INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16 de Xullo de 2026
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña.
Por iso, e aínda que esta información pode ser unha representación da situación xeral, hai que revisar sempre cada predio, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada leira e actuando segundo o observado poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Viña
Apenas notamos cambios moi puntuais na fenoloxía da uva con relación á semana anterior: o albariño segue, segundo as nosas observacións, sen iniciar o pintado, que só apreciamos avanzar moi lixeiramente en variedades tintas ou rosadas máis ou menos temperás. Iso si, nalgunha que outra cepa de uva branca das comarcas do Rosal e do Condado algún acio semellaba que tamén quería comezar a amosar signos de empezar a cambiar de cor segundo puidemos apreciar mirando as uvas ao trasluz.
Destes datos se pode inferir que, se asumimos como válido o criterio de que a vendima se produce aproximadamente 40 días despois do pintado e que a duración deste estado é duns 15 días, aínda falta tempo para a colleita, que se iniciaría como pronto na última semana de agosto, pero aceptando como válida a regra anterior, non o faría ata a primeira semana de setembro. Con todo, sabemos que a climatoloxía pode facer variar estas previsións, así como tamén a situación sanitaria dos viñedos.
Mildio
Estes días pasados a humidade relativa media mantívose todos os días por riba do 80% salvo nas estacións do Condado, onde nalgunhas xornadas foi algo máis baixa. Incluso durante todo o período se deron varias horas de humectación foliar, ata máis de 10 algúns días. Pola súa banda, as temperaturas foron máis suaves cas da semana anterior, tanto as máximas como as mínimas, pero aínda así foron compatibles, sumadas á humidade, coa frutificación do patóxeno tamén na práctica totalidade de días. De feito, só entre sábado 11 e domingo 12, que foron dúas xornadas nas que a sensación de bochorno foi xeral, se recolleron máis de 4.200 esporanxios/m3 no captador das filas testemuña de Areeiro e ata 1.400 no de Sanxenxo, onde a cifra por día (700/m3) foi dez veces superior á da xornada anterior e á da seguinte.
Porén, e falando en xeral, nas revisións desta semana ás viñas seguimos a observar un magnífico estado sanitario independentemente da variedade de uva e do estado de desenvolvemento dos acios, pois incluso os rebuscos están sas. Neste sentido só temos que exceptuar, ademais das plantas testemuña sen tratamento algún, un predio onde, polas inadecuadas condicións na realización dunha intervención na primeira parte da campaña, volveu incrementarse a presenza de mildio larvado ao amparo da climatoloxía favorable ás infeccións.
Ademais, neste predio a densidade de vexetación nos primeiros meses da campaña era tal que mesmo dificultou a chegada dos funxicidas aos acios, de xeito que aínda na actualidade se poden comprobar estes efectos negativos.
Co pintado aínda non iniciado, poden seguir incrementándose (ou poden facer a súa aparición) os síntomas nos acios e tamén, pero xa ata o momento da vendima, en follas e pampos. E a curto ou medio prazo parece que se poden dar condicións favorables, pois no momento da redacción deste Boletín (mañá do xoves 16 de xullo) parte das previsións meteorolóxicas consultadas indican posibilidades de precipitación hoxe xoves e mañá venres ou mesmo sábado, e mantemento dunha climatoloxía con ventos do oeste que, como sabemos, soe vir acompañada de humidade, ceos cubertos total ou parcialmente e mesmo frontes de precipitación, aínda que este último escenario non semella probable na actualidade. Con estas previsións hai que seguir mantendo a vixilancia, en especial sobre os acios, por se houbera que tomar a decisión de intervir dalgún xeito.
Coa climatoloxía deste ano o crecemento da vexetación, tanto da propia viña coma da acompañante, é moi notorio, e xa estamos volvendo a ver predios cunha xestión inadecuada a este nivel. E como a curto ou medio prazo pode seguir habendo condicións húmidas polo menos nalgúns momentos do día, é fundamental que non descoiden as labores que permitan a boa ventilación dos acios e a creación dun ambiente ventilado menos favorable aos patóxenos
Oídio
No caso deste patóxeno só vimos síntomas moi tenues nun acio dunha viña do Salnés que está nunha zona moi sombría e pouco ventilada, rodeada de construcións humanas, e loxicamente nas plantas de Areeiro, que non recibiron tratamento algún fronte este patóxeno e que tamén ten unhas condicións bastante sombrías.
No resto de predios non atopamos síntoma algún. Con todo, debido a que as previsións meteorolóxicas a curto-medio prazo seguen a apuntar a ceos non de todo despexados e mesmo néboas algúns días, e a que os acios aínda non acadaron o pintado e polo tanto seguen a ser susceptibles de ataque, a nosa recomendación é manter a vixilancia e, se as viñas seguen a ter exceso de vexetación, continuar as esfollas para facilitar a ventilación e a iluminación na contorna dos acios.
