Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 21/04/2023

VIÑA

Estado fenolóxico.- É difícil definir o estado fenolóxico que domina nas viñas a estas alturas, non só polas diferencias que se poden dar entre comarcas ou entre zonas xeograficamente menos amplas, senón tamén pola variabilidade que se observa esta campaña incluso a nivel de cada predio. Así, e falando en xeral, na nosa visita desta semana ás viñas observamos, tamén na mesma viña, desde plantas coas follas aínda estendéndose (estados D-E / 09-11 da escala BBCH) ata unhas poucas cos acios separados (estado G / 55 en BBCH). En calquera caso, quizais podemos dicir que o estado medio é o de acios visibles: estado F (53 da codificación BBCH).

Mildio

Como xa é sabido, a pasada semana detectáronse de xeito xeral as primeiras manchas de mildio en todas as comarcas e en case todos os predios (das nosas parcelas de seguimento habitual aínda quedan 2 sas neste momento), e por iso a maioría xa foron obxecto dunha aplicación, aínda que tamén sabemos dalgunhas viñas que xa levan dúas. Esta semana, na revisión ás viñas das nosas parcelas de seguimento e a outras que visitamos, a situación que atopamos foi variada, pois en xeral non se incrementara o número de manchas e estas estaban case curadas ou en fase de curación.

Face_de_folla_con_manchas_de_mildio_case_curadas Enves_de_folla_con_manchas_de_mildio_case_curadas Manchas_de_mildio_en_fase_de_curacion

Porén, tamén nalgún predio observamos algunha mancha aínda sen curar, e dous técnicos que colaboran con nós para completar esta información nos informaron de que xa observaron algún que outro acio afectado nunhas viñas. Consideramos que esta variabilidade de situacións se debe a que a detección das primeiras manchas foi realizada máis ou menos a tempo segundo os casos, e que non todos os tratamentos puideron facerse oportunamente.

Manchas_de_mildio_sen_curar

Amais, desde a emisión do aviso fitosanitario de detección das primeiras manchas a semana pasada, a climatoloxía dalgúns días foi favorable ao patóxeno (ben é certo que outros días non) pero entre hoxe venres 21 de abril e o domingo 23 as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas refiren precipitacións (que de feito xa se están a producir) acompañadas de temperaturas mínimas que poden ser bastante elevadas (ata 14 ºC segundo as zonas), co que continuarán a ser favorables. Por iso, moitas persoas xa fixeron a renovación dos tratamentos o día de hoxe. Para quen non o teña feito, deben realizar unha nova intervención inmediatamente despois destes días de choiva, pois aínda que nestes momentos de crecemento da viña estase a tratar con funxicidas sistémicos, as choivas reducen o período de protección teórico destes produtos.

Outras incidencias

Outras incidencias.- Como todos os anos a principios de campaña, hai síntomas de erinose en case todas as viñas, que non é preciso tratar, e tamén síntomas evidentes, neste caso nalgúns predios, de ataque de caracois.

MACEIRA

Avelaíña da maceira (Cydia pomonella)

Na trampa que xa temos instalada nas maceiras de Areeiro tivemos esta semana un número de capturas por riba do limiar de tratamento, que nestes momentos é de 2 adultos/trampa e semana. Segundo esta cifra, sería preciso aplicar un tratamento, pero como sempre indicamos, as poboacións desta praga poden variar entre predios aínda que estean próximos. Por este motivo é recomendable a instalación de trampas en cada un para tratar segundo as capturas que se teñan e así evitar que haxa mazás con eirugas.

Vista_do_interior_da_trampa_de_feromonas_da_avelaina_da_maza Capturas_da_avelaina_da_maza_nunha_semana_en_Areeiro

BUXO

Cydalima perspectalis

Nestes momentos as eirugas desta praga están ben desenvolvidas e, onde non se fixeron tratamentos, están a defoliar vorazmente o buxo. Tamén xa se observan crisálides nas sebes non tratadas.

Eiruga_L5_da_bolboreta_do_buxo