Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 04/06/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: I (69) - J (71-73)

Mildio

Nestes días continuaron as condicións favorables ao mildio, especialmente debido á combinación de temperaturas mínimas moi altas todas as noites (superiores a 15 e ata 19,8 ºC) ata esta última, e cunha humidade relativa do aire moi elevada, extrema nalgúns casos. Así, o patóxeno seguiu avanzando nas plantas testemuña que levan sen tratamento algún na campaña, onde os gromos frean xa o seu crecemento e onde as follas continúan a perderse debido á necrose dos tecidos.

Nas viñas tratadas da nosa rede e noutras moitas que imos revisando nos traxectos, observamos diferentes situacións, pero a maioría delas teñen aparentemente controladas a infeccións, e todo o máis apareceu algunha mancha moi dispersa na vexetación máis tenra.

Non obstante, nalgunhas aínda se observa frutificación viable nalgúns acios e tamén nas follas, e noutras hai unha elevada proporción de acios afectados (superior ao 50% dos mesmos) pero ben é certo que descoñecemos o historial de tratamentos. Desta mesma situación nos informaron outros técnicos e viticultores, pero é normal debido á continuidade das contaminacións derivada dunhas condicións extremadamente favorables ao patóxeno e non sempre aos tratamentos.

Esta diversidade de situacións impide que poidamos aportar outra recomendación diferente da dos avisos anteriores, no sentido de aconsellar a revisión constante das viñas para poder actuar a tempo de frear as infeccións no caso de que continúe a aparición de síntomas. Segundo as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas, o risco de infección debería ser menor nos días inmediatos debido ao descenso nas temperaturas mínimas e aos ventos de dirección dominante norte ou nordés, pero para a segunda metade da semana anuncian (a día de hoxe) novas precipitacións e subida de temperaturas mínimas, o que, de producirse, elevaría novamente o nivel de risco.

Sempre, pero neste ano cobra aínda maior importancia, facer unhas aplicacións coidadosas, de calidade, e NON SUPERAR AS DOSES MÁXIMAS DAS ETIQUETAS NIN APLICAR VOLUMES DE CALDO EXTREMOS, pois pode obterse precisamente o efecto contrario ao perseguido.

E non esquezan que nas viñas con exceso de vexetación, que aínda son frecuentes, as condicións favorables ás enfermidades son máis acusadas e tampouco o produto acada todos os órganos a protexer, polo que deben mantela baixo control, coma tamén a do solo.

Oídio

Nunha viña da nosa rede que está a carón dunha de variedades tintas moi sensibles observamos o primeiro acio de albariño con micelio deste patóxeno. Só se trataba dun acio, e non había máis indicios do fungo, polo que non imos actuar. En todo caso, sabemos que estamos nunha etapa na que a uva é moi sensible, polo que o nivel de alerta debe ser máximo.

Black-rot

Unicamente apreciamos evolución na presenza de síntomas en follas nunha viña abandonada da comarca do Condado, non así nas demais, tratadas ou testemuña sen tratamentos. As condicións previstas a corto prazo non serán tampouco especialmente sensibles á enfermidade, aínda que por fenoloxía da uva si hai risco.

Botrite

Malia ter habido algúns días condicións de temperatura e de humidade favorables a este fungo oportunista, nin nos restos non desprendidos das flores, nin nos órganos necrosados polo mildio observamos o micelio do patóxeno. As previsións climatolóxicas para os próximos días tampouco lle resultan favorables, polo que o risco será feble.

Avelaíñas do acio

Está a finalizar o voo da primeira xeración de Lobesia botrana, que xa viña diminuíndo nas últimas semanas, polo menos nas trampas que nós temos instaladas. Aínda aparecen algúns glomérulos (niños) pero en niveis que claramente non xustifican a realización de tratamentos, que todo o máis deben ser dados, se fose necesario, na segunda e/ou terceira xeración.

Outras pragas de artrópodos

Nesta semana volvemos observar novos síntomas de erinose nas follas máis novas dalgunha viña puntual e tamén comentamos, de modo anecdótico, un lixeirísimo incremento nas poboacións de mosquito verde nunha parcela.

PATACA

Escaravello

Nas leiras non tratadas fronte a esta praga é xeral a presenza de óvos, larvas e adultos. Ademais, as condicións meteorolóxicas previstas poden favorecer tamén o seu desenvolvemento, polo que, de non ter feito recentemente unha intervención, recoméndase que a fagan, pois sabemos que estes insectos poden eliminar totalmente a parte verde da planta en poucos días.

BUXO

Cydalima perspectalis (bolboreta do buxo)

Nas trampas que temos instaladas non capturamos ningún adulto, pero si observamos nunha sebe as primeiras postas. De momento non é preciso tratar, pero hai que incrementar a vixilancia porque, aínda que neste momento os gromos están completamente sans, algúns dos ovos estaban máis evolucionados e poden nacer as eirugas nos próximos días.