Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 22/04/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: G (55-57 da codificación BBCH)

Mildiu

No aviso fitosanitario anterior faciamos referencia a que, segundo as diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, habería elevada probabilidade de choivas durante o período e que as temperaturas serían suaves as máximas e frescas (próximas a 10 ºC) as mínimas. Pois ben, analizando os datos rexistrados en diferentes estacións de MeteoGalicia desde o aviso anterior (día 16), pódese comprobar que, sobre todo nas comarcas vitivinícolas do Salnés e de Ribeiras do Morrazo, pero tamén no resto, houbo temperaturas mínimas de sobre 12-13 ºC as noites do 17, 18 (nalgunhas zonas), o 20, e tamén a noite de hoxe. Estas temperaturas nocturnas coincidiron con humidade foliar durante 6-8 horas nas tres primeiras xornadas mencionadas (e mesmo nas primeiras horas de hoxe houbo certa precipitación nalgunhas zonas). Ademais, durante as horas do día chegaron a acadarse os 18-20 ºC á vez que había ceos alternando nubes e claros e/ou algunhas gotas localmente, é dicir, unha climatoloxía de tipo tormentoso que favorece as contaminacións do mildiu.

As mencionadas condicións, e en realidade a climatoloxía inestable que vimos sufrindo practicamente todo o mes e que da lugar a contaminacións case continuas, tiveron o seu reflexo nas viñas segundo comprobamos na revisión de onte día 21: apareceron as primeiras manchas nas parcelas que aínda non tiñan manifestado a enfermidade, e tamén naquelas onde xa se aplicara o primeiro tratamento. Esta situación levounos a deternos en viñas que topamos no camiño, de diferentes variedades, e comprobamos que a situación era a mesma.

En ningún caso topamos síntomas en acio e as manchas eran moi recentes, con frutificación apenas iniciándose, salvo nas zonas de avance a partir de manchas antigas. Ademais, outros técnicos e viticultores da práctica totalidade de comarcas nos informaron de idéntica circunstancia.

Por iso, porque ao longo da semana houbo precipitacións de ata 40-50 l/m 2 que reduciron a protección dos produtos, e tamén porque as previsións meteorolóxicas seguen a anunciar tempo inestable a partir da fin de semana, recoméndase aplicar un novo tratamento antes de que se produzan novas choivas salvo que xa se aplicara nestes días e que na revisión das viñas se poida comprobar que non aparecen novos síntomas nin zonas de avance nos antigos.

Nas xornadas seguintes á aplicación lembren a conveniencia de revisar as viñas, en especial se a fixeron con algo de vento, con humidade nas follas, ou se choveu ao pouco de finalizala. En todos os casos, extremen a vixilancia

Oídio

As condicións climatolóxicas destes días son relativamente favorables a este patóxeno, pero segundo a tendencia dos últimos anos en xeral é cedo para que aparezan os primeiros síntomas. Aínda así, aconséllase incrementar a vixilancia.

Black-rot

Na revisión anterior lembren que observaramos o primeiro síntoma en dúas viñas. Pois ben, esta semana notamos un incremento na presenza de síntomas nas plantas da viña abandonada do Condado e tamén aumentou o número de parcelas con algunha pequena mancha. Manter a vixilancia e, nas viñas con historial desta enfermidade, poden elixir materias activas con efecto tamén fronte a este patóxeno, pero dando prioridade a aquelas que teñan efecto curativo fronte ao mildiu.

Botrite

Malia humidade relativa tan elevada que temos estes días (que se mantén por riba do 80% e mesmo acada o 100% en moitos momentos), as temperaturas bastante cálidas nas horas centrais que tivemos, e as feridas causadas pola sarabia ou pedrazo que caeu localmente, non apareceron apenas síntomas desta enfermidade nas viñas que revisamos. Porén, e aínda que para os dous días seguintes hai previsións de mellor tempo, de cara á fin de semana parece que volven as choivas, polo que haberá que incrementar novamente a vixilancia.

Ácaros

Non observamos variacións significativas respecto ao observado na semana anterior.

OUTROS

Temos que destacar novamente o incremento de caracois e babosas, que están a deixar algunhas follas moi afectadas. Estes son animais de hábitos nocturnos que de día podemos topar nos postes, na zona entre estes e as cepas ou mesmo tamén detidos nas follas. Nas plantas adultas non deberían causar maiores problemas, pero en plantacións novas, se a presenza de danos é alarmante, poden considerar poñer no solo algún produto autorizado en viña a base de fosfato férrico ou metaldehído, as dúas únicas materias activas que para estas pragas aparecen no Rexistro de Productos Fitosanitarios do Ministerio.