Advanced-Content-List
- Avisos anteriores
- 2018
- 2019
- 2020
- 2021
- AGO 27Viña e Buxo
- AGO 20Viña, Cítricos, Hortícolas e Buxo
- AGO 13Viña, Hortícolas e Buxo
- AGO 07Viña, Maceira, Cítricos, Nogueira, Buxo e Piñeiro
- XUL 30Viña, Maceira, Cítricos, Nogueira, Buxo e Piñeiro
- XUL 23Viña, Maceira, Cítricos, Buxo e Piñeiro
- XUL 16Viña, Maceira, Cítricos e Buxo
- XUL 09Viña, cítricos e Buxo
- XUL 02Viña,cítricos e Buxo
- XUÑ 25Viña, Cítricos, Pataca e Buxo
- XUÑ 18Viña, Cítricos e Buxo
- XUÑ 10Viña e Buxo
- XUÑ 04Viña, Pataca, Buxo
- MAI 29Viña
- MAI 28Viña, Maceira, Cítricos, Diversos cultivos, Diversas frondosas de ribeira
- MAI 21Viña, Maceira, Diversos cultivos
- MAI 14Viña, Maceira, Marmelo, Cítricos, Camelia, Pataca, Buxo
- MAI 07Viña,Maceira, Varios cultivos, Buxo
- ABRI 29Viña, Kiwi, Maceira, Froiteiras de óso, Hortícolas, Buxo
- ABR 23Viña, Kiwi, Maceira, Marmeleiro, Froiteiras de óso, Cítricos, Hortícolas, Buxo, Camelia, Castiñeiro
- ABR 22Viña
- ABR 16Viña, Kiwi, Maceira, Froiteiras de óso, Hortícolas, Buxo, Camelia, Castiñeiro
- ABR 08Viña, Maceira, Froiteiras de óso, Cítricos, Buxo
- ABR 02Viña, Froiteiras de óso, Buxo
- MAR 18Buxo, Viña
- FEB 04Froiteiras e prantas leñosas en xeral, Buxo, Piñeiros e Cedros
INFORMACIÓN FITOSANITARIA 30 XUL 2020
Para elaborar a información e recomendacións que se aportan pártese das revisións realizadas ás nosas parcelas de seguimento e a outros predios que visitamos e tamén dos datos que, ás veces, nos proporcionan outros técnicos e viticultores. Por iso é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR POIS PODE VARIAR, non só polas condicións do entorno senón tamén polas actuacións ou prácticas que se realizan en cada caso.
VIÑA

A progresión da maduración das uvas debido á calor deste mes apunta a que pode adiantarse a vendima de seguir así as condicións do tempo, o cal en principio parece que vai suceder. En todo caso, se non chove, nas plantas con déficit hídrico pode haber algúns problemas para que este proceso sexa axeitado.
Mildio
Vai rematar un mes no que non houbo precipitación algunha (de feito, non chove desde o 27 ou 28 de xuño) caracterizado ademais por humidade relativa baixa en xeral e temperaturas máximas moi elevadas, das que as máis altas están varias horas por riba dos 30ºC, o que prexudica á vitalidade dos esporanxios do fungo. En consecuencia hai unhas condicións moi desfavorables á enfermidade, e así o reflicten a totalidade de parcelas de viña visitadas (as da nosa rede habitual e outras moitas que atopamos nos nosos percorridos). Tanto é así, que nin nas nosas fincas non tratadas desde o 18 de xuño nin nas plantas testemuña nin nas abandonadas aparecen sequera síntomas nos gromos novos.
Os acios xa empezan a estar libres de poder ser afectados debido ao estado fenolóxico actual, pero non así a folla e os pampos, e co estrés destes días as plantas non poden perder máis folla da que xa está a cair pola climatoloxía debido a que pode interferir na boa maduración da uva. Porén, en ausencia de choivas non se espera ningunha nova contaminación, e a iso apuntan as previsións das diferentes axencias consultadas que, a día de hoxe, dan ata 15 días máis de tempo seco e solleiro aínda que con maior presenza de nubes algúns días. Por este motivo, non será preciso renovar os tratamentos.
Oídio
O patóxeno responsable desta enfermidade non precisa tanta humidade como o causante do mildio para desenvolverse e así na revisión desta semana seguimos observando focos de acios afectados nas viñas que veñen arrastrando síntomas. Estes focos son en xeral de pequena superficie, e afectan aos acios onde primeiro se desenvolveu a enfermidade e máis aos próximos, pero nalgún caso son moi evidentes.
As condición climáticas actuais de alta iluminación e baixa humidade relativa non lle son favorables ao fungo, pero aínda así vimos novos síntomas nalgunha folla illada de viñas antes atacadas e tamén alguns acios con oídio viable.
Como vimos de dicir, as diferentes axencias consultadas non prevén choivas para as próximas xornadas pero si un incremento das nubes e da humidade relativa, o que pode favorecer a este fungo. Por este motivo, e aínda que xa non hai tanto risco de perda de acios ao estar no pintado, haberá que manter a vixilancia nos predios onde se detectara a enfermidade na campaña (nos que non a teñan sería moi difícil que aparecera a estas alturas).
Black-rot
Ao estar a campaña tan avanzada xa os acios son inmunes á enfermidade, pero aínda poderían ter lugar contaminacións nas follas nas viñas con presenza do fungo de producirse choivas, o que parece que non sucederá nos próximos días.
