É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28/04/2023

VIÑA

Estado fenolóxico: F - G (acios visibles-separados) [BBCH: 55-(57)]

Mildio

Amais da precipitación caída entre o venres 21 e os primeiros días desta semana, da orde, en xeral, de 40-55 l/m2 en conxunto, desde o pasado domingo día 23 as temperaturas nocturnas foron suaves, en xeral ben por riba dos 12 ºC e estiveron acompañadas por unha moi elevada humidade relativa e humidade foliar durante horas. Estes rexistros indican condicións verdadeiramente favorables ás infeccións por este patóxeno.

Na visita semanal ás parcelas de seguimento da nosa rede e a outras que revisamos puidemos comprobar como en todas había algunha mancha que non estaba ben controlada, independentemente do tempo transcorrido desde o tratamento anterior e o funxicida utilizado (se estes datos eran coñecidos). Tamén aparecera, en varias delas, algunha mancha nova moi incipiente pouco visible, así como os primeiros síntomas nas dúas viñas que ata agora eran asintomáticas, nas plantas testemuña que mantemos e mesmo xa, aínda que timidamente, nalgunhas das plantas de variedades pouco sensibles que hai polas beiras dos camiños ou nos bordos dalgúns predios. Loxicamente, este feito era máis evidente nas viñas que partían dunha situación máis complexa por non ter feito o tratamento oportunamente ou por realizarse en condicións inadecuadas (vento ou poalla).

20230426 Algunha mancha nova era moi incipiente 20230426 Apareceron as primeiras manchas en plantas nos bordos dos caminos

Segundo as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, a curto prazo manteranse as condicións algo inestables, con posibilidade dalgunha precipitación, en principio escasa, hoxe venres e mañá sábado. Canto ás temperaturas, as mínimas parece que van seguir sendo altas en xeral (non coinciden todos os modelos). Con estas previsións, e máis coaa situación observada nas viñas, o estado fenolóxico sensible das plantas e a redución no período de protección teórico dos tratamentos que foron aplicados antes do pasado venres, aconséllase renovar as intervencións utilizando preferiblemente un funxicida cun modo de acción diferente ao/s xa aplicado/s.

Outras incidencias

Esta semana vimos o primeiro síntoma de black rot nunha folla dunha planta da nosa viña de Areeiro, un adulto de pedroulo na mesma viña e tamén apareceron, neste caso en dúas plantas dunha viña de O Rosal que estivera abandonada durante moito tempo hai anos, os primeiros síntomas de enfermidades de madeira. Amais, é bastante xeral a presenza de síntomas de erinose e tamén continúa a haber caracois nalgúns predios, pero o bo crecemento dos gromos fai que os signos da súa alimentación non sexan graves.

Primeira mancha de black rot en Areeiro Planta con sintomas de enfermidade de madeira A climatoloxia favorece a presenza de caracois

MACEIRA

Avelaíña da maceira (Cydia pomonella)

Malia non ter aplicado tratamento algún, nesta semana non recollemos ningún adulto na trampa que temos instalada nas maceiras de Areeiro. En calquera caso, lembren que o máis conveniente é instalar unha trampa en cada predio para a mellor xestión da praga.

Instalacion de trampa delta en manzano al inicio de campana

BUXO

Cydalima perspectalis

Esta semana xa non atopamos ningunha eiruga nas sebes que vixiamos, e si crisálides. Amais, nunha poboación de eirugas que mantiñamos no laboratorio xa naceu o primeiro adulto. Porén, noutras zonas con climatoloxía máis fresca aínda poden quedar eirugas e ser necesario un tratamento.

Crisalida de C perspectalis Ainda quedan eirugas Cydalima pero xa hai crisalides