Es necesario configurar el portlet antes de poder utilizarlo

INFORMACIÓN FITOSANITARIA 10 XUN 2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual. Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: J (71-73)

A insolación e a boa temperatura xeral destes días pese aos ventos do norte que arrefriaban as noites e as mañás, unidas ás labores de redución da vexetación que se fixeron nalgunhas viñas, provocaron un avance notorio no crecemento dos grans desde a anterior revisión e, aínda que a maioría de predios ten a uva en tamaño perdigón, as máis quentes amosan xa algúns acios cos grans en tamaño chícharo, ou mesmo rozándose, como se pode apreciar nas imaxes seguintes.

20200609_Notorio avance fenoloxía xeral20200609_Acio case pechado en O Condado

 

Mildio

A situación global observada nesta semana tanto nas viñas de seguimento da nosa rede (todas no límite do período de protección do anterior tratamento, ou xa superándoo lixeiramente) coma daquelas outras que imos revisando nos traxectos, foi de situación contida no que a avance da enfermidade se refire. O tempo seco e con ventos do norte destes días non é favorable ao fungo, pero tamén é  certo que en case todas as estacións meteorolóxicas revisadas houbo algún día con condicións favorables á frutificación e que o nivel de inóculo que hai este ano é elevado polas condicións da primavera, nas que se suceden repetidamente períodos de choivas e temperaturas altas.

Con todo, nas plantas abandonadas e nas testemuñas o mildio seguiu a aparecer nas follas tenras cubrindo practicamente toda a superficie, e tamén estas plantas seguiron perdendo follas a consecuencia do fungo. Das tratadas, só nunha atopamos unha mancha recente nun gromo, onde tamén había esporulación nun gabián.

20200609_Abundantes manchas novas folla tenra abandonada2020609_Aspecto planta testemuña perda moita follaMancha nova en folla e frutificacion en gabian

 

Nestas viñas tratadas, a maioría de síntomas nas follas estaban aparentemente ben controlados, en especial en predios ben ventilados, pero nalgúns máis abrigados había tamén certa zona de avance con esporulación activa.

20200609_Mancha mildio aparerntemente curada20200609_Lixeira frutificacion avance manchaFrutificación mildio 10x

Canto aos acios, en varias viñas deuse a circunstancia de que observamos nalgunhas plantas rodeadas doutras completamente sas, algún cunha pequena parte amosando frutificación activa, en especial en predios cunha elevada densidade de vexetación.

200609_Varias viñas con puntos de frutificación nalgúns acios20200609_Varias viñas con puntos de frutificacion nalguns acios 220200609_Avance mildio en parte de acio20200609_Mildio activo final acio

Como xa saberán, a partir de mañá xoves ou de venres (segundo a axencia meteorolóxica) anúnciase un novo cambio na climatoloxía: os ventos serán húmidos do O-SO e volverán unha vez máis as choivas, que serán en forma de chuvascos (salvo o venres, máis continuadas) e que virán acompañadas dun ascenso entre lixeiro e moderado das temperaturas nocturnas, condicións que favorecerán novamente a frutificación do fungo. A día de hoxe prevese que se manteña esta situación ata mércores ou xoves da seguinte semana, polo que é recomendable tratar o antes posible as viñas que xa teñan finalizada a protección anterior (ou que estean a punto de concluíla) e que presenten síntomas activos. Nas outras, como moitas das nosas, as revisións deberán seguir sendo continuas, para poder actuar a tempo, se fose necesario, nos períodos de claros que, segundo as previsións, haberá na climatoloxía dos próximos días. Ademais, non esquezan que o mantemento dun ambiente aireado na viña favorece a penetración dos produtos fitosanitarios e reduce en si mesmo o risco de avance deste e doutros patóxenos.

Oídio

Ademais de nas follas dalgunha planta testemuña das nosas parcelas de seguimento, unicamente observamos oídio nos acios da planta onde a semana anterior anunciabamos a detección do primeiro acio de albariño afectado, que nesta semana se estendeu por máis da mesma planta. Con todo, a parcela en cuestión será unha das que de momento vai seguir sendo controlada para ver como evolucionan as enfermidades en función da climatoloxía, aínda sabendo que estamos nun período de moita sensibilidade das plantas a este fungo. A estas alturas da campaña o normal é xa engadir un antioído a todos os tratamentos antimildio (o que carece de sentido noutros moitos momentos); polo menos mentres esteamos neste momento de risco, o recomendable e continuar facéndoo.

20200609_Oidio en grans albariñoAmpliacion detalle oidio en uva albariña

 

Black-rot

Estamos nun período da fenoloxía da vide no que os acios son moi sensibles a este patóxeno. Con todo, co tempo seco destes últimos días non houbo avance na enfermidade nas plantas que nós observamos. Non obstante, as condicións climatolóxicas previstas serán favorables, e por iso recomendamos que no caso de facer tratamentos antimildio e antioídio elixan materias activas con acción fronte a este outro patóxeno, polo menos nas viñas onde haxa algún síntoma.

 20200602_Follas black rot planta abandonada

Botrite

 

Non houbo condicións meteorolóxicas que favoreceran a este fungo, pero para os próximos días haberá máis humidade. Aínda así, polo período do ano no que estamos non esperamos danos debido a que, polo menos os acios secos por mildio procedentes das primeiras contaminacións, onde se podería instalar o fungo, xa se están desprendendo e tampouco hai apenas restos florais adheridos. 

Acios secos mildio floración desprenderanse co tempo

 

Avelaíñas do acio

O número de capturas de machos da primeira xeración de Lobesia botrana reduciuse esta semana a un máximo de dous nas trampas que temos instaladas, e o número de niños ou glomérulos das eirugas que atopamos nos controis aos acios non é máis que esporádico.

 Resultado de abrir un niño ou glomerulo Lobesia

 

Outras pragas de artrópodos

As trampas amarelas para a captura de cicadelidos permanecen en xeral bastante baleiras nestes momentos da campaña, e tampouco atopamos apenas ninfas nos recontos que realizamos ás follas. Polo demais, segue a haber algo de erinose nalgunhas viñas e, nunha do Rosal, síntomas esporádicos de Janetiella oenophila, sen importancia.

20200609_Trampas cicadelidos bastante limpas neste momentoPuntualmente síntomas Janetiella oenophila O Rosal

 

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Atopamos algunhas postas máis na revisión desta semana aos buxos, e tamén, se ben de xeito puntual, as primeiras eirugas neonatas alimentándose. Incrementar a vixilancia.

 Eiruga L1 Cydalima xunto posta eclosionadaDetalle alimentación L1 Cydalima