Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 29/04/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: G (55-57 da codificación BBCH)

Mildio

A climatoloxía que estamos a ter neste período está sendo moi favorable ao patóxeno causante desta enfermidade: precipitacións case continuas, temperaturas en xeral moderadas e mesmo algunhas nocturnas bastante elevadas (da orde de 15 ºC a noite do 25 e esta última), períodos de choivas alternando con momentos de elevada insolación e humidade relativa elevadísima, etc. Loxicamente, estas condicións poden desencadear contaminacións de xeito continuado, e tamén hai a limitación de que non sempre se poden facer os tratamentos nos momentos previstos debido ás precipitacións, vento ou outros factores .

Este conxunto de circunstancias fixo que nas nosas observacións desta semana incluiramos, ademais das viñas da nosa rede que estamos a visitar neste tempo, varias que atopamos no noso percorrido. O resultado foi homoxéneo en canto a presenza de síntomas (en todas as viñas había algún síntoma novo) pero diferente en canto á súa incidencia: algunhas apenas tiñan un par de manchas novas sen síntomas en acio, mentres que outras estaban relativamente afectadas, con plantas con varias manchas novas con frutificación, zonas de avance nos síntomas antigos e xa síntomas en acio.

Tamén observamos viñas abandonadas, de variedades pouco sensibles, con presenza de síntomas, o que non sucedería se as condicións non foran especialmente favorables á enfermidade.

Por outra banda, as choivas reducen sensiblemente o período de protección teórico dos produtos e, segundo as previsións meteorolóxicas consultadas, vanse manter ata sábado ou domingo/luns segundo as axencias, para despois volver a producirse. Ademais, tamén se anuncian temperaturas moi elevadas, non só diúrnas senón tamén nocturnas algúns días. Por estes motivos aconséllase renovar a protección (salvo aqueles viticultores que o teñan feito nestes días) con funxicidas que, se é posible, teñan acción preventiva, curativa e antiesporulante utilizando tamén un mollante para mellorar a adherencia e distribución do caldo na planta .

 

Nas xornadas seguintes á aplicación lembren a conveniencia de revisar as viñas, en especial se a fixeron con algo de vento, con humidade nas follas, ou se choveu ao pouco de finalizala. En todos os casos, extremen a vixilancia


 

Oídio

A pesar de non ter dado ningún tratamento fronte a esta enfermidade, non observamos síntomas. O carácter intenso dalgunhas precipitacións que se están a producir tampouco beneficia ao fungo.

Black-rot

Malia a persistencia de condicións favorables, nesta revisión non apreciamos ningún cambio na intensidade dos síntomas, nin sequera na viña abandonada do Condado onde aumentara a semana anterior. Manter a vixilancia e, se renovan o tratamento fronte ao mildiu e hai historial de problemas de black rot, apliquen unha materia activa con efecto tamén fronte a este outro fungo.

Botrite

Polo de agora non observamos síntomas, e tamén as lesións provocadas polo pedrazo de primeiros de mes ou polos ventos que hai en ocasións aparecen libres da frutificación do fungo. Manter a vixilancia debido ás previsións de humidade alta e temperaturas moderadas, que son favorables ao fungo.

Pragas de artrópodos

Ademais de estar tendo capturas de couzas do acio (sen importancia), hai presenza de erinose nalgunhas viñas, pero a climatoloxía non resulta favorable ao desenvolvemento destes animais.

KIWI

Bacterioses

A vixilancia nesta época de prefloración debe ser constante e máis coas condicións tan húmidas que temos, que implican a necesidade de manter as plantas protexidas, cando menos naquelas parcelas onde a enfermidade estivera presente en anos anteriores.

MACEIRA

Moteado

Detectamos nesta semana as primeiras manchas (na nosa rede non temos variedades especialmente sensibles). Porén, salvo que teñan aplicado recentemente un funxicida sistémico ou un penetrante, deberían renovar en canto se poida os tratamentos, pois a meteoroloxía prevista seguirá a ser favorable.

FROITEIRAS DE ÓSO

Varios patóxenos

Como vimos anunciando nos avisos fitosanitarios anteriores, continúan a aparecer síntomas de diversos fungos patóxenos tamén nestas árbores, ou agravándose no caso de que xa os houbera. E, ao igual que nos casos anteriores, seguimos coa recomendación de manter as plantas protexidas.

VARIOS CULTIVOS

Drosophila suzukii

Fronte a boa parte das pragas de artrópodos, D. suzukii prefire condicións ambientais húmidas. Debido a que pode danar as froitas das plantas de pequenos froitos, amorodo, froiteiras de óso, kiwi, ou figueira, entre outras especies, para reducir a presenza de adultos e evitar que poñan ovos nas froitas que cando se estean a formar, é conveniente ter instaladas trampas de captura. Estas trampas poden adquirirse ou ben fabricarse con botellas de plástico (serven as de auga de 1,5 ou 2 litros) ás que se practicarán orificios de ao redor de 5 mm nos laterais e onde se verterá vinagre de mazá. Son non selectivas, polo que capturarán máis insectos.

HORTÍCOLAS

Caracois e babosas

A recorrencia de períodos de choiva e humidade relativa elevada a que nos vimos referindo constantemente no aviso de hoxe, está a provocar xa danos importantes nalgunhas plantas de horta, desde todo tipo de verduras ata cebolas, pementos ou patacas. Nestes casos, ademais dos remedios naturais e mecánicos que se poidan estar adoptando, é xustificado o uso dalgún produto a base dunha das dúas únicas materias activas autorizadas fronte a estes animais: fosfato férrico ou metaldehido.

BUXO

Cydalima perspectalis

Non estamos nun momento de risco en relación a esta praga, pero aínda quedan algunhas eirugas (poucas) en plantas de zonas máis abrigadas.