INFORMACIÓN FITOSANITARIA 24 AGOSTO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: (M1) - M2 [(81)-83/85 da codificación BBCH]

Coa nova ola de calor que tivemos esta semana os acios están practicamente no pleno pintado ou mesmo algúns xa inician a súa maduración propiamente dita, sobre todo nas comarcas do sur da provincia, onde algunhas localidades estiveron máis de 10 días con temperaturas máximas superiores aos 30ºC e mínimas sempre por riba dos 14º.

20180822_Estado do pintado nunha variedade tinta no Rosal20180822_Estado do pintado noutra variedade tinta da mesma finca O Rosal

Ademais, a maioría das grandes adegas limitaron a este fin de semana ou aos próximos días o último tratamento da campaña sobre a base da data estimada da vendima que obteñen os seus técnicos nos controis que fan ás uvas. No noso caso mantemos inicialmente a data prevista de inicio de vendima (e polo tanto a posibilidade de ter que dar algún tratamento máis cando sexa preciso pola climatoloxía) para a terceira ou última semana de setembro, aínda que si é certo que a calor desta semana favoreceu que, especialmente nalgunhas fincas do sur, aumentase o grao alcohólico de xeito significativo, e iso pode provocar un adianto (se o tempo se mantivese seco e estable no futuro). Algúns datos de referencia para esta semana son:

-              Comarca do Salnés.- A Modia: 7.8º; Lantaño: 7º

-              Comarca do Rosal.- Eiras: 6.11º; Goián: 6.19º

-              Comarca do Condado.- Vide: 9.29º

-              Comarca de Soutomaior.- Soutomaior: 7.3º

Mildio

Na totalidade das comarcas a climatoloxía desta semana non foi favorable ao desenvolvemento do patóxeno, pois a calor veu acompañada dunha humidade relativa moi baixa e de ausencia de humidade foliar. De feito, o pico máximo de esporanxios que recollemos en 11 horas no captador de esporas que temos instalado nas filas testemuña da nosa finca de Areeiro (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo-) foi de 41 esporanxios/m3. Porén, estas dúas últimas noites, e algunha máis en zonas concretas, aumentou a humidade, o que provocou o humedecemento da vexetación.

20180822_Ausencia mildio onde mais recente ultimo tratamento20180822_Ausencia esporulacion en manchas novas20180822_Esporulacion en mancha nova

Na revisión desta semana tanto ás parcelas da nosa rede fixa de seguimento como a outras fincas, observamos desde viñas con brotes novos sen mancha algunha ata outras con certa presencia delas (frutificadas e sen esporulación), pero nada alarmante a estas alturas e menos coa importante densidade de vexetación deste ano e coa climatoloxía que temos.

Todas as axencias de meteoroloxía consultadas anuncian para os próximos días tempo seco en xeral, pero para luns ou martes algunhas prevén certa precipitación e/ou tormentas. Se a precipitación é reducida non terá incidencia, pero si hai fenómenos tormentosos, máis cantidade de auga ou elevada humidade relativa durante horas, haberá que vixiar como inflúen na evolución de síntomas do fungo a nivel de pampos e follas (agora os acios xa non son susceptibles), aínda que tampouco son de esperar problemas destacados.

Oídio

Cos acios fora de perigo ao estar xa no pintado, as néboas que se están a producir  nalgunhas zonas (e que mesmo chegan a durar varias horas polas mañás algún día) poden provocar unha maior presencia do fungo nos pampos, follas e, loxicamente, nos rebuscos. Estes acios (rebuscos) normalmente son bastante atacados polo fungo, polo que nas fincas onde hai un exceso deles convén eliminalos pensando na seguinte campaña. Porén, neste momento observamos que a maioría están sans.

20180821_A maioria de rebuscos non teñen oidio20180821_Oidio en rebusco

Botrite

Coas condicións climáticas destes días non observamos síntomas deste patóxeno, nin nos acios con penetracións de eirugas de couza, nin naqueles secos por mildio, nin nos que teñen rachos fisiolóxicos ou danos por paxaros que, coa maduración iniciándose, xa empezan a ser visibles. Isto era lóxico segundo o tempo que tivemos desde hai aproximadamente dez días, e por iso non tiña sentido aplicar un tratamento esta semana.

Penetracion sen botrite en albariño20180822_Dano mildio sen instalacion de botrite por tempo seco02ago17_Comezan os danos por paxaros

Non obstante, haberá que permanecer alerta se finalmente se producen as precipitacións ou as tormentas que anuncian algunhas previsións para luns/martes, pois o incremento de humidade xerará un aumento no volume de esporas do fungo que pode obrigar a aplicar un tratamento que, nese caso, si sería xustificado.

Este ano foi húmido en xeral e, sobre todo en fincas onde houbo danos na uva ou naquelas de variedades sensibles, resulta aconsellable asegurar a protección fronte a este fungo ata o momento da vendima. Para iso, en caso de que sexa necesario por cambio nas condicións climáticas, aplicarase un funxicida antibotrítico dirixido aos acios, respectando sempre o prazo de seguridade (hainos biolóxicos sen prazo, e tamén de orixe química de diferente intervalo). En caso de ter limitación de intervir de aquí en diante polas adegas, consulte aos seus técnicos, e aseguren sempre a correcta aireación dos acios.

