Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 21/05/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: H - I (57-61 da codificación BBCH)

Mildio

Desde o luns estamos a recibir numerosas consultas de particulares e dalgúns técnicos relativas a que, malia aplicación recente dun tratamento fronte ao patóxeno, seguen a aparecer, en especial na vexetación máis tenra, novas manchas, algunhas de tamaño considerable (ocupando practicamente a totalidade da superficie foliar). Tamén nos informan de viticultores e mesmo de algunha adega que están a facer aplicacións cada catro días para tentar frear o fungo, pero sen conseguilo na maioría de casos.

Por este motivo, na revisión desta semana visitamos moitas viñas diferentes, ademais das que estamos a controlar nas especiais circunstancias que vivimos. Na revisión efectivamente comprobamos a información aportada no sentido de que, se en xeral as manchas antigas e os acios aparecen coas necroses ben delimitadas e sen frutificación, mesmo en zonas sen síntomas antigos aparecen manchas novas e con frutificación.

Igualmente nas viñas abandonadas de diferentes variedades volvemos observar un incremento notorio do número e tamaño das manchas, e tamén nas plantas testemuña que temos nalgunhas viñas tratadas empeza a haber perda de follas.

A climatoloxía inestable e variable deste ano, que da orixe a infeccións continuas, e as condicións ambientais inadecuadas que impediron facer algúns tratamentos no momento en que terían que ser aplicados, están sen dúbida na orixe desta problemática porque, coa excepción das noites de onte e de hoxe nalgunhas estacións, en realidade non houbo condicións claras de infección nas xornadas transcorridas desde o anterior aviso.

As diferentes axencias meteorolóxicas consultadas non coinciden na súa totalidade nas previsións para os próximos días, pero a maioría anuncia tempo seco cun considerable ascenso nas temperaturas, tanto diúrnas como nocturnas (que poden chegar, algunha noite, ata 19-20 ºC), e ventos do norte ou nordés. Porén, algunhas apuntan á posibilidade de tormentas locais algúns días e ventos de dirección variable. Nestes momentos de inicio da floración a viña é moi sensible á enfermidade polo que as revisións continuas ao viñedo son imprescindibles para comprobar se os produtos aplicados logran finalmente frear as infeccións en curso. En caso de que sigan aparecendo novas manchas, novos síntomas en pampo ou en acios, ou avance nos síntomas anteriores, deberán renovar os tratamentos, utilizando produtos con acción preventiva, curativa e antiesporulante e procurando facer aplicacións de calidade, nas que se debe respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto e as súas doses. Ademais, lembre non empregar sempre as mesmas (ou similares) materias activas para evitar a aparición de resistencias.

Oídio

Nesta semana observamos os primeiros síntomas en sendas viñas que non recibiran tratamento algún fronte ao patóxeno. Aínda así, a presenza limitábase a unha única folla dunha planta, polo que non imos tratalas de momento malia a evidencia de que o inicio da floración é un dos períodos críticos, nos que as viñas deben estar protexidas, en especial as de variedades máis sensibles.

Black-rot

Nesta última revisión unicamente observamos incremento na presenza de síntomas da enfermidade en viñas abandonadas, especialmente nunha da comarca do Condado, onde xa puidemos ver tamén lesións negras no pecíolo dalgunha folla. Nas tratadas, tanto da nosa rede habitual como aquelas outras que revisamos nos nosos percorridos, non apreciamos ningún cambio significativo. Manter a vixilancia porque, aínda que a maioría de previsións anuncian melloría do tempo, houbo moita humidade ata agora e, como dixemos no aviso anterior, a sintomatoloxía pode expresarse tempo despois da infección, ata incluso tres semanas despois.

Botrite

De cumprirse as previsións da maioría das axencias meteorolóxicas consultadas, nos próximos días predominará o tempo seco, e por iso non se esperan condicións favorables ás infeccións por este patóxeno. Tamén os restos das flores nos acios que xa vaian completando este período, que en tempo húmido quedarían adheridos e sobre eles o fungo se desenvolvería de forma saprofítica para afectar despois ao acio, poderán desprenderse sen problema.

Avelaíñas do acio

As capturas de Lobesia botrana nas trampas das nosas parcelas de seguimento están sendo baixas, da orde dos 10-15 machos. Canto aos síntomas, nesta semana observamos os primeiros niños ("glomérulos") nun par de parcelas, pero en ambos casos de xeito unicamente anecdótico.

Outras pragas de artrópodos

Unicamente é de destacar que en parte das viñas nas que nos detemos aleatoriamente, esta semana observamos unha boa cantidade de follas con erinose, sobre todo na zona inferior dos pampos. En calquera caso, sabemos que en xeral esta praga non ten incidencia, e só se xustificaría o tratamento se fosen plantas novas e a severidade do ataque resultase elevada.

MACEIRA

Moteado

As altas temperaturas e o mantemento dunha humidade relativa alta polas noites, provocou o avance da enfermidade nas plantas testemuña. En todo caso, se finalmente o tempo continúa estable e con ventos do norte ou nordés, como prevén a maioría das axencias meteorolóxicas consultadas, o nivel de risco diminuirá.

Avelaíña da mazá

A semana anterior anunciabamos que a mellora do tempo podería favorecer a actividade desta praga. Pois ben, polo menos nos predios que nós revisamos, o aumento no número de capturas de machos nas trampas foi significativo. As poboacións poden cambiar entre predios, como sabemos, pero en todo caso é conveniente aplicar un tratamento debido a que parece que se vai manter, segundo a maioría das previsións, a estabilidade atmosférica.

DIVERSOS CULTIVOS

Insectos chupadores

Como era de esperar, o bo tempo favoreceu o aumento das colonias destes insectos nos brotes tenros. A retirada das colonias cando aínda son incipientes ou a propia eliminación dos brotes afectados contribúe a limitar os danos que poidan ocasionar.