INFORMACIÓN FITOSANITARIA 03 AGOSTO 2018

01ago18 Grans variedades temperas empezan pintado en sitios calidos

Na revisión desta semana (feita entre martes 31 e mércores 1) aínda non entraramos na ola de calor que nos afecta, pero aínda así notamos un avance na fenoloxía e mesmo algunhas plantas de variedades moi temperás en fincas moi cálidas empezan o pintado.

VIÑA

Estado fenolóxico: L [(77)-79 da codificación BBCH]

Mildio

Desde a emisión da información anterior, e segundo anunciaban as axencias de meteoroloxía, houbo un primeiro período no que continuou o tempo inestable, pero desde martes-mércores entramos na ola de calor que prevían. Así, nas primeiras xornadas mantivéronse en xeral as condicións favorables ás infeccións por temperaturas nocturnas altas unidas a unha humidade elevada e varias horas de humidade foliar ou mesmo precipitación, que o  luns 30 de xullo deu 20 horas de humidade nas follas na estación de Tremoedo ou 19 na de Areeiro, por exemplo. Porén, desde o 31 de xullo ou o 1 de agosto a maioría das estacións xa non rexistran humidade foliar (e as que o fan apenas 1-1.5 horas) e, loxicamente,  a humidade relativa tamén é máis baixa. A estas condicións hai que sumar as temperaturas, que superan os 30 ºC durante un número variable de horas segundo a zona, pero en xeral máis de sete, e que mesmo deron lugar, xa onte xoves, a rexistros de 40 graos na estación de Areas por exemplo.

A revisión ás parcelas da nosa rede de seguimento e a outras fincas fixémola entre o martes e o mércores, polo que aínda estabamos en condicións de tempo favorable ás infeccións. Con todo, nas plantas tratadas non observamos novos síntomas en acio pero si abundantes nas follas máis tenras e nas inaccesibles aos tratamentos debido á elevada densidade de ramas deste ano.

A situacion xeral na maioria das fincas e boa neste momentoMildio en follas superiores parra pouco accesibles tratamentos

Nas plantas testemuña, eses mesmos días aínda había manchas formándose e coa frutificación do fungo.

O mercores ainda habia orballo e formandose manchas en gromos testemuñaAs manchas das testemuña estaban esporuladas

Tamén recebemos informacións diversas sobre fortes ataques mal controlados en acios, e fomos visitar algunha finca, onde os propietarios estaban aplicando unha nova intervención.

Vimos algunha finca cun bo ataque de mildio01ago18_En xeral non avanzaron danos mildio

Segundo se coñece desde hai tempo, o mildio perde vitalidade conforme se superan os 30 ºC durante 5-6 horas. Onte xoves día 2 non era o día no que se prevía máis temperatura desta ola de calor e xa se cumpriu, co que se espera que desde hoxe venres 3 e ata domingo o risco de infección sexa aínda inferior. Por este motivo, e vendo ademais que continúa a previsión de tempo estable para a vindeira semana e mesmo para os días posteriores, non será necesario tratar en xeral pero si manter a vixilancia (sobre todo se hai orballos ou néboas densas localmente) e, moi importante, retomar as labores de poda en verde pois, aínda que xa se teñen feitas,  volven ser precisas en moitas viñas.

Algúns viticultores están aplicando este ano, como norma de actuación, tratamentos con intervalos excesivamente cortos, de 5 días. Esta é unha práctica desaconsellable, non só atendendo ao medio ambiente, senón tamén á saúde das persoas e mesmo ao beneficio económico que se poida obter da venta da uva, pois como é ben sabido, aos ingresos que se teñan hai que descontarlles os gastos para obter o rendemento económico final da campaña.

Tamén, ante a alarma xeneralizada que houbo polo clima repetidamente inestable, recibimos informacións de que algúns viticultores continúan a aplicar doses por riba das máximas recomendadas polos fabricantes. Esta outra práctica tamén é totalmente desaconsellable (tampouco está permitida), e incluso os produtos poden funcionar peor que si se aplicaran á dose menor da etiqueta.

