas máis cálidas xa haxa floración nos gromos que nacen nalgúns patróns e nas viñas "bravas". Se o tempo nos próximos días permanece soleado e as temperaturas son altas, pronto se iniciará tamén en albariño e outras variedades produtoras
Mildio
A pesar das choivas do pasado fin de semana (de escasa contía na maioría dos casos pero superando os 10 l/m2 nalgunhas estacións), o tempo seco e cálido que houbo despois, as baixas temperaturas nocturnas e, moi importante, os ventos do norte de intensidade moderada que secaron rapidamente o ambiente, levaron a que o estado das viñas sexa bo ou moi bo en relación a esta enfermidade. Aínda así, é certo que na revisión ás parcelas da nosa rede e ás outras que tamén observamos, atopamos algunha mancha moi incipiente apenas esporulada e algunha que outra vella con esporulación activa (houbo condicións para a esporulación a noite do 13 ao 14 na maior parte das estacións e o mesmo nalgunhas esta pasada noite do 17 ao 18).
Aparte de prestar atención ás condicións ambientais nas que se fan as aplicacións, hai que fixarse moi ben nos extremos das filas de plantas e tamén, se é o caso, nas plantas exteriores das parras, pois é nelas onde topamos máis síntomas
Oídio
Apenas avanzou o síntoma detectado a semana anterior na variedade tinta sensible, mentres que en albariño aínda non hai indicios do fungo, polo menos nas parcelas que nos revisamos. Tendo en conta que para os próximos días as previsións apuntan a tempo soleado, se finalmente é así é posible que tampouco aparezan, posto que as condicións de luz máis favorables ao fungo neste sentido son visibilidade algo reducida por nubes ou néboas.
Black rot
Observamos o primeiro síntoma da enfermidade nunha única folla dunha parcela de seguimento de O Condado onde tradicionalmente hai presenza da enfermidade, aínda que con escasa incidencia.
Couzas do acio
Continuamos sen observar signos de actividade das couzas pese a que loxicamente hai capturas de machos de Lobesia botrana (de Eupoecilia ambiguella aínda non recollemos ningún individuo) nas trampas das nosas parcelas de seguimento.
Cicadélidos
Segue a ser moi reducido o número de adultos de cicadélidos (e ningún de Empoasca vitis) recollido nas trampas. Tampouco observamos larvas nos controis que efectuamos semanalmente ás follas para a detección de larvas.
Ácaros
Nesta semana seguimos sen observar síntomas (ou presenza, nas follas que recollemos para comprobar no laboratorio) do ácaro da acariose, pero si apreciamos nunha finca unha incidencia maior de erinose, especialmente en follas basais.
Outros
Empezan a ser notorios algúns síntomas de alteracións da madeira en plantas dalgunhas parcelas onde xa se detectaran na campaña anterior e que non foran podadas. Lembramos que se o síntoma se limita a algún brazo, pode eliminarse (mellor despois da floración e en tempo seco), desinfectando moi ben a tesoira e aplicando un funxicida sobre o corte. Se non é así, lembren ir marcando estas cepas para telas identificadas no momento da poda invernal.
MACEIRA
Moteado
A pesar das precipitacións do pasado fin de semana, non observamos novos signos da enfermidade, posiblemente a consecuencia do secado rápido da vexetación que produciron os ventos rexistrados. Do mesmo xeito temos que pensar que si o tempo permanece estable non haberá risco elevado de infección nos próximos días. Manter a vixilancia.
Oídio
Se na revisión anterior notaramos un incremento dos síntomas nas fincas onde se detectara a enfermidade anteriormente, nesta semana non houbo tal aumento e a situación está controlada.
Pulgóns
Obsérvanse de xeito máis ou menos puntual colonias de pulgón verde que, nalgúns casos, xa empezan a producir enrolados de follas. Das outras especies ainda non hai individuos, polo menos nas parcelas que nos visitamos.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
PEREIRA
Torcegromos (Janus compressus)
CERDEIRA e OUTROS CULTIVOS
Drosophila suzukii
De momento capturas deste díptero nas trampas que temos instaladas na nosa plantación son reducidas. Lembren que é unha praga que está presente en Galciai desde 2013 e que pode afectar a froitos non só de cerdeira senon tamén a outras especies de óso, kiwi, figueira, caqui, viña, amorodo, pequenos froitos… As súas femias poñen varios ovos na froita e as larvas que nacen deles devoran a pulpa, co que o froito se deprecia para o consumo e/ou cae prematuramente. Por iso é conveniente a instalación de trampas, que neste caso pódense construir dun xeito caseiro facendo uns catro buratos pequenos nunha botella plástica que conterá no fondo vinagre de sidra.
PATACA
Escaravello da pataca
BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
Polo menos nas sebes e plantas illadas non defoliadas completamente que non reciben tratamentos e que nos vixiamos, xa é posible ver un número elevado de gromos novos sen síntomas. Como dicimos, esta situación se estende a diferentes zonas da nosa xeografía, polo que estimamos que xa rematou (ou está a rematar) este primeiro período de risco. Cando pase o período de crisálides nacerán os adultos da primeira xeración do ano.