É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28/07/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: M1 (Inicio do pintado) [BBCH: 81-85]

Xa é practicamente unha constante en todos os predios e variedades o estado fenolóxico do pintado, momento a partir do cal se reduce sensiblemente a incidencia daqueles patóxenos dos que vimos falando ata o de agora e se incrementa a probabilidade de infección por parte doutros organismos que poden danar a uva causando a súa podre, así como a posibilidade de danos por certos animais.

Por outra banda, sabemos que aínda é cedo pero esta semana recollemos, en certos predios, uvas albariñas seleccionándoas entre as máis brillantes (non sempre foi posible) para comprobar o grao alcohólico que presentaban, e os resultados, que deben de ser tomados simplemente a modo de referencia, foron: 5.14º, 6.60º, 7.69º, 9º.

20230726_En viñas solleiras algúns acios de albariño xa amosan boa cor

Mildio

Na maior parte das xornadas transcorridas desde a publicación do boletín anterior as temperaturas mínimas foron, en xeral, máis baixas cas precedentes, e por iso foron menos os días nos que se cumpriron as condicións para a frutificación do mildio. Con todo, tamén houbo condicións favorables (e choivas lixeiras un ou dous días segundo a zona) que deron lugar a unha boa densidade de esporanxios do patóxeno no ambiente. Así, no captador que temos en plantas testemuña da nosa viña de Areeiro recollemos 3292 (dos cales case 1500 foron o día 24), e 1271 (o día 24, 528) nunha das viñas da nosa rede de seguimento do Salnés, onde xa deixamos de facer aplicacións fai un mes.

Concentración diaria de esporanxios
Concentración diaria de esporanxios

Ao estar o pintado máis estendido, estes órganos de propagación do patóxeno non afectan aos acios, pero nas viñas que levan tempo sen intervencións si notamos, na revisión desta semana, un aumento dos síntomas nas follas e tamén defoliación nas plantas testemuña.

20230726_Aumento de manchas en folla 20230726_Defoliacion en planta testemuña

As choivas que xa se iniciaron en Pontevedra hoxe venres 28 (que tamén anuncian algunhas axencias para mañá sábado), así como a posibilidade dalgunha precipitación (moi lixeira inicialmente) para dous días da metade da semana próxima, unidas a unhas temperaturas mínimas elevadas, provocarán a aparición de novas manchas e pola súa contía lavarán, segundo as previsións, os posibles tratamentos de cobre que se deran. Por este motivo, despois das choivas desta fin de semana será conveniente renovar os tratamentos de cobre polo menos naquelas viñas onde non se teñan dado e/ou onde tivera habido danos ao longo da campaña.

Oídio

As uvas xa están libres de risco de infección por este patóxeno ao estar xa na fase de pintado. Amais, se as choivas que xa se iniciaron acadan intensidade, reducirase o risco de aumento de síntomas en follas, pampos e acios rebuscos. Por este motivo unicamente recomendamos a adición dun antioídio ao tratamento cúprico anterior naqueles predios onde, polas variedades que posúen, hai enfermidade.

20230719_Oidio acios variedade tinta sensible Acio rebusco con oidio

Botrite e outras podres

O incremento da humidade e as temperaturas suaves que se van manter (altas para as mínimas algúns días) son condicións ambientais que favorecen ás podres. A nivel das uvas, o incremento dos azucres inherente a esta fase do ciclo da viña tamén as favorecen, en especial en variedades de pel fina (os tratamentos de cobre endurécena), acios compactos e onde hai acios secos por mildio (a botrite é un fungo oportunista) ou danos nos grans. Hai produtos rexistrados para previr a botrite con moi diferente orixe (tamén natural) e prazos de seguridade. Neses casos, e se non se aplicou aínda ningún antibotrítico, deben facelo inmediatamente despois das choivas desta fin de semana, en especial si chove de xeito abundante, para evitar ou reducir as posibilidades de instalación do fungo. No resto de situacións, os cobres poden ser suficientes, polo menos de momento.

20230727_As podres aumentan nesta época 20230727_En certas variedades moitos danos por paxaros 20230726_Acios secos por mildio tamén favorecen instalación botrite

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Nesta semana foron totalmente anecdóticas as capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas que temos instaladas (incluso no predio onde tiveramos moitas capturas a semana anterior) e tamén o foi a presenza de síntomas nas uvas. Con todo, lembren que as feridas que causan as eirugas facilitan a instalación de botrite e por iso aínda é preciso manter a vixilancia.

A polpa dos grans con couza degradase e escurece Penetracións de eirugas Lobesia favorece botrite

Cicadelidos

Nas trampas que temos instaladas nas nosas viñas de seguimento habitual de todas as comarcas o número de adultos de mosquito verde é baixo, e mesmo en trampas que foron renovadas hai dúas semanas non se recolleu apenas ningún.

Apenas algún mosquito verde disperso

Canto ao cicadelido vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, que de momento só o atopamos nas comarcas de O Condado e O Rosal, os tratamentos que se están a dar contribúen a reducir as capturas nas trampas pero aínda as hai, e limitar ao máximo o número de individuos deste insecto é un dos poucos medios que hai para frear o avance da enfermidade de corentena, ao que debemos contribuír todos. Amais, a corta e eliminación de plantas de viña abandonadas é outra medida de gran relevancia; de feito, a semana pasada colocamos sendas trampas en viñas abandonadas e capturamos varios individuos. Insistimos na importancia dos tratamentos insecticidas (o voo do insecto pode prolongarse aínda ata ben entrado setembro) e na retirada de cepas abandonadas.

Adulto de Scaphoideus titanus en trampa amarela S. titnus pode confundirse con outros e na imaxe so 1 dos 5 insectos resaltados o é

FROITEIRAS DE ÓSO

Mal do chumbo

Nestes días xa se pode ver nalgunhas árbores a coloración prateada nas follas característica desta enfermidade vascular, que afecta a moitas especies na nosa zona, debido á climatoloxía húmida e aos cortes de poda, que son portas de entrada do fungo. Ademais da cor prateada das follas, estas chegan a secar, e tamén os gromos das ramas afectadas son máis pequenos, e secan co paso do tempo, facéndoo despois a totalidade da rama e, finalmente, da árbore. Por outra banda, as veces pódense ver os corpos frutíferos do fungo sobre a madeira.

As ramas afectadas (no caso dun ataque localizado) ou as árbores danadas deben ser eliminadas no período estival (e mellor en tempo seco) para reducir o nivel de inóculo presente na parcela. Ademais, INMEDIATAMENTE DESPOIS DE CADA CORTE (non despois de ter podada a planta enteira) hai que aplicar unha pasta funxicida e, ANTES DE PODAR A SEGUINTE RAMA, hai que desinfectar moi ben as tesoiras. Finalmente, TODOS OS RESTOS PODADOS deben ser retirados da finca. Estas mesmas recomendacións son aplicables ás MACEIRAS e PEREIRAS que presenten CANCRO.

Cor prateada en gromo de arbore con mal do chumbo Árbol de mirabel afectado por el mal del plomo Carpóforo de Stereum

VARIAS FROITEIRAS

Fungos de podremia

Baixo moitas árbores de variedades en maduración hai froita caída ao solo, ou aínda na árbore, con podres debido a feridas diversas (por rachos, por alimentación das avespas...). Esta froita podre debe ser eliminada para evitar máis contaminacións e para impedir que estes froitos podan servir de zona de posta para as moscas da froita.

Ameixas podres nas árbores deben ser eliminadas A froita caída ao solo debe ser retirada