Oidio

Atendendo á fenoloxía das plantas, ao alcanzarse xa o peche do acio de xeito xeneralizado, o risco de infeccións por este patóxeno diminúe, pero aínda hai posibilidades de que aparezan novos síntomas ata que se chegue ao pintado.  Canto ás condicións ambientais, o patóxeno ten un desenvolvemento óptimo a temperaturas de 25 a 30 °C, pero por riba de 33-35 ºC a xerminación non se produce. Desde estes puntos de vista, e aínda que visitamos esta semana viñas de variedades tintas con forte presencia do fungo (nas brancas só observamos síntomas puntualmente), a enfermidade non debería aparecer xa nas parcelas sas, e nas afectadas debería estabilizarse. Porén, hai posibilidade de que se produza un filtrado da luz solar por néboas, e estas condicións favorecen ao fungo, polo que hai que manter a vixilancia.

Aspecto de acios variedade tinta oidioRachos por oidio en grans variedade tintaOidio activo en albariño

Botrite

Nunha parcela que visitamos esta semana observamos varios acios con grans afectados por este fungo, que entrou a partir das penetracións da couza e de rachos fisiolóxicos (ou por danos mecánicos como as rozas da vexetación). Noutras parcelas (mesmo con variedades moi sensibles), ou non topamos síntoma algún, ou ben había algún gran esporádico afectado. O clima tan cálido e maioritariamente seco (baixa humidade relativa e ausencia ou escasa humidade foliar) que estamos a ter con esta ola de calor non favorecerá o desenvolvemento do fungo, co que en xeral non recomendamos tratar pero si manter a vixilancia.

Grans con botrite en acio de albariñoGrans con podremia por penetracion couzaAcios de Loureira sas nestes momentos nas nosas parcelas

Black rot

Aínda que entre a fin de semana e o comezo da actual houbo condicións favorables a este fungo (e de feito recibimos na Estación un acio afectado, pero dunha variedade híbrida), o tempo actual e as condicións previstas para o resto da semana non serán favorables ao desenvolvemento do patóxeno, que en xeral afecta máis a outras zonas vitícolas de Galicia como son O Ribeiro ou a Ribeira Sacra.

Acio con black rot O RibeiroPicnidios black rot gran de acio O Ribeiro

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Na revisión realizada esta semana ás fincas da nosa rede de seguimento e ás outras que visitamos, os buracos de penetración das eirugas de Lobesia botrana e as perforacións larvarias foron o síntoma que máis se evidenciou.

Buraco de penetracion e indicios de perforacion couzaEirugas couza soen picar mais dun gran

Con todo, salvo nunha parcela do Rosal onde se aproximan, os danos non chegan nin moito menos aos limiares de tratamento, nin sequera na finca da Modia (Salnés) onde a semana pasada capturaramos ata 70 machos na trampa. É máis, dáse a circunstancia de que na parcela do Rosal onde había máis perforacións, o número máximo de adultos recollidos na segunda xeración foi 12, o que é unha evidencia máis da necesidade de controlar os acios.

Os ovos e as eirugas de  L.  botrana non toleran a insolación, as temperaturas moi elevadas ou extremas e as humidades relativas baixas co que é de esperar que esta ola de calor que estamos a sufrir lles afecte negativamente. Por este motivo, aconsellamos seguir a evolución dos acios e tratar só si se supera o limiar de tolerancia (3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles).

A polpa dos grans con couza degradase e escureceCambio en la coloración del grano consecuencia de una penetración de polilla en el interior del racimo

Cicadélidos

Na totalidade de fincas que revisamos atopamos larvas ou ninfas destes insectos nos recontos ás follas, pero os niveis son aínda baixos globalmente. Tampouco nas trampas que temos instaladas nas parcelas da nosa rede de seguimento se capturan moitos adultos. Manter a vixilancia.

