É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 26/05/2023

VIÑA

Estado fenolóxico: I - (J) [Floración-cuajado] [BBCH: 61 a 69]

A floración é, neste momento, o estado máis estendido nas viñas, pero tamén hai predios de todas as comarcas nos que apenas se iniciou este estado e outros nos que está máis avanzado, chegando os grans a ter case o tamaño dun perdigón. Nestes últimos casos, nos que os capuchóns florais xa están desprendidos, as choivas previstas para estes días non deberían causar problemas de botrite, pero naqueles aínda en flor pode haber condicións máis favorables, do mesmo xeito que nos que comeza a floración.

Acio en floración 20230524_Nalgúns casos non se iniciou a floración

Canto ao desenvolvemento vexetativo das vides, xa é excesivo nalgunhas viñas, e por iso despois da floración haberá que despuntalas. Ademais, tamén observamos predios cunha altura e densidade excesiva da vexetación acompañante, situación que debe corrixirse o antes posible para evitar retencións de humidade que favorezan aos patóxenos.

Algunhas viñas teñen exceso de vexetación A altura e densidade excesiva das plantas acompañantes favorece patóxenos

Mildio

As condicións climatolóxicas desta semana mantivéronse en xeral secas e solleiras, pero o martes 23 e/ou o mércores 24 desenvolvéronse nalgunhas localidades episodios tormentosos que en xeral non descargaron máis de 2 l/m2, aínda que ben é certo que na rede de estacións que MeteoGalicia ten na nosa provincia houbo valores máis elevados, como os 15,2 de Fornelos de Montes, os 11,5 de Soutomaior ou os 5,2 de Pazos de Borbén. Salvo estes días aos que nos referimos, os restantes non houbo nin sequera humidade foliar (salvo nalgunhas estacións da comarca de O Salnés) e se mantiveron os ventos do norte ou nordés.

A situación meteorolóxica citada permitiu que na maior parte das viñas que visitamos non houbera síntomas novos de infección máis que, de xeito moi esporádico, algunha mancha nova máis ou menos incipiente. O mesmo sucedeu nas plantas abandonadas de diferentes variedades e tamén nas plantas testemuña que mantemos nas viñas da nosa rede de avisos, como xa dixemos na anterior información fitosanitaria.

20230524_ Manchas novas folla planta tratada 20230524_Mancha nova en folla de brote chupón

De feito, desde o día 11 de maio, no que se recolleran 145 esporas/m3 no captador situado na contorna das plantas testemuña de Areeiro, as capturas están a ser moi reducidas.

Concentración diaria de esporanxios

Tamén foi reducida a concentración de esporanxios na viña de O Salnés onde conseguimos recuperar o captador:

Concentración diaria de esporanxios

Desde hoxe venres 26 anúnciase certa precipitación e tempo inestable todos os días, con temperaturas diúrnas e nocturnas altas e ventos que, segundo a axencia meteorolóxica, poden ser de dirección variable ou xa húmidos do oeste ou suroeste. De cumprirse estas previsións, o risco de infección será sensiblemente máis elevado co destes días pasados. Por este motivo deben revisar moi ben as viñas aínda que estean dentro do período de protección teórico do tratamento anterior e tratar no caso de terse presentado síntomas ou de que sospeiten dunha contaminación anterior mal controlada. Non esquezan que a viña está nunha fase crucial do desenvolvemento da uva e que os últimos tratamentos foron en ocasións aplicados con ventos incompatibles cunha boa protección, o que non debería realizarse.

Oídio

Esta semana volvemos atopar unha folla co micelio propio deste patóxeno, pero non vimos máis síntomas (e tampouco se tratara aínda cun produto fronte a esta enfermidade). Como xa dixemos na anterior información fitosanitaria, agora si é preciso tratar tamén este fungo nas aplicacións que se fagan.

20230518_Primeiros síntomas oídio folla albariño

Black rot

Na revisión do pasado mércores 24 atopamos síntomas bastante notorios da enfermidade nunhas plantas abandonadas moi próximas a unha viña comercial. Estas plantas supoñen unha fonte de inóculo importante, e deben sempre ser eliminadas. Nas parcelas tratadas non observamos síntomas que merezan comentario. Porén, as condicións climatolóxicas previstas son moi favorables ao fungo nun momento no que a uva é sensible e por iso hai que considerar tamén a este patóxeno nos potenciais tratamentos que se realicen.

Folla planta abandonada síntomas black rot

Avelaíña da uva

Estamos a ter capturas extremadamente baixas nas trampas de feromonas e tampouco se producen en todas as viñas. Pola súa banda, apenas observamos glomérulos ou niños das eirugas. Non é preciso tratar.

20230524_Niños da avelaíña son esporádicos

Outras incidencias

Nalgúns predios, os ventos fortes destes días pasados provocaron a rotura de bastantes brotes. Estes deberían ser retirados ante a previsión de precipitacións para evitar a instalación de fungos oportunistas como é o causante da botrite.

20230524_Ventos destes dias romperon gromos

BUXO

Cydalima perspectalis

Desde hai dúas semanas estabamos a ter nacementos de adultos no laboratorio, pero esta xa capturamos o primeiro adulto nunha trampa de feromonas. Non vimos máis nin tampouco ovos, pero hai que empezar a incrementar a vixilancia.

20230524_Primeiro macho de Cydalima recollido