É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 16/06/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: J (K) Callado-Grans tamaño chícharo [BBCH: 71 a 75]

Mildio

Temperaturas altas e elevada humidade volveron caracterizar a climatoloxía desta semana, aínda que as precipitacións foron menos cuantiosas cas de días pasados e tamén se rexistrou a melloría do tempo que estamos a ter. Malia estas condicións máis secas en canto a precipitacións, é certo que a humidade relativa nocturna segue a ser moi alta e hai orballo nocturno o que, sumado a unhas temperaturas mínimas suaves (en xeral entre 14 e 17 ºC), provocou condicións de infección secundaria todos os días. Con estas condicións de infección recollemos, no captador que temos entre as filas de plantas testemuña da nosa viña de Areeiro, un volume medio de esporanxios de 727/m3 de aire entre os días 9 e o 13, e cifras moi inferiores na viña de O Salnés (ver gráfica) ata o día 12, que coincidiu co valor maior da semana (157 esporanxios/m3) e tamén coa xornada de precipitación na zona.

Concentración diaria de esporanxios

Canto á nosa revisión ás viñas, en xeral observamos un excelente estado fitosanitario, e só observamos síntomas naqueles predios que sufriron un forte ataque cando coincidiron as primeiras condicións extremadamente favorables coa floración.

20230614_Os acios en xeral en bo estado sanitario 2023614_Algun acio con restos mildio nalgún predio 20230614_Pouco mildio tamén en viña en ecolóxico

Boa parte das viñas están tratadas recentemente ou dentro do período de protección da última aplicación fitosanitaria. Por iso, e tamén porque as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indican permanencia do bo tempo salvo unha precipitación, en principio lixeira, entre sábado e martes segundo o modelo, non debería haber problemas a curto prazo onde non houbo apenas síntomas ata agora, e nas restantes tamén deberían ir remitindo. Con todo, aínda que haberá que estar alerta, en especial nas que se vaia cumprir o prazo de protección teórico e onde aínda queden síntomas non ben controlados.

Aínda que moita xente xa o está a facer, quedan algúns viñedos cun excesivo desenvolvemento da vexetación, e tamén da cuberta vexetal espontánea que crece baixo as plantas. Por iso, nestes casos debe realizarse a poda en verde e/o esfollado (lixeiro, que os acios aínda están desenvolvéndose), e proceder á roza da cuberta vexetal. Lembren que, no control de enfermidades, estas operacións son imprescindibles para facilitar a ventilación dos órganos da vide, e son tan importantes como a aplicación oportuna e correcta dos produtos fitosanitarios, máis nun ano como este con unha climatoloxía tan favorable, ata o de agora, a este e outros patóxenos.

Oídio

Vimos nesta semana acios de albariño con presenza de micelio do fungo nalgúns predios, e do mesmo nos informaron outros técnicos. Incrementar a vixilancia, tendo en conta de que entramos nun dos momentos máis críticos en relación a esta enfermidade na nosa zona, polo que a partir de agora calquera intervención antimildio debe ir acompañada dun antioídio.

Gran de uva con oidio Ampliación detalle oidio en uva albariña

Black rot

Esta é sen dúbida a patoloxía que hai que destacar esta semana pois atopamos moitos síntomas en acio nunha viña híbrida da comarca de O Condado que está a carón dunha tratada, e tamén na mesma comarca síntomas en diferentes plantas abandonadas. Estes síntomas, lembren, non teñen por que afectar a todos os grans do acio, e pode haber uvas totalmente danadas xunto a outras só parcialmente afectadas. O tempo máis seco que se prevé non será o máis favorable á enfermidade pero tamén é preciso incrementar a vixilancia en todas as comarcas e, onde haxa brotes do fungo, elixir un funxicida antimildio e ou antioídio rexistrado tamén para este outro fungo.

20230615_Acios varedade hibrida black rot 20230615_Detalle de acio hibrido con black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Cicadelidos

Nas nosas trampas continúan en niveis baixos as capturas destes insectos. Da mesma forma, o reconto de ninfas (larvas) en follas tamén é moi baixo. De Scaphoideus titanus aínda non vimos ninfas nin adultos.

Adulto de cicadelido, ninfa e resto en enves folla Larva de Cicadélido

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Na revisión desta semana ás nosas trampas tivemos poucas capturas ou nulas, e non atopamos síntomas nos acios. Con todo, segundo nos informaron uns técnicos noutras parcelas a cifra de machos recollidos nas trampas é superior.

PATACA e OUTRAS HORTÍCOLAS

Mildio

Tras estas semanas con condicións de humidade tan elevada, o sol destes días provocará unha evaporación da auga do solo e xerará condicións moi favorables ao mildio. Por iso, naquelas plantacións que non estean protexidas é aconsellable aplicar un tratamento, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos nas plantas temperás próximas á colleita.

Gromo terminal de pataca con mildio Esporulación mildio pataca Detalle del síntoma del mildiu de la cebolla