Ninfa de Empoasca vitis en hoja de albariñoNinfa de Zygina rhamni en folla

Como xa dixemos noutra ocasión, non deben confundir certos síntomas debidos a causas climáticas ou outras con síntomas de cicadélidos. A sintomatoloxía destes insectos asemella á que referimos, e é esta a que está a aparecer nas viñas.

Estes secados non deben confundirse con danos cicadelidosFisiopatia_estres hidrico_3

Ácaros

Na revisión desta semana tampouco apreciamos incremento na sintomatoloxía de acariose da viña do Rosal onde a atoparamos hai dúas semanas, nin tampouco hai indicios do ácaro nas demais fincas visitadas nin nas mostras recibidas na Estación. Canto á erinose, tampouco nesta semana observamos avance.

12xullo18_Erinose de veranErinose en planta abandonada

Outros

Esta ola de calor sen dúbida favorecerá a exteriorización dos síntomas de alteracións da madeira. Tamén haberá síntomas de estrés, e seguro aparecerán acios con golpe de sol.

Estas manchas nos acios son manifestacion de alteracion de madeiraPrimeiros sintomas en acio por alteracion madeiraA calor favorece expresion sintomas madeiraFisiopatia_estres hidrico_4Golpe de sol en racimo de Albariño

MACEIRA e PEREIRA

Moteado

A calor destes días non vai favorecer en absoluto ao fungo. Polo tanto, si na revisión desta semana non atopamos novos síntomas, para a próxima é previsible que a situación se repita.

Manchas de moteado en folla maceira13xuñ18_Varios sintomas moteado

Couza da mazá (Cydia pomonella)

En tres das catro trampas que temos instaladas só se recolleu un macho esta semana, e só na de Soutomaior houbo dúas capturas. Porén, vimos máis froitos cos síntomas da penetración das eirugas, pero lembren que nas nosas parcelas non aplicamos tratamentos e que estes deben ser continuados para protexer as plantas na medida do posible. En todo caso, as temperaturas son o factor climático que ten maior incidencia sobre a bioloxía desta especie, e os rexistros tan elevados que acadaremos con esta ola de calor tampouco lle beneficiarán.

01ago18_Sintoma couza mazaDano inicial de Cydia pomonellaOruga de Cydia pomonella y daño en fruto

Outros

Estes días de calor haberá unha reducida humidade relativa pero hai que retirar das árbores a froita podre e tamén a froita do solo posto que poden atraer a certas moscas das froitas, e xa na campaña anterior déronse podremias abundantes a partir das súas picaduras.

Outro xeito de reducir o número de adultos destas moscas é capturar algúns en trampas, que poden ser comerciais ou facerse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se practicarán orificios de ao redor de 5 mm nos laterais e onde se  verterá  vinagre de mazá, ou froita podre, viño, azucre, ou calquera outra sustancia que as atraia. Estas trampas non son selectivas, polo que capturarán máis insectos.

Mosquero utilizado para la captura de adultos de Drosophila suzukiiDaños por pajaros y macho de Drosophila suzukii

MARMELEIRO

Entomosporium maculatum

Debido aos reiterados períodos de humidade que se teñen producido nesta campaña, algunhas árbores afectadas por este fungo empezan a ter xa perdas de folla. As condicións ambientais destes días de calor non beneficiarán o avance do fungo, pero o estrés que supoñan estas condicións pode incrementar a defoliación.

01ago18_Sintomas Entomosporium en gromo de marmeleiro pola humidade pasadaSíntomas de Entomosporium maculatum sobre hoja de membrillo

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana volvemos ter consultas acerca desta eiruga, que está causando danos importantes onde se instala.. Lembren que para evitar defoliacións intensas é necesario tratalas, mollando moi ben as plantas en todas as súas caras. Para máis información consulte a nosa ficha técnica

Vista parcial sebe con ataque bolboreta buxoConsecuencias de la defoliacion en planta de boj