É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 07/07/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: (K) - L (Grans tamaño chícharo)-Peche do acio [BBCH: (75)-77-79]

Mildio

Tras unha fin de semana con temperaturas diúrnas moi altas e noites case tropicais nalgunhas comarcas, as temperaturas baixaron lixeiramente pero as nocturnas seguiron (e seguen) a ser compatibles coa esporulación do patóxeno. Canto á humidade, o outro factor necesario para que se dea o proceso, mantense bastante elevada, e sobre todo xa hai noites con orballo que mantén mollada a vexetación mesmo nas horas iniciais do día, o que tamén é moi propicio ás infeccións.

20230705_Orballos manteñen humidade foliar primeiras horas día
Concentración diaria de esporanxios

Con todo, na revisión desta semana ás viñas da nosa rede, tanto ás que se tratan segundo as nosas pautas coma a aquelas outras que son tratadas polos propietarios, a situación observada foi idéntica á da semana anterior a nivel dos acios: nas que estes estaban completamente sas, permanecen así (mesmo aínda que hai unha na que non tratamos desde hai 3 semanas), e nas afectadas de larvado tampouco se observou avance na sintomatoloxía. A nivel da folla só hai que mencionar algunha mancha nova moi illada nos gromos nalgunha viña.

20230705_Algunhas viñas acios totalmente sas 20230705_Nalgunhas viñas hai mildio larvado Diferente incidencia de mildio e acios sas na mesma planta

Sen embargo, esta semana volveron incrementarse de xeito significativo as consultas sobre a aparición "dun día para outro" de mildio larvado nos acios, e de feito nalgún dos predios nos que nos detemos ao azar nos nosos percorridos puidemos comprobar que había maior número deles con síntomas, pero tamén outros que permanecían sas.

20230705_Diferente grao de secado de uvas con larvado

Os diferentes modelos e axencias meteorolóxicas consultadas anuncian para hoxe venres e/ou mañá sábado certa precipitación, que en conxunto poderá superar os 10 l/m2 nalgunhas zonas (lavaría parte dos funxicidas aplicados previamente). Amais, as temperaturas mínimas do propio sábado serán altas ou moi altas (da orde de 16 a 18ºC segundo as previsións). De darse esta climatoloxía, e aínda que nalgunhas variedades máis temperás xa hai os primeiros acios aproximándose ao pintado, momento no que perden a súa sensibilidade ao patóxeno, haberá que facer un seguimento moi intensivo das viñas pero posiblemente será necesario tratar pola aparición de síntomas novos, en especial nas que teñan un alto nivel de inóculo.

20230705_Acios dispersos de variedades temperas empezan a brillar

Oídio

A viña aínda se atopa nun período sensible aos ataques deste fungo, que pode desenvolverse nun amplo rango de temperaturas e humidades relativas. Con todo, nos unicamente o atopamos esta semana nun acio rebusco (os demais estaban sas) e nunha viña dunha variedade sensible. Manter a vixilancia e, se renovan o tratamento fronte ao midio, fágano tamén fronte a este fungo. O mesmo debe facerse se aparecen novos síntomas, máis en variedades sensibles.

20230705_Acio rebusco con oidio 20230705_Oidio en variedade tinta

Black rot

Tampouco nesta semana observamos novos síntomas, pero de momento hai que manter a vixilancia e, se a enfermidade está presente e teñen que renovar un tratamento fronte a mildio e/ou oídio, usen materias activas tamén rexistradas para o control deste fungo.

20230621_Sintomas black rot albariño 20230621_Grans de acio hibrido con diferentes síntomas black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Cicadelidos

Están a recollerse xa os primeiros adultos de Scaphoideus titanus, o cicadelido vector da flavescencia dourada, nas trampas tanto na comarca de O Rosal coma na de O Condado. Lembren que a enfermidade que poden transmitir é moi grave e o seu control obrigatorio nos territorios da Unión Europea. Aparte das medidas de tipo lexislativo, a nivel dos viñedos  non ten máis control que a eliminación do insecto. Por iso insistimos unha vez máis na importancia de aplicar nestes momentos un tratamento insecticida cos produtos autorizados.

20230705_Adultos de Scaphoideus titanus na trampa

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Reduciuse nesta semana o número de machos capturados nas trampas instaladas naqueles dos nosos predios onde a cifra subira entre a revisión pasada e a anterior. Tampouco atopamos ningún ovo nas nosas revisións. Manter a vixilancia e o seguimento das trampas.

As postas de couza son difíciles de ver Ovo recente de avelaíña do acio

Outras incidencias

Continúa a detección de plantas con síntomas de enfermidades de madeira; de feito algunhas delas xa están a sucumbir e por iso é mellor arrincalas e destruílas para evitar a contaminación das demais. Tamén se incrementou o número de plantas afectadas de golpes de sol debido a unha esfolla excesiva. Amais, empeza a ser máis notoria a erinose de verán.

20230628_Mais plantas síntomas alteracións madeira 20230628_Apareceron primeiros acios con golpe de sol 20230705_Incrementouse erinose de verán

BUXO

Bolboreta do buxo (Cydalima perspectalis)

Esta semana recollemos o primeiro adulto desta xeración nas trampas (loxicamente a semana anterior xa os había: detectaramos a primeira posta). Amais, tamén nun par de sebes puidemos comprobar que xa había os primeiros danos aparentes das eirugas. Vixíen as súas plantas, e tan pronto atopen síntomas apliquen un tratamento, xa que como saben as defoliacións que causa esta especie poden ser moi rápidas se non se controlan.

20230706_Macho de Cydalima capturado na trampa 20230706_Eirugas novas xa están a producir danos