Botrite
Como ben é sabido, conforme as uvas se achegan á madurez son máis sensibles a este patóxeno. Pero tamén é certo que é un fungo que precisa humidade e temperatura para desenvolverse, e neste mes non van darse estas condicións conxuntamente, nin parece que nos próximos días. Tamén a presenza de podre está relacionada coa existencia de feridas nas uvas, e neste momento os grans en xeral están bastante sans, mesmo aqueles de variedades máis sensibles, pero hai que seguir con atención a evolución dos acios nas próximas semanas, porque poden producirse danos a partir das perforacións das avelaíñas, de rachos accidentais por rozas, etc.
Avelaíñas do acio
Aínda manténdose en niveis sumamente baixos as capturas de machos nas trampas, na practica totalidade de viñas visitadas hai presenza de algunhas penetracións de Lobesia botrana, pero nunha delas a situación observada esta semana foi diferente, e de feito sabemos que as poboacións do insecto poden ser moi variables entre predios próximos. Na viña que se diferenciou do resto o número de perforacións estaba próximo ao limiar de tratamento cando realizamos unha primeira visual dos acios. No segundo reconto sobre 100 acios ao azar volveuse repetir a mesma situación. Os danos directos desta praga non soen ser graves na nosa zona pero as feridas ou penetracións das eirugas son vías de entrada para o fungo da podre (e por iso os limiares de tratamento gardan relación coa sensibilidade da uva ao patóxeno), polo que é fundamental facer seguimentos específicos en cada predio para decidir sobre a conveniencia ou non de realizar unha intervención (lembren que non deben ser intervencións inxustificadas para protexer á fauna beneficiosa que existe nas viñas).
Cicadelidos
En dúas das nosas viñas de seguimento habitual incrementouse o número de capturas de adultos nas trampas amarelas pero na súa maioría eran da especie Zygina rhamni, que non ten importancia algunha. Canto ás ninfas nas follas, hai poucas en todas as viñas. Todo isto fainos confirmar que os síntomas que serían compatibles cos ataques de cicadelidos son debidos a causas non bióticas como a seca, carencias ou acidez.
Pola súa banda, aínda non recollemos exemplar algún (nin tampouco vimos ninfas) do Scaphoideus titanus, vector da flavescencia dourada, grave patoloxía de corentena que está detectada en Portugal (non en Galicia).
Trips
Nalgunha zona do Salnés vimos novamente síntomas das picaduras destes insectos. Porén, os recontos de individuos nas follas que levamos ao laboratorio para contalos baixo a lupa deron resultados moi baixos, pero aínda así hai que manter a vixilancia.
Ácaros
Nalgunhas viñas onde xa estaba presente o ácaro, aumentou de xeito notorio o número de brotes afectados pola erinose de verán. En canto ás outras especies de ácaros fitófagos, non atopamos ningún exemplar nas mostras recollidas (de feito, non se observan síntomas), senón varios individuos de ácaros fitoseidos útiles, que regulan de xeito natural as poboacións dos fitófagos.
Outras incidencias
MACEIRA
Pulgón laníxero
O parasitismo que amosan as colonias deste insecto continúa incrementándose nas plantas que revisamos, e tamén esta semana recibimos unha mostra cunha elevadísima porcentaxe de individuos parasitados, a maioría con buracos de emerxencia do parasitoide.
Cydia pomonella
Xa é un bo momento para ir instalando as bandas de cartón ondulado arredor dos troncos das árbores para que as eirugas vaian cara elas. Estas bandas deben quedar nas plantas ata o outono e despois hai que retiralas, e a súa finalidade é reducir as poboacións para a próxima campaña.
Outras incidencias
Coa froita en fase de maduración, hai danos (por paxaros, pola avespa asiática...) que están facendo que as mazás empecen a podrecer. Tamén observamos nesta semana un macho de Drosophila suzukii (mosca que pon os ovos en moitas froitas e cuxas larvas se alimentan da polpa) nunha mazá. Lembren que aínda que non haxa humidade alta convén eliminar tanto a froita con podremias na árbore como a do solo, que tamén é xa frecuente.
CÍTRICOS
Psila africana
Polo menos nos cítricos que controlamos diminuíu a presenza de gromos tenros e consecuentemente de Trioza erytreae. Non obstante, nesta semana recibimos numerosas consultas sobre esta praga, cuxas poboacións poden reducirse eliminando os gromos tenros, colocando trampas engomadas amarelas na zona das árbores e, se así non se consigue frear o avance da praga, tratando con aceite de parafina 54,6% ou deltametrin 1,5 e 2,5%. É importante destacar que nas follas ben desenvolvidas (xa grosas) os síntomas permanecen pero xa non hai formas vivas.
Pulgóns
NOGUEIRA
Rhagoletis completa
Desde a primeira semana de xullo estamos a ter algunhas capturas nas trampas que temos colocadas na nosa zona, o cal supón un adianto de dúas semanas en relación aos anos anteriores (desde o 2017). Como xa dixemos noutras ocasións, este insecto é típico da casca verde da noz, que podrece e seca, e que diminúe a calidade das noces así como a cantidade, porque ataques temperás fan caer os froitos que se están a formar. En España xa hai dispoñibles feromonas para detectar a presenza desta especie, o cal xa reduce as poboacións, pero é moi importante retirar os froitos que caian prematuramente no solo para evitar que as larvas se enterren para poder transformarse en novos adultos.
BUXO
Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)
Do mesmo xeito que a semana anterior, xa non atopamos ningunha eiruga nas sebes e plantas illadas que visitamos e de feito están amosando certa brotación, mesmo plantas abandonadas seriamente afectadas pola praga. Non obstante, no noso laboratorio xa nos naceu o primeiro adulto da seguinte xeración, aínda que ben é certo que as poboacións que mantemos alí están en condicións idóneas.