Advanced-Content-List

É necesario configurar o portlet antes de poder utilizalo

AVISO FITOSANITARIO 14/05/2020

Lembren que, mentres permaneza o estado de alarma, reducimos os percorridos fronte ao que é a nosa rede de seguimento habitual . Polo tanto, se sempre indicamos que a información que aportamos baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutras fincas que visitamos e tamén nos datos que, ás veces, nos aportan outros técnicos e viticultores, e que aínda así é CONVENIENTE CONFIRMAR A SITUACIÓN PARTICULAR DE CADA FINCA, esta recomendación ten aínda máis importancia nestes momentos.

Viña

Estado fenolóxico: H (57 da codificación BBCH)

Coas temperaturas rexistradas, algunhas plantas de albariño da práctica totalidade de parcelas que observamos xa comezan a amosar algún acio, moi puntual e anecdótico, en floración. As previsións meteorolóxicas anuncian para os próximos días a influencia dun anticiclón na nosa zona, co que irá xeneralizándose este estado.

Mildio

Como estaba previsto, desde o aviso anterior transcorreu unha semana máis de tempo chuvioso pero con temperaturas moderadamente elevadas: diúrnas na contorna dos 20ºC (logo do propio día do aviso -7 de maio- no que superaron os 25ºC e mesmo chegaron a 29ºC en Meder) e rexistros nocturnos tamén máis altos do esperado, especialmente as noites do 8 e do 12 (14-15 ºC de mínima en moitas estacións). Estas temperaturas nocturnas elevadas coincidiron con períodos de humidade relativa moi alta, próxima ao 100%, e/ou con humidade foliar durante varias horas, especialmente as noites do 11 e do 12 (unhas 6 e 8 horas, respectivamente) e, nalgunhas estacións, tamén esta última. En definitiva, e como xa saberán, foi unha nova semana de condicións moi favorables ao fungo, como as das últimas semanas, o que resulta en contaminacións de xeito case continuo.

Tanto é así, que esta semana observamos un elevado número de novas manchas, e síntomas tamén nos acios, nas plantas sen tratamentos de variedades pouco sensibles que, nos nosos percorridos, atopamos nos muros ou nos bordos de hortas ou baldíos. Tamén recibimos un bo número de consultas de propietarios de predios con variedades de diferente sensibilidade incapaces de frear o avance da enfermidade pese a reducir os intervalos de tratamento a menos de oito días.

Canto ás viñas tratadas que observamos nós, en todas elas vimos algún síntoma, pero de diferente intensidade segundo o tempo transcorrido desde a aplicación anterior e tamén en función da sintomatoloxía previa: mentres algunhas só tiñan algún síntoma practicamente imperceptible en folla (aínda que algunha esporulada) e ausencia total de síntomas en acio, noutras hai que sumar ao referido a presenza de zonas de avance en manchas antigas, mesmo con tecido central moi necrosado, e algúns acios tamén afectados.

Despois do día de hoxe, as previsións das diferentes axencias meteorolóxicas consultadas anuncian que ao fin teremos unha semana de influencia anticiclónica, con temperaturas máximas por riba de 20 ºC e mínimas que novamente se anuncian máis baixas. Porén, o elevado inóculo que hai nas viñas tras esta tempada de tempo continuamente inestable obriga a que recomendemos renovar os tratamentos en canto se poida, salvo que o teñan feito xa nestas xornadas pasadas.

Coas recorrentes precipitacións e as temperaturas suaves, o desenvolvemento da vexetación está sendo moi elevado nalgunhas viñas e por iso hai que ser moi coidadosos e pararse ben ao aplicar os tratamentos. Tamén non esquezan manter ben segada a cuberta vexetal, se a hai, en especial nas viñas en formacións máis baixas.


 

Oídio

De momento non observamos os primeiros síntomas nas viñas que nós imos revisando. Porén, nas variedades máis sensibles ou con historial de danos todas as campañas é aconsellable aplicar un tratamento antes do inicio da floración, cando comeza a máxima sensibilidade do acio ao patóxeno, aproveitando a realización de posibles intervencións antimildiu. No resto de variedades, incrementar a vixilancia, porque coas condicións climatolóxicas previstas para os próximos días probablemente empecen a aparecer os primeiros síntomas.

