INFORMACIÓN FITOSANITARIA 22 XUÑO 2018

VIÑA

Estado fenolóxico: ( I ) - J (65)-68-73 da codificación BBCH
22xuñ18_Baias de 3 mm

Nesta semana de temperaturas tan elevadas (alcanzando ou superando nalgunhas estacións picos de 35ºC) a grande maioría das viñas xa teñen os acios callados ("purgados") e mesmo algunhas delas presentan os grans de 3 mm ou incluso algúns acios xa no estado grans tamaño chícharo. Con todo, é normal atopar na mesma viña acios en diferentes estados de desenvolvemento abarcando un rango amplo, desde prefloración ata tamaño chícharo. Esta situación observámola, con intensidade diferente, nas viñas de todas as comarcas.

Mildio

Nesta semana as temperaturas foron, como sabemos, moi altas tanto durante o día como de noite. Polo día alcanzáronse temperaturas superiores a 30 ºC durante seis horas ou máis na práctica totalidade das estacións meteorolóxicas, situación moi desfavorable aos esporanxios do mildio, que perden capacidade xerminativa. Polo tanto, a situación esperada á vista destes rexistros e das previsións meteorolóxicas, tendo en conta ademais que se anunciaban ventos secos do norte, era de tranquilidade relativa. Porén, as elevadas temperaturas nocturnas (con rexistros de máis de 24ºC nalgunhas estacións) unidas a unha humidade relativa tamén elevada (ou humidade foliar) algunhas noites foron condicións moi favorables ao patóxeno, e a estas condicións hai que unir a climatoloxía tormentosa que hai desde a tarde do mércores, que mesmo descargou algo de choiva localmente.

Con esta situación, se ben na visita do martes ao Salnés non atopamos novos síntomas da enfermidade nin zonas de avance nos síntomas antigos, na revisión do mércores ao resto de comarcas vimos puntualmente manchas que se estaban a formar e mesmo algún síntoma en acio, neste caso en viñas do Rosal e nunha do Condado. Dáse a circunstancia de que nas viñas do Rosal, pese a non haber humidade foliar mentres faciamos a revisión, algúns acios aínda goteaban ás 9 da mañá. Pola súa banda, nas plantas testemuña e nas abandonadas que tamén revisamos, a presenza de novos síntomas é xeneralizada, tanto que as follas presentan máis do 50% da súa superficie con manchas e xa a práctica totalidade de acios está afectada pola enfermidade.

A climatoloxía tormentosa que se da desde a tarde do mércores é un factor de risco moi elevado que pode favorecer a rápida e continua aparición de novos síntomas. Ademais, segundo as axencias meteorolóxicas consultadas, esta situación (ou as precipitacións en forma de chuvascos) prolongarase durante varios días, o que obriga á necesidade de renovar as aplicacións (de feito, parte dos viticultores xa o terán feito) e a confirmar uns días despois a súa eficacia.

Nun ano como este con alto crecemento das plantas, as prácticas culturais (herba controlada, podas en verde...) son, como vimos dicindo repetidamente, medidas de control indirecto necesarias

22xuñ18_Mildio en acio e folla de planta tratada no Rosal22xuñ18_Mildio en acio de planta tratada no CondadoManchas de midio en folla de planta testemuñaAo longo da semana follas testemuña con moita superficie con manchas22xuñ18_Asi avanzaron sintomas nas plantas abandonadas22xuñ18_Frutificacion mildio en folla testemuña22xuñ18_Frutificacion mildio en acios testemuña

Oídio

Observamos nesta semana máis follas de albariño con síntomas incipientes, pero de momento non vimos ningún gran con presenza do fungo. Aínda así, a partir de agora e ata o peche do acio, as uvas entran no seu período de maior susceptibilidade ao patóxeno, e as condicións climáticas destes días tamén lle son favorables. Polo tanto é necesario engadir un funxicida antioído cando se renove o tratamento fronte ao mildio.

