INFORMACIÓN FITOSANITARIA 06/02/2018
Tras un 2017 seco en xeral (ver cantidades totais recollidas nalgunhas estacións meteorolóxicas da rede de MeteoGalicia) e despois das abundantes precipitacións do mes de xaneiro, nestes primeiros días de febreiro estamos a ter momentos con tempo máis seco e fresco como estes días (ver táboa). As previsións a medio-longo prazo anuncian nestes intres que o resto do mes seguirá sendo bastante húmido, polo que haberá que aproveitar as xornadas de tempo seco para levar a cabo algunhas labores recomendables nos cultivos. Tamén as elevadas temperaturas de finais de xaneiro adiantaron a brotación dalgunhas árbores, que sen dúbida sufrirán a consecuencia deste frío que se rexistra.
Precipitación total ANO 2017 | ||
Comarca | Estación | Choiva (l/m2) |
Pontevedra | Areeiro | 1045,7 |
Salnés | Barrantes | 1065 |
Tremoedo | 1098 | |
Rosal | Areas | 1222,8 |
Eiras | 1089,1 | |
Condado | Cequeliños | 990,6 |
Meder | 1059,6 | |
Soutomaior | Soutomaior | 1116,4 |
Sumatorio de datos de outubro 2017 a xaneiro 2018 | |||||
Comarca | Estación | Choiva (l/m2) | Días choiva | Horas-frío | Días xeada |
Pontevedra | Areeiro | 531,9 | 47 | 302,19 | 0 |
Salnés | Barrantes | 486 | 60 | 704,98 | 16 |
Tremoedo | 309,1 | 48 | 498,97 | 1 | |
Rosal | Areas | 677,2 | 48 | 640,52 | 4 |
Eiras | 603 | 47 | 627,36 | 2 | |
Condado | Cequeliños | 313,4 | 45 | 747,62 | 4 |
Meder | 327,2 | 45 | 646,65 | 5 | |
Soutomaior | Soutomaior | 387,6 | 46 | 455,85 | 0 |
VARIAS ESPECIES LEÑOSAS (VIÑA, FROITEIRAS, ORNAMENTAIS)
Podas
Aínda que moitos xa as terán feito, as podas é posible realizalas ata mesmo a entrada da primavera. É máis, unha poda tardía, cando o zume empeza a moverse no interior da planta, favorece a cicatrización natural das feridas (e tamén é menos probable que as xeadas poidan afectar aos gromos cando nazan). Por outra banda, tamén hai máis posibilidades de aplicar inmediatamente despois da operación, e sen que haxa risco de toxicidade, os funxicidas cúpricos recomendables para previr o desenvolvemento de certos fungos causantes das alteracións da madeira, pois moitos deles penetran maioritariamente a través dos cortes. Por este último motivo, non esquezan eliminar as ramas mortas e sanear (no posible) as que presenten cancros, facer cortes limpos, desinfectar as tesoiras, etc.
Sempre que sexa posible hai que retirar da finca a madeira de poda (ou queimala, pedindo a autorización pertinente), e NUNCA deixar (ou triturar e incorporar ao terreo) restos que se saiba proveñan de plantas enfermas. Ademais, as plantas mortas non só deben cortarse senón que hai que retirar igualmente o conxunto de toco máis raíces para reducir o risco de ataque de fungos das raíces como Armillaria e outros.
CÍTRICOS
Phytophthora spp.
Despois da elevada humidade rexistrada a consecuencia das choivas poden aparecer, sobre todo se houbo retencións de auga na contorna das raíces, síntomas que poden estar asociados a Phytophthora cinnamomi ou outras especies do xénero, que son bastante frecuentes nos cítricos. A sintomatoloxía non é específica, pero Phytophthora cinnamomi soe producir caída de follas e deixar as árbores parcialmente núas, aínda que en ocasións conservan os froitos. Ante a aparición dos primeiros indicios é recomendable tratar con funxicidas a base de fosetil-Al 80%, metalaxil-M ou óxido cuproso 50%. No caso de intervir lembren que deben respectar ESTRITAMENTE o prazo de seguridade do produto empregado.
Tamén é frecuente nestes momentos ver froitos coa podremia típica de Phytophthora hibernalis. Ao marxe da aplicación de funxicidas (que poden ser os anteriormente citados ou algúns outros formulados de cobre), é moi recomendable retirar da árbore, e tamén do solo, a froita moi afectada, pois se non se fai o risco de infección é elevado e poden instalarse tamén outros patóxenos oportunistas.
A PESAR DE ESTAR AUTORIZADOS, LEMBREN QUE OS FUNXICIDAS DE COBRE NON SE PODEN EMPREGAR CON TEMPERATURAS FRÍAS COMO AS DE ESTES DÍAS
Trioza erytreae, psila africana dos cítricos
As temperaturas anormalmente altas de finais de xaneiro nas horas centrais do día favoreceron a aparición de gromos nalgunhas árbores. Sobre eses gromos xa se poden ver adultos e colonias de ninfas deste insecto. O descenso xeneralizado dos rexistros térmicos que se produciu a continuación está a frear o avance da praga. Porén, é conveniente retirar os gromos afectados que sexa posible, que ademais probablemente sufran a consecuencia das potenciais xeadas que poidan rexistrarse de aquí en diante.
PLANTAS DE HORTA
Caracois e babosas
Coas choivas que se levan rexistrado é frecuente ver danos por caracois ou babosas nas plantas de horta que hai agora nos campos, sobre todo naquelas como os repolos nas que se atopan máis protexidos. No Rexistro de Produtos Fitosanitarios do Ministerio hai sustancias rexistradas para o seu control (fosfato férrico e metaldehído) que poden axudar a reducir os danos. Ademais, tamén hai medidas culturais que poden contribuír a limitar os seus ataques, como son o control das malas herbas ou a eliminación dos restos de cultivos anteriores (con isto último tamén se reduce inóculo de determinados patóxenos e se eliminan formas invernantes dalgunhas pragas).
BUXO
Cydalima perspectalis
Nunha serie de gromos que mantemos en condicións de laboratorio as primeiras eirugas invernantes empezan a iniciar a súa actividade. Por este motivo, e aínda que segundo as previsións meteorolóxicas van continuar os fríos no exterior, hai que ir vixiando os gromos de buxo por se aparecen os primeiros danos.
PIÑEIRO
Procesionaria
Aínda que as primeiras procesións de enterramento xa fai tempo que se teñen observado, aínda na semana pasada, cando as temperaturas non eran tan baixas, era posible observalas nalgunhas zonas. Lembramos que as eirugas posúen pelos urticantes que poden producir reaccións alérxicas e inflamatorias e que, no caso de animais domésticos como os cans, chegan mesmo a xerar necroses nos tecidos da boca e próximos. Polo tanto unha vez máis insistimos en que NON SE DEBEN MANIPULAR BAIXO NINGÚN CONCEPTO.