É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 23/06/2023

A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos nos nosos percorridos e tamén nos datos que nos aportan diferentes persoas (técnicas e viticultoras). Con todo, hai que revisar sempre cada situación particular, pois pode haber diferencias, e só analizando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos

VIÑA

Estado fenolóxico: K (Grans tamaño chícharo) [BBCH: 75]

Mildio

Se no anterior boletín fitosanitario referiamos que as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indicaban bo tempo salvo unha precipitación, en principio lixeira, entre sábado e martes, finalmente a precipitación foi localmente forte e intensa (ata case 25 l/m2 en pouco tempo). Amais, tamén houbo unha humidade relativa media moi elevada (por riba do 80%) todos os días, varias horas de humidade foliar e as temperaturas mínimas estiveron sempre por riba dos 13 ºC. Esta situación meteorolóxica provocou que se deran todos os días condicións moi favorables ás infeccións, como ven sendo a tónica xeral das últimas semanas, de xeito que tamén se mantivo alto o número de esporanxios do patóxeno recollidos nos captadores nas viñas de Areeiro (plantas testemuña) e Salnés (tratadas): valores medios de 675 e 167/m3 de aire, respectivamente.

Concentración diaria de esporanxios
Concentración diaria de esporanxios

Condicións reiteradas tan favorables provocan que nas viñas que estaban na floración ou antes dela cando se iniciou este episodio tan propicio, sexa preciso renovar os tratamentos practicamente cada semana (e, segundo nos informaron, aínda con menor periodicidade), e que aínda así non se consigan os resultados esperados e haxa danos cuantiosos.

20230621_Algunhas viñas moitos síntomas en folla 20230620_ Nalgunhas viñas grandes perdas 20230620_Mildio larvado

Pero tamén é certo que esta non é a situación máis habitual, senón que o máis normal é atopar predios con menos dun 10% de acios afectados ou mesmo practicamente sas.

20230620_Acios albariño en perfecto estado nalgunhas viñas 20230621_Acios loureira en perfecto estado

As previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian que este cambio nas condicións climatolóxicas (tempo seco e solleiro) que se ven de iniciar perdurará nos próximos días, cando mesmo teremos temperaturas por riba dos 30ºC e ventos de compoñente norte maioritariamente, o que permitirá saír desta situación de risco tan elevado no referente a esta enfermidade. Con todo, en especial nas viñas que veñen arrastrando infeccións mal controladas, é imprescindible manterse moi alerta, revisar o estado das cepas e renovar os tratamentos en caso de que sigan a aparecer síntomas (en principio isto será preciso en poucos casos). Tamén é fundamental, coma sempre dicimos, favorecer a ventilación, pois mantendo un viñedo aireado é posible, incluso, evitar intervencións fitosanitarias.

20230621_Manchas novas en gromos inaccesibles aos tratamentos

Oídio

Na revisión desta semana atopamos unha maior presenza de acios con oídio en todas as comarcas. Mesmo visitamos unha viña dunha variedade tinta cunha forte infección non controlada e danos evidentes.

2023062_Oidio en albariño 20230621_Sintomas oidio en variedade tinta Follas abarquilladas por oidio variedade tinta

A viña entra agora nun período de máxima sensibilidade ao oídio. Amais, o incremento de temperaturas, a ausencia de choivas e as néboas locais que soen rexistrarse nestas datas, máis os orballos matinais, son condicións que favorecen as infeccións. Por este motivo é preciso extremar a vixilancia, especialmente naquelas variedades máis sensibles e/ou onde xa se detectaran síntomas, e tamén realizar calquera labor cultural que facilite a ventilación da viña e favoreza a exposición dos acios á radiación ultravioleta.

Black rot

Na revisión desta semana atopamos novos síntomas do patóxeno tanto nas viñas onde xa se detectara coma noutras de varias comarcas. Con todo, dado que o fungo se ve favorecido polas choivas e a humidade elevada, e que en principio está previsto o tempo seco, non se espera un avance significativo, pero hai que manter a vixilancia e, novamente, non descoidar as rozas da vexetación do solo, os despuntes e podas en verde e as esfollas para procurar unha viña sen retencións de humidade.

20230621_Sintomas black rot albariño 20230621_Grans de acio hibrido con diferentes sintomas black rot 20230615_Acios planta abandonada con black rot

Cicadelidos

Nesta semana incrementáronse nalgunhas viñas as capturas destes chupadores nas trampas. Porén, os recontos de ninfas nas follas continuaron en niveis baixos.

Certo incremento cicadelidos nalgunhas trampas Adulto de cicadelido, ninfa e resto en enves folla

Canto ao cicadelido vector da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, tampouco nesta semana atopamos ninfas (nin adultos). Non obstante, non é sinxelo visualizalas e é posible que xa haxa algunha. Amais, o incremento nas temperaturas que se está a producir acelerará ben seguro o ciclo do insecto, e por iso é recomendable, nas zonas do sur da provincia, aplicar un insecticida rexistrado para o seu control.  

Avelaíñas da uva (Lobesia botrana, Eupoecilia ambiguella)

Esta semana, se ben non atopamos síntomas nos acios, nunha das nosas trampas recollemos un número elevado de machos, indicio de que se iniciou a segunda xeración, pero de momento non é preciso tratar.

20210621_Alto numero capturas Lobesia

Outras incidencias

Empeza a incrementarse o número de plantas que manifestan a sintomatoloxía propia das enfermidades de madeira e é de esperar que, co incremento das temperaturas, aínda aumente máis.

PATACA e OUTRAS HORTÍCOLAS

Mildio

Tras estas semanas con condicións de humidade tan elevada, o sol destes días provocará unha evaporación da auga do solo e xerará condicións moi favorables ao mildio. Por iso, naquelas plantacións que non estean protexidas é aconsellable aplicar un tratamento, sempre respectando o prazo de seguridade dos produtos nas plantas temperás próximas á colleita.

Gromo terminal de pataca con mildio Esporulación mildio pataca Detalle del síntoma del mildiu de la cebolla