22xuñ18_Micelio de oidio en folla de albariño22xuñ18_Sintomas de oidio en folla de albariño

Botrite

22xuñ18_Acio seco por mildio sen presenza de botrite

A humidade foliar que houbo estes días provocou unha elevada presenza de esporas de botrite no ambiente (ver gráfica) pero non observamos novos síntomas, nin sequera nos capuchóns florais aínda adheridos ou nos acios secos por mildio das plantas sen tratar. O nivel de risco para os próximos días dependerá do número de horas de vexetación mollada que finalmente se produza en cada localización, xa que as choivas previstas serán en forma de tormenta ou chuvasco. Manter a vixilancia, especialmente en variedades sensibles.

grafica do captador de esporas

Tamén no caso desta enfermidade todas aquelas labores que faciliten a aireación dos acios e eviten retencións de humidade son medidas de control indirecto, ademais da boa protección fronte a outros patóxenos.

Black rot

Non volvemos ver novos síntomas desta patoloxía, nin nas parcelas onde xa se detectara nin noutras novas. 

...as manchas de black rot soen ser redondeadas...pero non sempre

 

Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nesta semana non tivemos captura algunha de Lobesia botrana nas trampas das nosas parcelas de seguimento, o que parece indicar que o segundo voo desta praga aínda non comezou. Esta segunda xeración xa pode causar danos na viña se alcanza o nivel económico de ataque: 3-5% de acios con penetracións en variedades sensibles a botrite e 5-8% no resto de casos, sobre a base do reconto de dous acios por planta en 50 plantas. Canto á presenza de glomérulos, nesta semana mantívose estable nas fincas que nos revisamos.

13xuñ18_Varios glomerulos en acio RosalGlomerulos en granos en diferente estado en torno a floracion

Cicadélidos

Como esperabamos á vista da subida de temperaturas que houbo, nesta semana xa observamos máis capturas de cicadélidos nas trampas, pero aínda están en niveis moi baixos. Tamén observamos a presenza dalgunha ninfa máis nos recontos que facemos no envés das follas.

Capturas de Zygina rhamni en trampa amarillaLarva de CicadélidoNinfa de Emposaca vitis no revés da folla

Altica

Continúan aparecendo algúns síntomas novos na nosa parcela de seguimento de Vide (O Condado), e mesmo algunha folla está bastante afectada. Porén, só hai poucas plantas con esta praga e tamén presentan poucas follas con este insecto, polo que non imos actuar.

Larvas maduras Altica en albariñoSintomas Altica en face folla22xuñ18_Enves de folla con larvas Altica

Trips

Nesta semana observamos unhas follas nunha viña do Salnés, e outras dunha do Rosal, con pequenas picaduras de alimentación que, á lupa, comprobamos que presentaban larvas de trips, polo que imos seguir a súa evolución.

Debe confirmarse causa cando hai picaduras alimentacionNinfas de Drepanothrips reuteri

Ácaros

Tampouco na revisión desta semana observamos síntomas de acariose ou de araña vermella (os referidos anteriormente eran de trips), e unicamente permanecen ou se incrementa a erinose nalgunhas fincas.

Se debe confirmar si las punteaduras son por acariosis u otros fitofagosNalgunha finca se incrementou incidencia de erinose

MACEIRA

Moteado

A pesar de ter habido nesta semana condicións favorables ás infeccións, en ningunha das nosas parcelas de seguimento observamos novos síntomas, nin sequera nas plantas testemuña sen tratar. Con todo, é probable que o risco se incremente coas precipitacións que, de cumprirse as previsións das axencias meteorolóxicas, se producirán nestes días, polo que hai que manter a vixilancia e protexer as plantas de variedades sensibles.

13xuñ18_Manchas de moteado en maceira13xuñ18_Varios sintomas moteado

Oídio

Nas nosas parcelas de seguimento tampouco se incrementou a presenza de gromos con oídio a pesar de ter habido condicións favorables. En todo caso, nas variedades máis receptivas ao fungo é necesario manter un elevado nivel de alerta xa que nesta época as diferentes especies de oídio que afectan aos distintos cultivos soen xerar problemas polas néboas que soen producirse.

Gromo de maceira completamente invadido polo oídioEn xeral non avanzou o oidio nas maceiras

Couza da mazá (Cydia pomonella)

Nesta semana superouse o limiar de tratamento en todas as trampas da nosa rede de trampeo. Sen embargo, tamén é certo que na observación de froitos apenas vimos un par deles afectados, polo que de momento non imos tratar. En todo caso, lembren que se desexan ter a froita libre de penetracións e eirugas será necesaria a protección permanente segundo a persistencia do produto utilizado.

