Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 16/04/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

VIÑA

Estado fenolóxico: F - G [53-55(-57) da codificación BBCH]

As precipitacións que se rexistran de xeito intermitente no que levamos de mes e as temperaturas, suaves de día pero frescas de noite, condicionan que o crecemento da viña non estea evolucionando de xeito significativo neste período de crecemento activo da vexetación.

Mildiu

Na revisión que fixemos esta semana ás viñas que estamos a visitar mentres existan limitacións derivadas do estado de alarma, non vimos novas manchas de mildiu, nin nas dúas parcelas do Salnés onde as detectaramos nin nas demais, que na súa maioría non recibiron tratamento algún. Ben é certo que as temperaturas só están sendo temperás e que de noite quedan frescas, pero aínda así son bastante compatibles coas infeccións, especialmente tendo en conta que chove intermitentemente e que a humidade relativa é elevadísima. Iso si, como é normal a primeiros de campaña, hai síntomas que se poden confundir cos de mildiu.

Para os próximos días as previsións das axencias meteorolóxicas consultadas non son totalmente coincidentes pero en xeral anuncian elevada probabilidade de choivas (con distinta intensidade e frecuencia) a práctica totalidade dos días. É máis, as que fan estimacións a máis longo prazo indican, a día de hoxe, tempo inestable ata que remate o mes. Canto ás temperaturas, anúncianse en xeral como as que temos estes días, na contorna dos 16-18 ºC as máximas e próximas a 10 as mínimas.

Segundo o observado, e a climatoloxía actual e a prevista, a nosa recomendación segue a ser a revisión das viñas, tanto das que non foron tratadas aínda (onde debe ser máis intensa) como das que xa recibiran algún tratamento, neste caso porque, aínda empregando produtos que non se lavan coas choivas, o seu período de protección redúcese fronte ao teórico en presenza destas. Será necesario tratar ao detectar síntomas, e haberá que aproveitar momentos de claros no caso de que as previsións máis pesimistas, se cumpran.

Naquelas viñas de zonas onde tivera caído sarabia ou pedrazo, caso de intervir procuren elixir un funxicida que leve unha materia activa con efecto cicatrizante. E lembren que a adición dun mollante ao caldo favorecerá a distribución e a adherencia do produto ás plantas

Black-rot

Nesta semana observamos o primeiro síntoma, tanto nunha viña abandonada do Condado como na nosa viña de Areeiro. En ámbolos dous casos só se trataba dunha mancha, pero xa eran visibles as frutificacións do fungo. De continuar as condicións de climatoloxía húmida probablemente se incremente a súa presenza.

Botrite

Nestes días, especialmente o día 14, houbo sarabia nalgunhas comarcas, e mesmo pedrazo nalgunhas zonas. Estes fenómenos produciron roturas de gromos e de follas, ademais doutras lesións que co paso dos días serán máis evidentes. Sobre estas lesións e feridas, coa humidade que se espera vai haber nos próximos días, pode instalarse este patóxeno oportunista. Tamén de cumprirse as previsións de ventos fortes que anuncian algunhas axencias produciranse máis feridas e incrementarase o risco. Así, se hai que renovar o tratamento antimildiu empreguen unha materia activa con efectos fronte a este outro patóxeno.

Ácaros

Nesta semana observamos nunhas viñas que os síntomas de erinose se incrementaran sensiblemente, ata mesmo paralizar o desenvolvemento dalgunha folla. Porén, non fai falla tratar o ácaro que o produce, pois o síntoma é espectacular pero non provoca danos, e cun potencial tratamento poderíase alterar a fauna útil que hai nas viñas, especialmente naquelas onde se fan poucas aplicacións de fitosanitarios.

OUTROS

A presenza de caracois nas viñas, ao igual que noutros cultivos e especialmente na horta, segue incrementándose. Tamén empezan a manifestarse síntomas de alteracións de madeira nalgunha viña.

KIWI

Bacterioses

Segundo as previsións, a climatoloxía dos próximos días será moi húmida e con choivas. Esta situación incrementará, a priori, o risco de aparición destas enfermidades, nun momento (aparición de botóns florais) que é moi sensible e no que deberían estar as plantas protexidas. Os produtos cúpricos, así como o Bacillus subtilis (CEPA QST 713) están autorizados, e ambos teñen efecto tamén fronte a podre, que pode instalarse igualmente nas plantas daquelas zonas onde tivera caído pedrazo ou onde, de producirse ventos como anuncian algunhas previsións, haxa roturas de brotes e/ou follas.

MACEIRA

Moteado

Nesta semana tampouco atopamos síntomas nas plantas das parcelas ás que acudimos, pero sabemos que a elevada humidade relativa como a destes días é un dos factores favorables para a súa aparición. En todo caso, as temperaturas previstas tampouco son especialmente elevadas, e por iso o risco é só moderado. Por este motivo, se non se realiza un seguimento específico das plantas e estas son moi sensibles, no momento en que se poida convén aplicar un tratamento (sobre todo se non hai moita flor), procurando empregar un funxicida que non se lave coa choiva.

FROITEIRAS DE ÓSO

Varios patóxenos

Con estas precipitacións que se están a rexistrar poden ir aparecendo diferentes patoloxías que afecten ás follas (como o "cribado") ou que poidan afectar á viabilidade da froita (como a Monilia nas cereixas). Haberá ademais maior risco naquelas zonas onde tivera caído (ou caia) pedrazo ou sarabia, polo que haberá que estar pendentes.

HORTÍCOLAS

Varios patóxenos

Temos que dicir o mesmo que vimos de anunciar para o caso das froiteiras de óso: ademais dos importantes danos que están a producir caracois e babosas, esta humidade permanente é favorable a aparición de fungos como o mildiu ou a botrite. Por este motivo haberá que renovar/realizar tratamentos con funxicidas sistémicos ou penetrantes rexistrados nos diferentes cultivos cando a climatoloxía o permita.

BUXO

Cydalima perspectalis

As condicións climáticas destes días non son favorables á praga, que ademais está principalmente en fase de crisálide nestes momentos (isto segundo as observacións que podemos facer no noso percorrido reducido). Por estes motivos, as plantas están recuperando a súa brotación.

CAMELIA

"Pinzamento"

Estase a producir a brotación (de xeito máis ou menos xeral segundo variedades e zonas) que é o momento no que ten lugar a elongación das xemas, polo que se recomenda o pinzamento do ápice e das últimas follas das plantas para controlar o seu desenvolvemento excesivo. Ao facer esta práctica nesta época temperá non se prexudicará a formación dos botóns florais para a próxima tempada.

Pulgóns e gurgullos

Precisamente os brotes tenros que hai na brotación atraen a estes insectos. Aínda así, a climatoloxía que temos non lles resulta favorable e por iso, se afectan a poucos brotes poden eliminarse co propio pinzamento antes referido. Non obstante, se cambia o tempo e/ou o número de gromos afectados é maior, haberá que estar moi pendentes e aplicar un tratamento.

CASTIÑEIRO

Vespa do castiñeiro (Dryocosmus kuriphilus)

Nesta semana comezaron as soltas do seu parasitoide ( Torymus sinensis) por parte da Administración autonómica. Ao igual que en anos anteriores, as soltas realizaranse por toda Galicia pero, desde este ano, o Ministerio tamén autorizou que os particulares e asociacións poidan facelas.