20180822_O bo mantemento agronomico da viña e fundamental para a sanidade20180822_Finca con boa colleita potencial e sana

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

No aviso anterior diciamos que esperabamos para esta semana un descenso de capturas de machos de Lobesia botrana nas parcelas da nosa rede salvo en Vide e A Modia, onde o número xa diminuíra a semana anterior. Pois ben, na Modia volveu rexistrarse unha baixada, e o previsto sucedeu nas outras fincas do Salnés, en dúas das do Rosal (Pazo e Goián) e en Corzáns, no Condado. Sen embargo, en Eiras (O Rosal) e en Meder (O Condado), así como en Vide, incrementáronse. A pesar destas diferencias, coincidiu en todas a práctica ausencia de novas penetracións e de postas,  polo que non se acadou en ningunha parcela o limiar de tratamento que, lembren, é 3-5% de acios con penetracións nas viñas sensibles á botrite e 8% nas menos sensibles.

Adultos de Lobesia teñen este aspectoPostas de Lobesia e sedas e excrementos da eirugaEiruga de Lobesia sobre gran de albariño atacado

Cicadélidos

Nesta semana tampouco tivemos capturas destacadas de adultos nas trampas, e tamén vimos menos adultos en voo. Do mesmo xeito, o número de ninfas foi baixo nos recontos ao envés das follas, e pertencían todas ás especies Empoasca vitis e Zygina rhamni, ningunha a Scaphoideus titanus¸ o vector da flavescencia dourada, do que este ano non temos aínda constancia da súa aparición.

20180822_Vista parcial trampa cicadelidosAdulto de Empoasca e resto en enves folla vellaNinfas Empoasca en enves folla vella

Ácaros

Nesta semana temos que destacar unicamente un novo incremento na presencia de erinose de verán, que mesmo observamos sobre plantas moi novas.

20180822_Erinose en planta novaNalgunha finca se incrementou incidencia de erinoseSíntomas de erinosis de generaciones estivales

Outros

Se nas semanas anteriores destacabamos, das outras incidencias típicas desta época, o incremento de plantas con síntomas de alteracións da madeira, esta semana destacamos sen dúbida o aumento de acios afectados de golpes de sol, que apareceron desde iniciando o proceso ata presentando xa grans escaldados.

20180821_Golpe sol en finca Ribadumia20180822_Inicio de golpe sol en acio madurando no Rosal20180822_Golpe de sol afectando boa parte acio

MACEIRA e PEREIRA

Couza da mazá (Cydia pomonella)

En ningunha das trampas que temos instaladas superouse o limiar de tratamento, pero non esquezan que a situación pode ser moi diferente mesmo entre fincas próximas. Canto aos indicios da actividade larvaria, observamos algunha mazá afectada máis ca semana pasada. No caso de ter que intervir, respecten sempre os prazos de seguridade dos insecticidas antes de recoller a froita.

20180822_Excrementos indicio de actividade de Cydia pomonellaSintoma de penetracion de couza en mazaEiruga de Cydia pomonella e dano en froito

Outros

Nesta semana non hai ningunha incidencia máis a destacar, pero se chove como anuncian a maioría das axencias meteorolóxicas haberá que vixiar a potencial aparición de moteado (especialmente nas fincas onde xa houbo problemas polo fungo) e sen dúbida haberá un aumento de froita con podremia por Monilia, botrite e outros fungos secundarios.

Un froito podre non retirado infecta proximosMazás arredor dunha maceira en fase de podremia

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa)

Desde primeiros deste mes estase a rexistrar o voo desta mosca que destrúe a casca verde da noz (na trampa que temos instalada en Areeiro a cifra máxima de capturas nunha semana foi de 44 individuos ata o momento). Como consecuencia da actividade das súas larvas, as noces podrecen, secan e caen (hai referencias de que pode reducir ata nun 80% a produción). Unha vez detectada é moi importante eliminar e destruír as noces caídas.

Adultos de Rhagoletis completa en trampaEiruga de Rhagolletis completa en noz

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana volvemos observar un adulto en voo na contorna dunha planta de buxo de Areeiro, onde tamén observamos postas (poucas), algunhas xa baleiras e outras próximas a nacer as eirugas. Destas atopamos só unha, así como os primeiros síntomas, nunha sebe moi próxima á nosa finca.

Ovos pre eclosion e baleiros da bolboreta buxo_10xSintoma caracteristico de Cydalima cando a eiruga esta protexidaSignos alimentacion Cydalima

LER MOI BEN A ETIQUETA DOS PRODUTOS FITOSANITARIOS PARA COÑECER O PRAZO DE SEGURIDADE E ASÍ SABER CANTOS DÍAS DEBEN TRANSCORRER ENTRE A APLICACIÓN E A RECOLECCIÓN. Ademais, a etiqueta informa de cales son os cultivos sobre os que está autorizado o produto, as doses de aplicación e outros datos de interese como posibles riscos, etc.