INFORMACIÓN FITOSANITARIA 20 XULLO 2018
VIÑA
Mildio
A continuidade esta semana do clima dominante deste verán, con condicións de nebulosidade, néboas bastante persistentes ou mesmo tempo tormentoso, foi novamente favorable ao desenvolvemento do fungo: as temperaturas mínimas seguiron sendo elevadas (por riba dos 14-15 ºC), a humidade relativa media tamén alta (na contorna do 70-80% ou máis), houbo varias horas de humidade foliar en todas as estacións e mesmo certa precipitación localmente onte xoves día 19. Con esta situación, os niveis de esporanxios no aire seguen a ser elevados (ver gráfica) e nas plantas testemuña non tratadas continúa a evolución da enfermidade, con novas manchas esporuladas, danos nos pampos e nos acios, e un nivel de risco moi alto, pois é de esperar que a consecuencia destas condicións ambientais sigan aparecendo novos síntomas nos próximos días.
Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Nas plantas tratadas, tanto no referente ás parcelas da nosa rede de seguimento como a outras que visitamos, a situación xeral é boa, pero hai unha certa heteroxeneidade, pois se case todas presentan algunha mancha de mildio nas follas máis tenras, a nivel do acio observamos desde parcelas totalmente sans ou case sans con menos do 1% de acios con presencia de mildio, ata outras con 5% de acios afectados cunha media de superficie ocupada inferior ao 25% e mesmo fincas con 20-30% de acios sintomáticos. Ademais, nunha parcela do Rosal con danos despois da floración que visitamos desde hai semanas e noutra do Condado tratada en ecolóxico, o nivel de dano é superior, cunha media do 60 e do 90% respectivamente de acios afectados.
A día de hoxe, as previsións da grande maioría das axencias meteorolóxicas consultadas apuntan a unha volta do tempo cálido e seco para os próximos días, o que facilitará o mantemento dun bo estado nas fincas sen mildio e unha limitación do avance da enfermidade nas que teñen problemas. Aínda así, e mesmo considerando que a sensibilidade da uva diminúe desde o peche do acio ata o pintado (virado da cor), aínda pode continuar manifestándose o mildio larvado e loxicamente poden aparecer máis síntomas nos gromos novos, polo que hai que seguir mantendo a vixilancia co obxectivo de intervir no caso de que aumenten os síntomas no acio, e continuar cas labores de esfollados e podas en verde que faciliten no posible a aireación e a luminosidade.
Oídio
Tamén a permanencia do tempo nebuloso e de néboas, unido á ausencia de precipitacións intensas, provocou que naquelas fincas onde había oídio aínda apareceran esta semana novos síntomas nos acios. En xeral, os síntomas que observamos afectaban a poucos acios e, dentro deles, a poucos grans, salvo en plantas de variedades tintas sensibles. Esta escaseza de sintomatoloxía pode ser debida á práctica xeneralizada das labores de esfollado, que permiten airear os acios e expoñelos á radiación do sol, o que limita a instalación e o desenvolvemento do fungo. Como o peche dos acios é xa o estado dominante nas fincas, non son de esperar contaminacións significativas nos grans naquelas parcelas que agora non presentan síntomas, pero naquelas que si os presentan aínda poden producirse danos.
Botrite
Observamos os síntomas típicos desta enfermidade en grans de acios de dúas parcelas: na finca que visitamos no Rosal con danos de mildio despois da floración e noutra da mesma comarca onde tamén detectamos os primeiros síntomas de couza. En ambos casos eran plantas de Albariño as afectadas, a pesar de que nas mesmas fincas tamén hai plantas de variedades máis sensibles (Godello, Loureira e Treixadura).
Maila aparición destes primeiros síntomas, as capturas de esporas do fungo no captador que temos instalado entre as plantas sen tratar de Areeiro tamén baixou fronte aos niveis de hai dez días, como se pode comprobar na gráfica (aínda así, cando teñamos os datos do día de onte tamén esperamos unha subida).
Gráfica do captador situado en Areeiro ENTRE AS PLANTAS TESTEMUÑA (colaboración coa facultade de Ciencias do campus de Ourense – Universidade de Vigo).
Para os próximos días, e segundo a maior parte das axencias meteorolóxicas consultadas, espérase un tempo seco e maioritariamente soleado, con ventos que serán sobre todo do norte ou do noroeste. De cumprirse estas previsións, o nivel de risco non será elevado, pero aínda así hai que manter a vixilancia (sobre todo onde haxa algún síntoma e danos ou feridas nos grans) e seguir practicando as medidas de loita preventiva que axuden á boa ventilación dos acios. Porén, de manterse alta a humidade ambiental, naquelas fincas de maior risco é conveniente aplicar un tratamento.
Segundo nos informaron continúan aparecendo nalgunha zona os síntomas a que faciamos referencia no aviso de hai dúas semanas (6 de xullo)
Black rot
Aínda existen posibilidades de que aparezan síntomas nos acios, sobre todo naquelas fincas onde xa se tiveran detectado nas follas, pero se finalmente a meteoroloxía tende a estabilizarse o risco diminuirá.
Couzas do acio (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)
Nas trampas das nosas parcelas de seguimento o nivel de capturas de adultos de Lobesia botrana é bastante baixo, e nesta semana deuse a circunstancia de que diminuíu en todas as trampas do Rosal e do Salnés (salvo na Modia, onde curiosamente rexistrouse o maior número -26-), e subiu nas do Condado.
