Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 08/04/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos. 

VIÑA

Estado fenolóxico: F - G (53-55 da codificación BBCH)

Desde a publicación do aviso fitosanitario anterior (xoves día 2), a nivel da climatoloxía alternáronse os períodos de tempo máis cálido, na contorna dos 20ºC nas horas centrais do día, con horas bastante máis frescas. Así, o crecemento vexetativo da viña apenas evolucionou, e se manteñen as diferencias entre as áreas máis expostas e as máis protexidas.

Mildiu

Como estaba previsto, o domingo día 5 houbo precipitacións por riba dos 10 l/m2 (das estacións meteorolóxicas de MeteoGalicia consultadas, as cifras roldaron entre os 11,8 de Meder e os 47,5 de Soutomaior). Canto ás temperaturas, hai que destacar as nocturnas certamente elevadas da noite do 4 ao 5, arredor dos 17 ºC en moitas estacións. Desde esa data, en xeral aínda que quizais en maior medida nas estacións da comarca do Salnés, os rexistros de temperaturas mínimas situáronse na contorna dos 12-13ºC, e houbo humidade foliar asociada e/ou humidade relativa por riba do 90%. Estas condicións determinaron que non se freara o avance da incubación do fungo despois de cumprirse as condicións para a infección na terceira semana de marzo, e tamén serán a orixe de novas contaminacións potenciais cuxos síntomas irán aparecendo nos próximos días.

Na visita de onte día 7 ás parcelas da nosa rede ás que estamos acudindo observamos a primeira mancha en dúas delas do Salnés. Tamén nos informaron da súa detección no Rosal en viñas que non forman parte do noso seguimento.

De cara ás próximas xornadas, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas indican que vai permanecer a situación de certa inestabilidade atmosférica, e que pode chover practicamente toda a semana, especialmente mañá xoves 9, con máis de 10 l/m2 previstos. Canto ás temperaturas, non hai coincidencia entre as axencias, pero en xeral manteranse temperás. Con estas condicións, seguirá a haber posibilidades de novas contaminacións e por iso recomendamos que, onde haxa desenvolvemento suficiente da vexetación, se aplique un tratamento aproveitando os días/períodos sen precipitacións. No resto de viñas hai que manter as revisións periódicas co obxectivo de detectar o primeiro síntoma (non fácil de ver nalgúns casos) e tratar tan pronto apareza.

Cos produtos sistémicos ou penetrantes, que son os que se soen aplicar nestes momentos, a viña queda protexida se transcorre unha hora entre a aplicación e as precipitacións. Ademais, a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas

 

Lembren que o volume de caldo debe ser baixo e as boquillas axeitadas para reducir a deriva do tratamento, e NUNCA traten con vento, polo que deben terse en conta as posibles previsións de ventos intensos (como anuncian algunhas axencias por exemplo para o sábado día 11)


 

OUTROS

Non atopamos síntomas ou signos doutros parasitos non mencionados no aviso anterior. Destes últimos só avanzou, e moi lixeiramente, a erinose. Pola súa banda, os caracois seguen manténdose nas viñas onde se detectaran así como os danos por vento.

MACEIRA

Moteado

Das nosas parcelas de seguimento que imos revisar, aínda non atopamos os primeiros síntomas, e tamén é certo que as plantas presentan un desenvolvemento bastante heteroxéneo. Con todo, e tendo en conta que parece que vai permanecer o tempo húmido, aínda que as temperaturas non serán moi elevadas, será necesario incrementar a vixilancia, en especial en variedades moi sensibles onde se repitan os ataques en todas as campañas.

FROITEIRAS DE ÓSO

Lepra

Observamos xa follas dalgunha destas froiteiras cos síntomas típicos desta enfermidade, o cal era de esperar polo outono-inverno húmido que tivemos. Xa pasou o momento de tratamento máis oportuno fronte ao fungo causante da enfermidade, pero aínda é posible tentar frear o seu avance con intervencións que deben ser renovadas despois das choivas.

CÍTRICOS

Podremias en limóns

Estamos a recibir consultas acerca da aparición de síntomas nos limoeiros compatibles con Phytophthora hibernalis (ver imaxes). Tanto se confirman que é esta enfermidade coma se os síntomas poden ser doutro patóxeno, lembren que é conveniente manter as árbores o máis ventiladas posible, e que é fundamental retirar e eliminar todos os froitos afectados, tanto aqueles accesibles na propia árbore como os caídos ao terreo.

BUXO

Cydalima perspectalis

Nesta semana non observamos evolución algunha na maioría de sebes de buxo que controlamos, pero si avanzaron os síntomas detectados nunhas plantas de buxo dun xardín abandonado. Por iso, e aínda que as condicións meteorolóxicas non son especialmente favorables ao insecto, insistimos na revisión das plantas, tanto se aínda non trataron coma si xa o teñen feito.