Botrite
Como é sabido, a presenza deste patóxeno pode comprometer a colleita ata o final do ciclo, tamén a partir do pintado cando as temperaturas están por riba de 15 ºC e a humidade é elevada durante horas. Tamén o incremento dos azucres nos grans, os acios compactos e de pel fina o favorecen. É un fungo cuxa aparición depende tamén do estado da pel das uvas, pois as lesións ou feridas de calquera natureza o benefician. Neste sentido, esta semana atopamos o primeiro gran con micelio do patóxeno, e era un gran no que penetrara unha eiruga de Lobesia botrana. Non vimos máis síntomas pero si é certo que tamén observamos por primeira vez esta semana acios de diferentes variedades con grans que presentaban un racho fisiolóxico en todas as comarcas, e este racho pode favorecer a chegada da botrite, polo que hai que vixiar a súa evolución.
Avelaíñas do acio
Como vimos de dicir ao tratar a botrite, ao facer as mostraxes de acios desta semana atopamos un afectado por Lobesia botrana, pero ningún máis, nin na mesma parcela nin nas outras. Canto ás capturas de adultos nas trampas que temos instaladas, continuaron moi baixas, máximo 5 unha vez máis, e tamén só de Lobesia botrana.
Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada
Nas parcelas da nosa rede habitual os tratamentos insecticidas para o control desde insecto vector están a evitar que recollamos adultos nas trampas. E segundo a data da anterior aplicación terán que facer a/s seguinte/s, pois estes tratamentos obrigatorios (nas zonas demarcadas pola flavescencia) e moi aconsellados (nas limítrofes) teñen unha pauta concreta para tentar cubrir ao máximo o período ninfal e os nacementos de adultos: tras o primeiro tratamento, o seguinte darase 15 días despois e o terceiro ao mes da segunda. Con todo, a nosa recomendación é que se fagan máis intervencións das pautadas oficialmente naqueles lugares onde as poboacións de S. titanus sexan elevadas e sobre todo se hai viñas abandonadas que non se tratan. Como sabemos, estas viñas deberían ser eliminadas porque pode haber plantas que sexan focos de dispersión da enfermidade, pero na realidade as dificultades de localización da propiedade e outros inconvenientes retrasan a realización desta operación.
As que si pode eliminar cada propietario nos seus predios, como vimos dicindo nas últimas semanas, son aquelas plantas que presentan conxuntamente varios síntomas da flavescencia, pois é mellor renunciar a algunha/s planta/s que poñer en risco toda unha plantación e o conxunto da nosa viticultura, pois lembren que a flavescencia é unha enfermidade de corentena que non ten cura. Os síntomas sabemos que non son específicos desta enfermidade pero a conxunción de varios deles nunha planta implica probabilidade da súa presenza: revirado patente das follas cara o envés, follas de cor vermella nas variedades tintas e branco-amarelado nas brancas, follas máis quebradizas e dispostas unhas sobre outras, porte "chorón" dos pampos por falta de agostado, entrenós curtos, secado de acios, entre outros.
As aplicacións deben realizarse mollando ben o envés das follas e, no caso de que haxa chupóns nas vides, tamén deben quedar ben cubertos, aínda que o mellor é eliminar estes brotes ladróns para evitar que as ninfas se agochen nas súas follas
Acariose e erinose
Tamén esta semana volvemos observar frecuentemente síntomas de acariose nos gromos de diferentes predios, algúns dos cales poden ser vistos incluso desde lonxe debido ao ton escuro que lle dan ás follas. Canto á erinose, os síntomas nos gromos terminais das cepas dalgúns predios se incrementan cada vez máis.
Outras incidencias
Diferentes incidencias derivadas da influencia da climatoloxía sobre as plantas nesta época seguen a ser frecuentes e, algunhas delas, cada vez máis notorias. Neste caso podemos incluír os golpes de sol nos acios inadecuadamente expostos ao sol do mediodía e da tarde, que é o máis intenso, e tamén os síntomas derivados do estrés hídrico que se manifestan sobre todo en plantas débiles situadas en solos pouco profundos pobres en nutrientes, sen estrutura e areosos.
Ademais, algunhas plantas que amosaban síntomas de enfermidades de madeira desde hai anos van sucumbindo ao ataque nestas condicións actuais (deberían ser eliminadas estas plantas). Por outra banda, esta semana vimos xa, e sobre todo na comarca do Rosal, acios de diferentes variedades nos que xa paxaros e avespas están a causar danos coa súa alimentación.
Froiteiras
Parasitos animais, fungos de podremia e moscas das froitas
Como dixemos no boletín anterior, xa é frecuente ver, en especial nas froiteiras de óso por ter os froitos máis maduros pero tamén nos demais, podres causadas por insectos ou paxaros. Como sempre lembramos nesta época, estes froitos, e tamén os caídos ao solo, deben ser retirados e destruídos para reducir danos nos que permanecen en boas condicións.































