É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 21/07/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: L (Peche do acio) - M1 (Inicio do pintado) [BBCH: 79-81(83)]

Esta semana, coas elevadas temperaturas rexistradas, hai máis predios de albariño con acios cuxas uvas que empezan a brillar, amais do cambio de cor que se observa facilmente nalgunhas variedades tintas. De feito, segundo nos informaron, algunhas bodegas xa fixaron a data límite de tratamentos fitosanitarios da campaña para estes días (esta información non foi confirmada por nós).

20230719_Os grans de albariño empezan a brillar 20230713_Variedades temperas empezan cambio cor

Mildio

A fenoloxía actual da viña, empezando o pintado das uvas, e o tempo máis estival desta semana xogaron a favor da sanidade dos grans. Neste sentido, na revisión desta semana ás viñas non atopamos cambio algún no estado dos acios, e as precipitacións en xeral escasas que houbo na fin de semana, así como as condicións de frutificación que se deron practicamente todas as noites, que tiveron os seu reflexo nas capturas de esporanxios na nosa viña de Areeiro (máis de 2000/m3 de aire entre o 12 e o 18 de xullo), non foron quen de incrementar os síntomas naqueles predios onde xa os había ou de provocar síntomas nos sas e mesmo nos acios rebuscos.

Os acios sas permanecen igual Ata os acios rebuscos están libres de mildio
Concentración diaria de esporanxios

Pola contra, en gromos novos dalgunhas viñas, e tamén en partes altas dalgunhas parras a onde, polo gran desenvolvemento da vexetación, non chegaron os tratamentos que se fixeron, si atopamos síntomas novos, nalgúns casos bastante abundantes.

20230720_Folla tenra gromo novo con manchas Manchas de aceite novas en folla de chupón Manchas abundantes parte superior parras

Algunhas destas manchas novas amosaban frutificación máis ou menos desenvolvida segundo os predios e/ou os órganos afectados.

20230720_Frutificacion mildio en folla gromo tenro 20230720_Frutificacion mildio en pampo gromo tenro

Coincidiu que todas as viñas onde topamos esta sintomatoloxía estaban ben frondosas, sen problemas derivados de falta de auga por un solo moi areoso ou cloróticas por escaseza de nutrientes, e polo tanto non deberían ter problemas por falta de follas fotosinteticamente activas caso de que os síntomas se incrementen e dean lugar a unha posible perda de masa foliar.

Para os próximos días, as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian un empeoramento do tempo quitando mañá sábado, con posibilidade dalgunha precipitación hoxe venres ou entre domingo e luns. Con tales condicións do ambiente, seguramente se manifestarán máis síntomas a nivel da vexetación e por iso é recomendable aplicar un tratamento cun funxicida a base de cobre.

Oídio

O oídio é un fungo que pode afectar á uva ata o pintado. Esta semana, a practica ausencia de choiva e un ceo non completamente limpo algúns días, favoreceu ao patóxeno, e de feito miramos máis acios afectados, en especial en variedades sensibles e en acios rebuscos.

Debido a que o pintado non está completo en absoluto, á par do funxicida de cobre é conveniente un antioídio.

20230719_Oidio acios variedade tinta sensible Acio rebusco con oidio

Black rot

Nos predios aos que fomos esta semana (as viñas do noso seguimento habitual e tamén outras nas que nos detemos ao azar) non observamos avance algún nos síntomas.

20230621_Sintomas black rot albariño 20230621_Grans de acio hibrido con diferentes síntomas black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Botrite

En viñas onde hai cepas de diversas variedades moi temperás, o avance na fenoloxía que conduce ao maior contido de azucre dos grans, os danos por paxaros ou vespas, os rachos fisiolóxicos ou por rozas, etc. provocaron que fóra máis sinxelo atopar grans afectados por este patóxeno. Por iso, en casos coma estes e tamén en variedades sensibles, é aconsellable aplicar un tratamento dirixido aos acios.

20230713_Feridas en grans favorecen ataque podre 20230713_Gran de variedade sensible con podre Acio con uvas con podre

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Na revisión desta semana ás trampas que temos instaladas, cuxas cápsulas de feromonas foron renovadas a semana pasada, apenas recollemos algúns machos de Lobesia botrana salvo nun predio, onde o número foi moi elevado.

Abundantes capturas Lobesia tras cambio feromona

Con todo, nin nesta nin nas outras viñas observamos síntomas nos acios, que agora, conforme vaia avanzando o pintado, serán máis sinxelos de ver. Continuar a vixilancia, máis que polos danos directos que poida causar, polos indirectos (instalación de botrite e outros patóxenos oportunistas).

Eiruga couza acio en penetración A polpa dos grans con couza degradase e escurece

Cicadelidos

Segue a haber capturas de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada, nas trampas do sur da provincia. Por este motivo, e como xa anunciamos nos medios de comunicación ao longo desta semana, é importante aplicar os tratamentos insecticidas recomendados naqueles lugares nos que non se realizaran ou nos que se capturen exemplares do cicadelido, isto aínda que non se estean a facer outro tipo de intervencións fitosanitarias.

Adulto de Scaphoideus titanus en trampa amarela Algún insecto na trampa pode parecer Scaphoideus a ollo nu pero non o é

Outras incidencias

A calor destes días fixo que se manifestaran máis síntomas de enfermidades de madeira e tamén de desequilibrio hídrico nalgunhas viñas. Amais, segue a aumentar a erinose de verán e os síntomas da alimentación de paxaros e avespas a expensas dos grans en pintado.

20230713_Paxaros xa eliminan grans variedades máis temperas 20230719_Aumenta erinose de verán