Con todo, e como previamos no aviso anterior, apareceron as primeiras postas (un total de catro, en dúas fincas) e tamén vimos as primeiras penetracións larvarias (só nunha parcela). Isto significa que hai que incrementar a vixilancia, pois aínda que de momento son síntomas moi limitados, coa melloría prevista do tempo pode verse favorecida a actividade destes insectos.
Antes de tratar polo número de capturas nas trampas lembren que é a observación dos acios quen indica cal é o verdadeiro risco, pois o número de adultos de couzas pode variar en función da vexetación que rodea as fincas ao non ser insectos específicos de viña. É importante ter en conta esta cuestión porque nas viñas menos tratadas hai insectos auxiliares como arañas ou larvas de "crisopa" que atacan ás eirugas das couzas
Cicadélidos
Nas trampas que temos instaladas nas nosas parcelas de seguimento temos que falar novamente de capturas de adultos por debaixo dos limiares de tratamento (que se están a revisar porque considérase que realmente estes insectos causan menos danos dos que se pensaba). Canto ao número de larvas/ninfas observado no envés das follas, de momento tamén é baixo, inferior a 10 en 100 follas, polo que non é preciso tratar. Iso si, de cumprirse as previsións meteorolóxicas, para a semana poden incrementarse as poboacións, o que poderá coincidir coa probable aparición de novos síntomas debidos a causas climáticas que moitos viticultores confunden con danos de cicadélidos.
Tamén, e como no caso das couzas, hai insectos útiles que axudan a regular as poboacións. Entre eles novamente están as "crisopas", pero tamén os coccinélidos (xoaniñas e outras) ou as forcadelas
Ácaros
Ao marxe de seguir incrementándose os síntomas de erinose nalgunhas fincas, nesta semana vimos unha planta de Loureira nunha finca do Rosal con síntomas que apuntaban a acariose e que, na lupa, efectivamente confirmamos. Simplemente apareceron nunha planta illada pero a súa presencia obriga a incrementar a vixilancia, máis aínda tendo en conta que se mellora a climatoloxía é de esperar que tales condicións beneficien aos ácaros.
Outros
Continúan aparecendo síntomas de alteracións da madeira e tamén, nas viñas nas que se fixo un esfollado intenso, empezan a aparecer acios afectados por golpe de sol, pese a que de momento non houbo apenas días con radiación intensa.
Como aínda hai que seguir coa práctica do esfollado, lembren que esta labor non debe facerse nas horas de moita calor e que deben ser moderadas, procurando non expoñer as caras sur e leste, que son as que reciben maior exposición ao sol.
MACEIRA
Moteado
Lembren que esta enfermidade pode danar os froitos mentres están na árbore, e que o fungo se ve favorecido por condicións de humidade.
Couza da mazá (Cydia pomonella)
O voo da couza continúa, e nesta semana superouse o limiar nunha trampa da comarca de Pontevedra que pertence á nosa rede de seguimento. Lembren que as eirugas poden causar danos ata o mesmo momento da colleita, polo que hai que seguir pendentes. E lembren que unha boa práctica cultural para reducir a poboación para a próxima campaña é colocar bandas de cartón ondulado ao redor dos troncos para atrapar ás larvas que se retiran a invernar, e retiralas e destruílas no inverno.
Araña vermella
FROITEIRAS DE ÓSO
Mal do chumbo (Chondrostereum purpureum)
Estamos a ter varias consultas de particulares que observan nas súas plantas a coloración prateada nas follas característica desta enfermidade vascular, que afecta a moitas destas árbores despois das primeiras podas (os cortes son as portas de entrada do fungo). Ademais da cor prateada das follas, estas chegan a secar, e tamén os gromos das ramas afectadas son máis pequenos, e secan co paso do tempo, facéndoo despois a totalidade da rama e, finalmente, da árbore. Por outra banda, as veces pódense ver os corpos frutíferos do fungo sobre a madeira.
As ramas afectadas (no caso dun ataque localizado, que xeralmente non é o máis frecuente) ou as árbores danadas deben ser eliminados no período estival (e mellor en tempo seco) para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Ademais, INMEDIATAMENTE DESPOIS DE CADA CORTE (non despois de ter podada a planta enteira) hai que aplicar unha pasta funxicida e, ANTES DE PODAR A SEGUINTE RAMA, hai que desinfectar moi ben as tesoiras. Finalmente, TODOS OS RESTOS PODADOS deben ser retirados da finca. Estas mesmas recomendacións son aplicables ás MACEIRAS e PEREIRAS que presenten CANCRO.
PATACA e TOMATE
Mildio
Nos recorridos polas diferentes comarcas de Pontevedra observamos que continúa habendo síntomas mal controlados deste patóxeno. En principio, a partir de agora vai haber unha melloría do tempo, pero no caso de que os síntomas non remitan haberá que renovar as aplicacións, tendo en conta o prazo de seguridade dos funxicidas empregados se a colleita está próxima.
Restos dos cultivos
BUXO
Cydalima perspectalis
Aínda quedan moitas sebes afectadas pola praga que, ou ben non foron tratadas, ou ben foron sometidas a tratamento pero este non foi eficaz. Lembren que as aplicacións deben ser feitas a alta presión e mollando moi ben a totalidade da planta, pois só deste xeito se poderán limitar as defoliacións con certa garantía.