É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12/05/2023

VIÑA

Estado fenolóxico: H (botóns florais separados) [BBCH: 57-(60)]

Mildio

Desde a emisión da información anterior volvéronse dar condicións favorables ao mildio boa parte dos días. Hai que ter en conta que as temperaturas mínimas continuaron relativamente altas ata a noite do mércores, en que baixaron, e que tamén a humidade relativa diaria foi moi alta (en xeral por riba do 80%) tamén ata que empezaron a chegar os ventos do norte nas últimas horas do martes. Amais, hai que mencionar a precipitación que alternou con claros varios días e as choivas do sábado, que segundo zonas chegaron a superar os 30 l/m2.

Con estes antecedentes, non é de estrañar que o volume de esporas de mildio recollidas no captador situado na contorna das plantas testemuña da nosa viña de Areeiro sufrira un incremento destacable, de valores por debaixo de 20 esporanxios/m3 de aire a superar os 100/m3 e mesmo a chegar a 200:

Concentración diaria de esporanxios

Así, a situación observada nas nosas parcelas de seguimento (a grande maioría con 15-17 días sen tratar) e tamén nas demais viñas nas que nos detemos nos nosos percorridos (sen coñecer data da última intervención), malia ser boa ou moi boa, denotaba xa esta situación:

- nas plantas testemuña o número de manchas multiplicouse sensiblemente e mesmo había pampos e acios afectados

Gromo, follas e acios con mildio planta testemuña Acio moi frutificado en planta testemuña Zona de avance en mancha antiga Acio esporulación incipiente planta tratada

Debido a esta situación e ao tempo transcorrido desde o tratamento anterior nas nosas parcelas de seguimento xa renovamos ou se vai renovar a protección antimildio, o cal debe facerse igualmente naqueles predios nos que se vexan síntomas semellantes e/ou se está próximo a finalizar o prazo de protección teórico do tratamento anterior, considerando que xa só as precipitacións do sábado día 6 reduciron o mencionado prazo.

Como é sabido, estanse a producir ventos de certa intensidade, de máis de 20 Km/h ou grao 4 na escala Beaufort. Estes ventos fan que se movan constantemente as follas e tamén os gromos, xa son incompatibles cuns tratamentos realizados con boas prácticas de cultivo e loxicamente arrastran o caldo fitosanitario fóra das viñas, coas lóxicas implicacións de contaminación desas outras áreas e falta de eficacia das aplicacións. Algunhas previsións apuntan a que continuarán a darse estes refachos nalgúns momentos. Se está a aplicar un tratamento e se dan estas condicións debe deterse e continuar cando volva haber ventos de como máximo 11 Km/h, cando só se moven as follas

E, aínda que para estes próximos días non se prevén precipitacións, lembren que é importante manter ben rozada a cuberta vexetal do viñedo

Oídio

Nas parcelas que revisamos nós aínda non atopamos os primeiros síntomas desta enfermidade. Con todo, nalgunhas plantas, as máis adiantadas, xa empeza a haber timidamente algúns acios empezando a floración, e este estado é conveniente protexelo. Por iso, pódese engadir un antioídio cando se renove a intervención antimildiu.

Algunhas plantas xa empezan a ter floración

Black rot

Esta semana quizais foi esta enfermidade a que máis se incrementou a nivel xeral, pois apareceron síntomas en todas as zonas, timidamente nas plantas tratadas e de xeito máis evidente nas plantas abandonadas dos muros, que como moito reciben deriva das zonas tratadas, onde apareceron non só no limbo foliar senón tamén nalgúns pecíolos.

Mancha típica de black rot na que se visualizan os picnidios Sintomas de black rot en folla e peciolo

Debido a que non hai produtos destinados exclusivamente ao control do fungo responsable desta enfermidade, escolla un antimildio ou un antioidio autorizado tamén fronte a este outro patóxeno..

MACEIRA

Pulgón cincento

Nesta semana vimos máis colonias deste pulgón non só en Areeiro senón tamén en maceiras doutras zonas. Lembren que mentres hai poucas é unha boa medida eliminar as follas afectadas, pero de aumentar si será preciso tratar.

Primeiras colonias de pulgón cincento 2023

Avelaíña da maceira (Cydia pomonella)

Non recollemos esta semana ningún macho na trampa que temos instalada nas maceiras de Areeiro, pero lembren que convén instalar trampas en cada caso porque as poboacións poden diferir.

Instalación da trampa delta na maceira ao inicio da campaña

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana volvemos ter nacementos de adultos no laboratorio, pero no exterior aínda non os miramos nin tampouco nin tampouco os capturamos aínda nas trampas que temos instaladas.

Adultos de Cydalima xa nacen no laboratorio

ÁRBORES DE RIBEIRA

Diferentes especies de crisomélidos

Do mesmo xeito que se refería o ano pasado na información fitosanitaria do 27 de maio, este ano xa estamos a observar os síntomas característicos do ataque destes escaravellos. É máis, tamén xa hai casos nos que da a sensación de que as árbores xa están secas cando se miran desde lonxe e que podería deberse a outras causas pero, cando menos nos beiras dos ríos e regatos que nós detectamos, a causa son estes insectos. Neste momento a sintomatoloxía descrita afecta sobre todo aos salgueiros, pero tamén empeza a ser notoria nos amieiros.

Síntomas iniciais de crisomelidos en salgueiro Síntomas iniciais crisomelidos en amieiros Vista xeral árbores defoliados crisomélidos

DATA DE PUBLICACIÓN DA SEGUINTE INFORMACIÓN FITOSANITARIA:

LUNS 22 DE MAIO