É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 14/07/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L (Peche do acio) [BBCH: 77-79-(81)]

Nas viñas de albariño das distintas comarcas vitivinícolas, o estado fenolóxico dominante segue a ser o de acio pechado. Non obstante, nalgúns acios especialmente solleiros de zonas cálidas hai uvas que empezan a brillar, e tamén nas variedades máis temperás hai grans en pintado.

20230713_Variedades temperas empezan cambio cor

Mildio

Como ven sendo habitual nesta campaña, todos os días da semana transcorrida desde o boletín anterior a humidade relativa media foi superior a 75% todas as xornadas, estando en case todas as estacións meteorolóxicas na contorna de 82-87%. Amais, houbo precipitacións na fin de semana e tamén o mércores día 12. Canto ás temperaturas, as mínimas mantivéronse bastante cálidas aínda que, salvo excepcións, non tanto coma nas semanas anteriores. Con estes rexistros climatolóxicos, todos os días cumpríronse as condicións para a esporulación, o que tivo bo reflexo no elevado número de esporas que se recolleu no captador que temos instalado nas plantas testemuña da nosa viña de Areeiro: 3029 entre o mércores 5 e o martes 11, cunha cifra máxima de 1105 o venres día 7.

Concentración diaria de esporanxios

Porén, na revisión desta semana ás viñas non atopamos ningún síntoma novo nos acios, que aínda se manteñen sensibles ao patóxeno, nin sequera nas viñas que levan xa un mes sen aplicacións funxicidas.

20230713_Aspecto albariño en viña sen tratar un mes

Polo que respecta ás plantas testemuña sen tratamentos, os acios levan xa semanas máis dun mes completamente destruídos polo fungo, e aínda non se desprenderon.

Xullo 2023_Nas plantas testemuña acios destruídos polo mildio

Canto á folla e/ou os pampos, tampouco observamos síntomas, se exceptuamos neste caso as partes máis altas das viñas moi frondosas.

Á parte superior das parras non chegan tratamentos e teñen mildio

As predicións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian nestes momentos bo tempo e ventos do norte para os próximos días exceptuando o de hoxe, venres 14, e o de mañá, en que haberá precipitacións. A contía prevista é variable segundo a axencia e tamén varía coas actualizacións dos modelos meteorolóxicos, pero pode chegar a superar os 10 l/m2. Por estas choivas, pero tamén pola climatoloxía que houbo no conxunto desta campaña, con por exemplo 25 dos 30 días do mes de xuño con condicións favorables ao patóxeno, non hai que descoidar de momento a vixilancia e renovar os tratamentos no caso de que proliferen novos síntomas e/o as precipitacións sexan abundantes. A vixilancia debe ser elevada nas viñas coa uva sa ou con poucos danos, pero hai que estendela tamén a aqueles predios nos que se perdeu case toda a colleita pensando xa na campaña próxima.

Oídio

Esta semana unicamente observamos un novo acio con síntomas do fungo, que aínda poden seguir aparecendo ata o pintado. As contaminacións secundarias por este fungo están causadas por conidios que se propagan polo vento, pero non require auga líquida, aínda que si alta humidade e niveis de luz baixos. Manter a vixilancia e renovar as aplicacións en caso de realizar outras intervencións e de observar un avance da enfermidade.

20230705_Acio rebusco con oidio 20230705_Oidio en variedade tinta

Black rot

Tampouco nesta semana observamos novos síntomas, pero de momento hai que manter a vixilancia e, se a enfermidade está presente e teñen que renovar un tratamento fronte a mildio e/ou oídio, usen materias activas tamén rexistradas para o control deste fungo.

20230621_Sintomas black rot albariño 20230621_Grans de acio hibrido con diferentes síntomas black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Botrite

A presenza de acios danados por mildio, moi abundantes nalgunhas viñas esta campaña, ou por oídio, avelaíña ou rachos fisiolóxicos ou mecánicos, obrigará a prestar moita atención á aparición deste patóxeno a partir de agora, sobre todo baixo condicións de elevada humidade relativa e/o choivas. De feito, esta semana xa vimos o primeiro síntoma nunha variedade temperá sensible.

20230713_Feridas en grans favorecen ataque podre 20230713_Gran de variedade sensible con podre

Cicadelidos

Non estamos a recoller apenas adultos de mosquito verde nas trampas, pero si algunhas persoas están a falar de que hai síntomas do seu ataque. Lembren que hai veces que hai síntomas na viña que poden asociarse erroneamente ao seu ataque como son déficits hídricos, carencias nutricionais, a acidez do solo. Por iso, as trampas son un medio sinxelo, económico e fiable para coñecer realmente a incidencia destes insectos na viña e evitar así aplicacións innecesarias.

Porén, segue a ser necesario aplicar tratamentos na zona sur da provincia para reducir na medida do posible as poboacións de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada, do que se seguen a recoller bastantes adultos nas trampas. Esta é unha medida imprescindible para tentar limitar o avance da flavescencia e por iso non debe descoidarse, amais de eliminar e destruír as plantas abandonadas e de prestar moita atención a onde se compren as plantas que se teñen que repoñer nunha plantación por exemplo.

Capturas de Scaphoideus titanus e outros cicadélidos en trampa de detección Scaphoideus titanus capturado en trampa cromática

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Seguimos a ter baixas capturas de Lobesia botrana, pero xa observamos a primeira penetración dunha eiruga nunha das nosas parcelas de seguimento. Manter a vixilancia e o seguimento das trampas.

As postas de couza son difíciles de ver Eiruga couza acio en penetración A polpa dos grans con couza degradase e escurece

Outras incidencias

Amais dos síntomas de enfermidades de madeira de erinose de verán, esta semana xa vimos os primeiros síntomas da alimentación de paxaros a expensas de grans iniciando a maduración.

20230713_Paxaros xa eliminan grans variedades máis temperas 20230705_Incrementouse erinose de verán

NOGUEIRA

Mosca da casca verde da noz (Rhagoletis completa)

Está a comezar o voo desta especie, cuxas larvas destrúen a casca verde da noz, que podrece e seca, diminuíndo a calidade das noces. Para o seu control, poden empregar trampas de feromona e eliminar tamén os froitos caídos ao chan para evitar que as larvas se enterren para pupar.

Adultos de Rhagoletis completa en trampa Eiruga de Rhagoletis completa en noz

Os síntomas nas noces poden ser confundidos cos do fungo responsable da antracnose da nogueira que, fronte á mosca, tamén xera síntomas en forma de manchas escuras nas follas.

BUXO

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

Nas sebes que non reciben tratamentos están a observarse danos aparentes das eirugas desta bolboreta. Os tratamentos fronte a elas deben ser feitos, especialmente en tempo cálido, cando se detecten os síntomas porque as defoliacións que poden provocar soen ser moi rápidas.

20230706_Macho de Cydalima capturado na trampa 20230706_Eirugas novas xa están a producir danos 20230713_Planta de buxo parcialmente danada Cydalima

PIÑEIRO

Procesionaria

Esta semana tivemos as primeiras capturas de machos de procesionaria (Thaumetopoea pityocampa) nas nosas trampas.

Machos de procesionaria do piñeiro na trampa