É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 07/05/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: H (57 da codificación BBCH)

Mildio

Nos días transcorridos desde o aviso anterior a climatoloxía foi a que nos ven acompañando desde hai semanas: temperaturas mínimas relativamente elevadas, na contorna dos 12-15 ºC practicamente todos os días, humidades relativas medias próximas ao 100%, moitas horas de humidade foliar e choivas alternando con períodos de claros con evidente ascenso térmico. Como dixemos a semana anterior, estas condicións favorecen ao fungo e por iso recomendaramos que se renovaran os tratamentos. Pois ben, a situación maioritaria que observamos na revisión que fixemos o pasado martes ás viñas (ás da nosa rede e a outras atopadas nos percorridos) comprobamos que despois das aplicacións realizadas non había manchas novas, que as detectadas anteriormente estaban necrosadas (secas) e sen frutificación e/ou zonas de avance e tamén que nos casos onde había algún acio algo afectado, os síntomas non avanzaran.

Aínda así, noutras viñas (as menos) observamos follas, xeralmente situadas na base dos pampos, con manchas de aceite novas e mesmo algún acio con frutificación viable. Dáse a circunstancia de que nalgúns casos esta situación afectaba só a unha parte do predio onde aparentemente non se daban condicións máis favorables á enfermidade, do que deducimos que probablemente se debera a unha inadecuada aplicación do funxicida probablemente pola aparición de vento mentres se facía ou por choivas caídas antes de que penetraran os produtos nas plantas.

Segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, nos próximos días continuará a inestabilidade atmosférica, pero en principio con certa baixada nas temperaturas mínimas ao inicio da semana e choivas de tipo chuvasco, en xeral de menor contía que en xornadas anteriores. Con estas previsións, aínda que o risco poida ser menor que nos días pasados, segue a ser alto mentres non cambie a tendencia. Por estes motivos, a vixilancia ás viñas debe ser máxima, co fin de renovar os tratamentos se hai síntomas novos ou, moi importante, frutificación ou zonas de avance nos antigos.

Oídio

Seguimos sen observar evidencias desta patoloxía en ningunha das viñas que visitamos. Sabemos que algunhas delas non recibiron tratamento algún, e non coñecemos as aplicacións que poden levar o resto das que atopamos nos nosos percorridos pero a intensidade coa que están caendo algunhas choivas non favorecen ao fungo. Aínda así, hai que manter a vixilancia.

Black-rot

Sen dúbida foi esta enfermidade a que máis avanzou, en canto á presenza de síntomas, nas viñas que visitamos esta semana, e do mesmo nos informaron outros técnicos e viticultores, non só de diferentes zonas de Pontevedra senón tamén de Lugo e Ourense. Nas que visitamos nós, o número de follas afectadas por planta foi superior ao observado ata agora practicamente en calquera campaña anterior, e mesmo nalgunha viña había síntomas no 30% delas. Os síntomas nas follas, lembren, son manchas de cor parda-avermellada de forma circular ou lixeiramente poligonal bordeadas cunha liña marrón marxinal. As manchas obsérvanse sobre as dúas caras da folla e uns días despois de aparecer presentan uns puntiños negros que soen formar círculos e que corresponden á frutificación do fungo.

Nun inicio de campaña coma este, onde as temperaturas son suaves e as choivas continuadas, podíase esperar que máis tarde ou máis cedo houbera síntomas abundantes, e dado que parece que van continuar as precipitacións convirá estar moi alertas, porque os síntomas nas follas non soen revestir gravidade pero son a fonte de contaminación das inflorescencias e futuros froitos. Por este motivo, convén aplicar un tratamento se observan nas súas viñas unha elevada densidade de manchas. Debido a que os produtos autorizados para o control desta enfermidade están entre algúns antimildio e outros antioídio, con esta potencial aplicación actuarían igualmente fronte a estas outras patoloxías.

Botrite

Nas viñas que visitamos non observamos síntomas, pero os ventos moderados ou fortes que se rexistraron algúns días pasados romperon varios pampos, e mesmo en viñas novas afectaron tamén a parte da madeira. Sabemos que entre as condicións preferidas polo fungo para as contaminacións está precisamente a presenza de feridas ou lesións ademais da temperatura e da precipitación, polo que é preciso incrementar a vixilancia.

Pragas de artrópodos

Nesta semana observamos un novo incremento de erinose nalgunhas viñas.

Caracois, babosas

Volvemos referirnos a estes animais cuxa presenza, non só na viña senón tamén nas plantas de horta, é xeral neste inicio de campaña. Porén, no caso das vides adultas xa non hai que esperar danos polo bo desenvolvemento da vexetación a estas alturas, pero en plantas novas, máis próximas ao solo e polo tanto máis accesibles, hai que vixiar a evolución dos posibles síntomas.

MACEIRA

Moteado

Nesta semana notamos un maior número de follas afectadas nas maceiras onde detectaramos a enfermidade, así como novas manchas noutras plantas. Lembren que as choivas reducen o período de protección dos tratamentos, e desde a emisión da anterior información fitosanitaria caeron durante varios días, sobre todo entre o 30 de abril e o 1 deste mes segundo a zona, polo que nas variedades máis sensibles deberían renovar a protección se non o fixeron xa nestes últimos días.

Couza da mazá

Estamos a ter as primeiras capturas nas trampas que temos instaladas, nun momento no que aínda non todas as variedades completaron a floración (outras si xa teñen froita en desenvolvemento). En calquera caso, sabemos que esta praga pode afectar de xeito diferente mesmo a predios próximos, polo que a instalación de trampas é un bo método para coñecer a situación concreta e optimizar os tratamentos cando se superen os limiares establecidos.

VARIOS CULTIVOS

Fronte a boa parte das pragas de artrópodos, D. suzukii prefire condicións ambientais húmidas. Debido a que pode danar as froitas das plantas de pequenos froitos, amorodo, froiteiras de óso, kiwi, ou figueira, entre outras especies, para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas que cando se estean a formar, é conveniente ter instaladas trampas de captura. Estas trampas poden adquirirse ou ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se practicarán orificios de ao redor de 5 mm nos laterais e onde se verterá vinagre de mazá. Son non selectivas, polo que capturarán máis insectos.

BUXO

Cydalima perspectalis

Nunha sebe atopamos esta semana varios síntomas novos con eirugas ben desenvolvidas que probablemente saíron máis tarde da hibernación, o que obriga a non descoidar a vixilancia. Pola súa banda, nas trampas que temos instaladas non recollemos aínda ningún adulto, pero si nos naceron varios na poboación que mantemos no laboratorio.