É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30/06/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K - L (Grans tamaño chícharo-Peche do acio) [BBCH: 75-77 (79)]

Mildio

Malia que as previsións meteorolóxicas para a semana que transcorreu apuntaban a condicións máis secas e polo tanto máis desfavorables ao mildio e propicias ao oídio, a realidade foi que en certas zonas/viñas de todas as comarcas se exteriorizou un forte ataque do primeiro patóxeno. Nalgúns casos esta exteriorización afectaba a poucos acios e a escasa superficie dos mesmos; noutros, a sintomatoloxía estaba presente en bastante máis do 50% dos acios e cunha intensidade próxima ao 100% da súa superficie. Segundo nos informaron, a aparición masiva destes síntomas nesas zonas/viñas tivo lugar xa a partir do domingo.

20230628_Desde o domingo apareceron síntomas mildio larvado nalgúns predios 20230628_Algunhas viñas forte ataque de mildio larvado 20230628_Mais mildio en viñas con ataques desde o inicio

Ben é certo que, a pesar da mellora evidente da climatoloxía, a humidade relativa continuou a ser moi alta case todos os días, nalgúns lugares houbo orballos e ata 10 horas de humidade foliar varias xornadas, localmente se deron néboas e mesmo unha lixeira precipitación en días illados... todo isto unido a unhas temperaturas mínimas que continuaron moi altas, ata mesmo de preto de 20ºC, o que en conxunto veu significar un ambiente favorable ao desenvolvemento do patóxeno. E este ambiente non foi contrarrestado polas temperaturas superiores a 30ºC durante varias horas que tamén se rexistraron algúns días.

A aparición de síntomas de mildio larvado á que nos referimos, que foi observada por nós e confirmada coas numerosísimas chamadas de técnicos e viticultores que recibimos estes días, deuse en predios que xa tiveran síntomas de infección non totalmente controlados ao longo da campaña, mesmo xa desde o inicio ou desde a floración, e ben seguro derivan daquela época e das infeccións que se foron acumulando de xeito case continuo neste ano climatoloxicamente tan favorable ao patóxeno. De feito, nos anteriores boletíns xa nos viñamos referindo a este tipo de viñas, aínda que esta semana o número de predios que visitamos con esta incidencia da enfermidade foi superior.

20230628_Mais síntomas mildio larvado predios con ataques previos 20230628_Nalguns predios hai larvado pero menos

Con todo, foi maioritario o número de viñas visitadas nas que os síntomas antigos estaban perfectamente controlados ou mesmo non existían/existen nestes momentos, mesmo empregando o mesmo programa e maquinaria de aplicacións. Nestas viñas (que apuntan a unha colleita moi abundante e sa), aínda que os acios poden verse afectados ata o cambio de cor, non é probable xa que se produzan perdas a menos que as condicións continúen sendo moi favorables.

20230628_Moitos predios uva sen mildio

De cara aos próximos días as diferentes axencias e modelos meteorolóxicos consultados anuncian, en xeral, ceos con nubes e claros, temperaturas mínimas altas e certa posibilidade de precipitación cara a metade da próxima semana. Este estremo non é coincidente, a día de hoxe, en todas as previsións, como tampouco o é a forza e dirección dos ventos. Por estes motivos é preciso continuar coa vixilancia intensiva das viñas, manter as labores culturais básicas e tratar no caso de que continúe ou se produza un avance dos síntomas. Neste último caso, presten moita atención aos ventos e lembren que non se deben realizar aplicacións fitosanitarias con velocidades superiores a 3 m/s (10,8 Km/h, que xeran un lixeiro movemento das follas, pero non xa unha axitación constante das mesmas) para evitar que os produtos voen fóra da área a tratar.

Oídio

Malia que a priori as condicións meteorolóxicas previstas para esta semana eran favorables ao oídio, unicamente atopamos síntomas nuns acios dunha viña de O Salnés. Está claro que os tratamentos aplicados á par que os de mildio lograron controlar ata o de agora as infeccións. Con todo recoméndase non descoidar a vixilancia, pois nestes momentos a uva é aínda moi sensible ao fungo e ademais nesta época soe haber néboas locais, o que o favorece. Lembren que a vixilancia debe ser máis intensa nas variedades máis sensibles e nos predios onde xa houbera síntomas da infección, e que un mal control deste fungo pode producir a rotura da pel da uva e favorecer, no seu momento, a instalación e avance de patóxenos como a botrite.

20230628_Sintomas oidio acio albariño 20230628_Oidio en gran albariño 20230621_Sintomas oidio en variedade tinta

Black rot

Polo menos nas moitas viñas que revisamos esta semana non observamos síntomas novos desta patoloxía. En calquera caso, aínda estamos nun momento de elevada sensibilidade da uva ao fungo, co que se recomenda non descoidar a vixilancia en especial si, como anuncian algunhas previsións meteorolóxicas, se chega a producir certa precipitación.

20230621_Sintomas black rot albariño 20230621_Grans de acio hibrido con diferentes síntomas black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Cicadelidos

Esta semana detectamos os primeiros dous exuvios (restos das mudas) do cicadelido vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, o que demostra que o inicio de tratamentos recomendado a semana anterior foi oportuno. No caso de non ter feita a intervención insecticida e de ter viñedos no sur da provincia, lembren que é aconsellable tratar (cos produtos autorizados para o seu control) co fin de tentar de limitar na medida do posible a dispersión da grave enfermidade que transmite.

20230628_Resto muda Scaphoideus titanus

Canto ao resto de especies de cicadelidos, seguen a ser capturados nas trampas e atopados nos recontos ás follas, pero en niveis por baixo do limiar de tolerancia.

Certo incremento cicadelidos nalgunhas trampas

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Tampouco atopamos, na revisión desta semana, síntomas da actividade das avelaíñas nos acios, pero si se incrementou o número de predios onde recollemos nas trampas cifras entre 30 e 45 machos (no resto, ou non recollemos ningún, ou soamente 1-2 individuos). Manter a vixilancia e o seguimento das trampas. se ben non atopamos síntomas nos acios, nunha das nosas trampas recollemos un número elevado de machos, indicio de que se iniciou a segunda xeración, pero de momento non é preciso tratar.

20210621_Alto número capturas Lobesia

Outras incidencias

Como era de esperar e así o anunciaramos a semana anterior, co aumento de temperaturas que se produciu, nesta semana había máis plantas con síntomas propios de enfermidades de madeira nas viñas. Amais, tamén atopamos os primeiros acios con golpes de sol.

20230628_Mais plantas síntomas alteracións madeira 20230628_Apareceron primeiros acios con golpe de sol

BUXO

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

Nesta semana observamos os primeiros ovos da praga nunha sebe que controlamos, o que obriga a iniciar novamente a vixilancia para poder actuar a tempo e así evitar as defoliacións que causa.

20230628_Posta de Cydalima en buxo