Outros

Nas parcelas que nos revisamos aínda hai bastantes gromos afectados de pulgón verde, e tamén nesta semana un propietario trouxo unhas ramas con colonias de pulgón laníxero. No caso deste último, lembren que, antes de aplicar un tratamento débese comprobar a posible existencia do seu parasitoide  Aphelinus  mali que, con temperaturas suaves-altas pode regular as súas poboacións de forma natural. En caso de non detectarse o  parasitoide e de realizar un tratamento, debe darse preferencia a  insecticidas o máis  inocuos posible para a fauna útil, co fin de respectalo no caso da súa chegada máis tardía.

Colonia de ninfas de pulgon verdeColonia de pulgon laniferoColonia de pulgón laníxero fortemente parasitada

KIWI

Bacterioses

Os kiwis están na súa fase de crecemento do froito e, aínda que non hai moitos síntomas destas enfermidades nas fincas que nos observamos, naquelas outras onde si os haxan haberá que prestar atención á evolución dos mesmos e tratar se realmente hai precipitacións neste período.

Síntomas de PSA en follaExsudados característicos de PSA en envés

CÍTRICOS

Psila africana (Trioza erytreae)

O desenvolvemento dos gromos nestes intres, que seguramente se verá favorecido nos días que veñen polo aumento previsto nas temperaturas, está a favorecer a posta por parte das femias deste insecto. Os gromos con presenza de ovos son sinxelos de recoñecer só con certa agudeza visual (ver imaxe baixo o texto). A súa eliminación manual é unha medida de contención das poboacións que evita o nacemento das ninfas, as causantes dos danos.

Huevos de Trioza erytreae en brote joven de limoneroFemia de Trioza erytreae

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana atopamos un novo adulto desta bolboreta nunha sebe da nosa finca de Areeiro e tamén outro nunha planta da comarca do Condado. Tamén estamos a observar unha maior presencia de placas de ovos (lembren en todo caso que son difíciles de ver) aínda que de momento non vimos as primeiras eirugas. Consulten se o desexan a nosa ficha técnica Cydalima perspectalis (Walker, 1859). Bolboreta do buxo para recoñecer como son as eirugas novas e os primeiros síntomas co obxectivo de evitar os graves danos que poden causar.

Primeiro adulto visualizado segunda xeracion 2017 Cydalima13xuñ18_Forma escura de Cydalima perspectalisOvos de C perspectalis eclosionados 40x-2Eirugas neonatas Cydalima en planta

CASTIÑEIRO

Avespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus)

A estas alturas do ano, en xeral xa é tarde para actuar fronte a esta praga. Ademais, a Consellería do Medio Rural xa realizou as soltas do parasitoide Torymus sinensis autorizadas para este ano polo Ministerio.

Agallas neoformadas y agallas del año anterior de DryocosmusLarvas de Dryocosmus en agalla 8abril2016

EVÓNIMO

Oídio

22xuñ18_Planta de evonimo con forte presenza de oidio

Observamos en parques e sebes de moitas zonas da provincia unha presenza importante de síntomas de oídio. Aconséllase aplicar un tratamento cun funxicida autorizado para reducir o dano estético que supón esta patoloxía, pois poden chegar a secar as follas afectadas.

 

ÁRBORES DE RIBEIRA

Crisomélidos

No aviso do día 8 de xuño alertabamos da presenza dos síntomas do ataque destes insectos en varias frondosas (salgueiros e ameneiros principalmente) de moitas zonas. Os síntomas consisten en erosións e pequenos orificios debidos á actividade alimenticia de adultos e larvas. Neste último caso, e debido a que estas respectan a epiderme superior das follas e os nervios, o síntoma aparece como un armazón ou rede pequena. Na actualidade, as poboacións están a ser tan elevadas nalgunhas zonas que dan o aspecto seco ás árbores, pero xeralmente recupéranse.

Algunhas follas danadas por crisomelidos teñen aspecto secoRamiñas de ameneiro con ataque de crisomelidoLarva y daño en sauce