É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 09/06/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (I) J [(floración)-callado] [BBCH: 66 a 73]

Do mesmo xeito ca semana anterior, as condicións meteorolóxicas favoreceron o engrosamento da uva, e nas viñas máis adiantadas xa hai acios en tamaño chícharo. En xeral domina a fenoloxía o estado de grans tamaño perdigón, e nos predios máis atrasados hai aínda restos de floración e froito formado de recente.

20230531_Acio grans perdigón 20230607_Acios chegando a tamaño chícharo

Mildio

Se no boletín (información) fitosanitaria anterior falabamos de que houbera nos días anteriores condicións moi favorables ao mildio, esta semana non podemos deixar de dicir o mesmo, e incluso algúns días deuse a combinación de rexistros climatolóxicos idónea para o patóxeno: sensación de fogaxe ou bochorno, con tormentas, humidade relativa elevadísima e temperaturas moi altas. Tamén pola noite, cando ten lugar a esporulación do mildio, están a darse desde hai días rexistros anormalmente altos, e así, nas noites dos días 6 e 7, en moitas estacións da provincia as mínimas non baixaron dos 18 ºC.

Con esta situación tan favorable, o número de esporanxios recollidos diariamente no captador das plantas testemuña de Areeiro (o equipo de O Salnés volveu fallar) seguiu a ser moi elevado, se ben diminuíu fronte ao valor máximo de máis de 5000 esporanxios/m3 recollidos (o 29 de maio), e moi especialmente desde o día 2 de xuño, despois de dar un tratamento o día anterior no resto de plantas, que fixo reducirse a concentración de esporanxios no conxunto do predio.

Concentración diaria de esporanxios

Na revisión desta semana tanto ás viñas da nosa rede habitual coma a outras que visitamos, a situación observada foi mellor, en xeral, á referida a semana anterior e, ou ben os tratamentos limitaran completamente a aparición de novos síntomas ou ben estes só aparecían nalgunhas follas máis tenras dos gromos en crecemento.

20230607_Aparecen manchas novas en vexetación non protexida 20230607_Acios máis desenvolvidos bo freo infeccións

Tamén se reduciu, fronte á semana anterior, o número de chamadas e consultas que recibimos en relación con ataques mal controlados; de feito, nós soamente os observamos naquelas viñas máis atrasadas, aínda en floración ou coa floración iniciándose cando empezou o episodio de choivas entre os días 23 e 26 de maio segundo as zonas.

20230607_Forte ataque mildio en plantas en floración

No momento da redacción do presente boletín (tarde do 8 de xuño) as axencias meteorolóxicas consultadas prevén tempo inestable ata domingo, en que mellorará, e despois un novo empeoramento que afectará a luns e martes segundo algunhas previsións ou só a luns segundo outras. Amais, as temperaturas mínimas, se ben altas ao inicio deste período, tenderán a baixar a valores máis normais para a época do ano. Con estas previsións, aínda hai que manter un elevado nivel de vixilancia sobre as viñas, considerar que o período de cobertura dos funxicidas utilizados se reduce no tempo con choivas intensas coma as rexistradas algúns destes días, e renovar a protección naqueles casos nos que aparezan síntomas novos e/ou estea próximo a concluír o tempo de actuación do produto. Tamén é imprescindible manter controlado o desenvolvemento da vexetación da propia viña e das plantas acompañantes.

Con esta climatoloxía húmida o control da vexetación acompañante e obrigatorio

Oídio

Malia terse producido néboas locais algúns días, as precipitacións de carácter puntualmente forte destes días non lle resultan favorables ao fungo. Así, o risco de aparición de novos síntomas non é tan elevado como podería esperarse segundo a fenoloxía da planta. En calquera caso, se a partir da próxima semana cesan as precipitacións que poidan lavar as esporas do patóxeno, haberá que incrementar a vixilancia pois a humidade relativa do aire seguirá a ser elevada.

20230518_Primeiros síntomas oídio folla albariño

Black rot

Nas nosas parcelas de seguimento e nas demais que visitamos non atopamos novos síntomas a pesar de que a climatoloxía continúa favorable. En calquera caso, a climatoloxía húmida e as temperaturas elevadas son condicións favorables e por iso é preciso manter a vixilancia e, de renovar a protección fronte a mildio e/ou oídio, elixir produtos tamén autorizados para o control deste fungo.

Folla planta abandonada síntomas black rot

Botrite

Tampouco nesta semana observamos síntomas da enfermidade nin sequera naquelas plantas con restos secos polos ventos fortes de hai unhas semanas ou nos acios máis afectados de mildio, tamén necrosados. De reducirse as precipitacións a partir da próxima semana, aínda manténdose a humidade relativa alta será menos probable a aparición de síntomas, sobre todo si se realizan as labores agronómicas aconselladas de control do desenvolvemento das vides a da vexetación adventicia.

Capuchóns florais non desprendidos

Avelaíña da uva

Nesta semana non vimos novos glomérulos das eirugas da primeira xeración, e tamén as capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas da nosa rede de seguimento foron nulas ou só testemuñais.

20230601_Glomerulo Lobesia