 

Black-rot

De xeito non tan evidente como a semana anterior, na revisión do pasado martes observamos un incremento dos síntomas característicos desta enfermidade nas follas das plantas abandonadas pero tamén nalgunhas das sometidas a tratamentos. De momento non vimos ningún síntoma en pampo ou en peciolo, pero aínda esperamos que aparezan, e tamén en acio, debido á continuidade de condicións favorables desde hai semanas e ao feito de que poden manifestarse (os síntomas) tempo despois da infección.

No control desta enfermidade, como no resto de patoloxías, deberíanse combinar as medidas culturais cos tratamentos fitosanitarios. Por iso, e dado que xeralmente hai máis síntomas nas plantas cultivadas cando teñen preto vides sen cultivar, aconséllase a súa retirada para reducir o nivel de inóculo. Canto ás aplicacións fitosanitarias, mantemos a recomendación aportada en informacións anteriores: calquera tratamento antimildio e/ou antioídio que se realice nas próximas semanas, deberá realizarse con funxicidas que tamén teñan acción fronte a black rot. Ademais, como é normal, non esqueza a boa práctica fitosanitaria: ademais de respectar o número máximo de aplicacións por campaña de cada produto e as súas doses, non empregue sempre as mesmas materias activas para evitar a aparición de resistencias.

Botrite

A consecuencia dos ventos que ten habido neste inicio de campaña, nalgunhas viñas quedan pampos secos nas propias plantas, e sobre estes pampos pode instalarse este fungo oportunista. Aínda así, o tempo máis seco que se prevé para os próximos días non lle resultará favorable, e tamén permitirá que os restos das flores vaian desprendéndose, aínda que mentres haxa elevada humidade poidan quedar adheridos.

Pragas de artrópodos

Unicamente hai que seguir falando de capturas de machos de Lobesia botrana nas trampas de todos os predios (non observamos aínda ningún niño das eirugas) e de síntomas moderados de erinose nalgunhas viñas.

MACEIRA

Moteado

Ao permanecer a situación de humidade tan elevada nas plantas que están sen tratamentos avanzaron os síntomas da enfermidade. Polo tanto, aconséllase non descoidar a protección das plantas, en especial das de variedades máis sensibles, para evitar danos á froita en formación.

Couza da mazá

A mellora do tempo que se anuncia a partir de mañá venres favorecerá a actividade desta couza.

MARMELO

Entomosporium maculatum

Esta primavera tan húmida está a provocar que xa nalgúns marmelos haxa certa perda de follas a consecuencia da enfermidade. É por iso que se recomenda unha aplicación funxicida.

Oídio

De xeito totalmente anecdótico, vimos nesta semana os primeiros síntomas.

CÍTRICOS

Pulgóns e moscas brancas

O bo tempo que se prevé favorecerá a formación de brotes tenros, que á súa vez atraerán a este tipo de insectos, que xa están empezando a aparecer.

Trioza erytreae (psila africana)

Nos brotes máis tenros que se poden ver nalgunhas plantas dalgunhas zonas hai ovos, ninfas e adultos desta especie. Lembren que se non hai moitos brotes afectados, e a árbore non se vai ver prexudicada, a eliminación dos brotes afectados contribúe a limitar as poboacións da praga.

PATACA

Mildio

Despois desta humidade tan alta que tivemos, e pensando que co bo tempo evaporarase o exceso de auga acumulado no solo, será moi importante renovar canto antes os tratamentos se non o fixeron ultimamente.

Escarabello

Tamén nalgunhas plantacións obsérvanse xa danos por estes insectos, polo que é aconsellable aplicar un tratamento.

CAMELIA

Pulgóns e outros chupadores

Como vimos de dicir nos cítricos, a melloría do tempo que se espera vai favorecer a estes insectos que, ao inicio do ataque, son máis sinxelos de controlar polo que convén incrementar a vixilancia.

BUXO

Cylindrocladium buxicola

As condicións tan húmidas desta primavera están a provocar a aparición de novos síntomas da enfermidade nalgunhas sebes. Lembren que na súa contención é fundamental combinar as medidas culturais de retirada das follas secas cos tratamentos funxicidas.

Cydalima perspectalis

Aínda se poden observar algunhas eirugas grosas nalgunhas sebes, pero menos que a semana anterior segundo as nosas observacións. Canto aos posibles adultos, aínda non recollemos ningún no exterior, pero seguen a nacer na poboación do laboratorio.