INFORMACIÓN FITOSANITARIA 19 de xuño de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
As elevadas temperaturas destes días pasados provocaron que aínda se notase máis ca semana anterior o incremento no tamaño dos grans, en especial nos predios que ían máis adiantados que, polo menos segundo as nosas observacións e falando globalmente, corresponden neste momento á comarca do Salnés. Con todo, é certo tamén que tanto nesta comarca coma nas demais, dentro das mesmas viñas segue a haber algo de variabilidade, e hai vides con acios menos desenvolvidos e tamén certo número deles con corrimento.
Mildio
As condicións meteorolóxicas destes días pasados non só favoreceron o crecemento da uva senón que axudaron a que calquera labor antimildio, xa fora de tipo químico ou cultural, tivera unha boa resposta, e tamén a que non se desenvolvera o patóxeno onde non se fixera ningunha actuación. Loxicamente nos estamos referindo aos ventos secos do norte e/ou noreste e aos días moi calorosos, sufocantes incluso, que tivemos, con temperaturas máximas ben por riba dos 30 ºC que se mantiveron durante máis de 5 horas de forma continua (ata máis de oito nalgúns lugares) e que estiveron acompañadas de humidades relativas da orde de 50% ou menos.
Esta situación a nivel climatolóxico prexudica sensiblemente ao mildio e neste senso non é de estrañar o aspecto que amosan as plantas testemuña da nosa parcela de Areeiro (todas de albariño) nin tampouco as abandonadas de outras variedades sensibles de por exemplo a comarca do Condado.
Tamén o número de esporanxios que recolleu o captador situado nas plantas testemuña de Areeiro ata o luns 16 foi moi baixo (máximo de 5,4 nun día) mesmo ata un momento anterior aos días de temperaturas máis abafantes. E é máis, o captador situado en Sanxenxo non recolleu ningún, neste caso ata o martes 17.
Do mesmo xeito, a situación xeral que observamos nos nosos percorridos desta semana foi semellante: práctica ausencia de mildio, que só atopamos nalgunha folla moi esporádica dos crecementos sen protexer dalgún predio, e en acios que xa sufriran ou non ataque do patóxeno pero neste caso no predio do Salnés e do Condado aos que nos referimos xa en anteriores boletíns fitosanitarios por ter tido ataques non ben controlados con anterioridade.
Porén, tras a climatoloxía pasada, as temperaturas experimentaron unha baixada, xa desde o mércores ao mediodía ou á tarde nas zonas costeiras pola entrada de néboas densas, e paralelamente se incrementou sensiblemente a humidade relativa do aire e a humidade foliar, deixando caer nalgunhas zonas gotiñas de precipitación. A isto haberá que engadir que a curto e medio prazo as axencias meteorolóxicas consultadas prevén que as temperaturas continúen sendo altas (sobre todo as nocturnas), que continúe a haber néboas que poden chegar a ser bastante persistentes e mesmo que se achegue unha nova DANA polo Atlántico, e todos estes factores farán que o risco de mildio se dispare tras esta semana de tranquilidade relativa. En realidade, volve ser esta unha situación semellante á que levamos vivindo practicamente toda a campaña e por iso tamén a nosa recomendación ten que ser similar á que aportamos noutras semanas: revisións constantes ás viñas aínda que teoricamente estean protexidas por un tratamento anterior, en especial se no predio en cuestión houbo xa infeccións mal controladas de mildio, e aplicar todas as medidas de control dispoñibles (máis que só mesturas sen control de produtos funxicidas) para reducir o nivel de infección, é dicir, non descoidar favorecer a ventilación a nivel dos acios mediante esfollas moderadas (evitando expoñelos ao sol intenso do mediodía para previr queimaduras e deshidratación), control da lonxitude dos pampos, eliminación de netos e roza da vexetación acompañante.
Oídio
Non atopamos esta semana novos síntomas da enfermidade en ningunha planta das viñas que observamos. Na súa maior parte son plantas de albariño pero tamén nalgúns predios hai algunha planta de variedades brancas ou tintas sensibles. Con todo, un dos nosos colaboradores nos enviou unha foto dunha viña fortemente afectada pola enfermidade e ademais estas néboas producen un ambiente moi propicio ao desenvolvemento do fungo, polo que, ao igual que no caso do mildio, debe extremarse a vixilancia para evitar que se instale o fungo e reducir así as posibilidades de rotura da pel dos grans en crecemento.
Botrite
As condicións climatolóxicas destes días non favoreceron a este patóxeno oportunista que require de humidade elevada para desenvolverse. De feito, nin se detectou naqueles acios que, por florecer máis tarde do que foi xeral, fixérono en condicións menos favorables e polo tanto teñen restos florais adheridos aos grans, ou grans pequenos e momificados ou acios con corrimento por unha polinización e un callado deficientes. En calquera caso, o incremento de humidade provocado por este cambio meteorolóxico que estamos a ter obriga a incrementar a vixilancia, en especial onde hai circunstancias como as anteriores, calquera tipo de ferida nos grans ou onde dominen as variedades sensibles.
Black rot
Haberá que estar, con este cambio de tempo, más alerta á aparición de novos síntomas desta enfermidade, pois as temperaturas da orde de 27-28ºC previstas favorecen ao fungo e a humidade parece que tamén vai permanecer elevada durante horas. Por iso, non esquezan considerar este patóxeno á hora de elixir produtos fitosanitarios para unha potencial intervención.
Avelaíñas do acio
Esta semana capturamos os primeiros adultos de Lobesia botrana en dúas trampas de dúas viñas da comarca do Rosal, aínda que en número moi baixo (2 e 3 machos respectivamente). Nas demais trampas seguimos sen ter capturas. Canto a glomérulos, só atopamos un nunha das viñas con capturas.
Cicadelidos
Malia o tempo seco, non observamos incremento no número de capturas nas trampas nin tampouco no reconto de ninfas. Canto a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, tampouco houbo incremento no número de ninfas atopadas nin, de forma xeral, no seu estado de desenvolvemento, pois continúa a maioría en N2 (só atopamos un exuvio -resto- de N2, o que implica que xa hai polo menos unha ninfa en N3). Dentro do plan de control e erradicación do patóxeno de corentena que transmite este insecto lembre que a autoridade competente establece unha serie de medidas que hai que aplicalas, pois redundarán no beneficio para toda a viticultura galega. Entre esas medidas están os tratamentos insecticidas autorizados fronte a Scaphoideus titanus, e nalgunhas zonas terán que realizarse nos próximos días. Permanezan atentos ás informacións que se publiquen en cada zona concreta e tamén a través de internet.
Outras incidencias
MACEIRA
Moteado
Esta semana non houbo condicións favorables ao patóxeno pero o incremento de humidade derivado das néboas matinais (ou non, segundo zonas) e das posibles choivas que se poidan producir segundo anuncian boa parte dos modelos meteorolóxicos farán que o risco sexa maior. Renovar a protección, en especial en variedades de froito especialmente sensible.
Avelaíña
PLANTAS DE HORTA
Mildio
Estes días de atrás, co tempo seco, eran os insectos como o escaravello da pataca ou a avelaíña do tomate Tuta absoluta as pragas que máis vixilancia requirían. Porén, co incremento de humidade a consecuencia das néboas máis ou menos persistentes que temos desde onte mércores día 18, e/ou das potenciais precipitacións que prevén algúns modelos meteorolóxicos, haberá que prestar maior atención ao mildio e renovar os tratamentos para evitar danos nas plantas que leven á perda da colleita.
CASTIÑEIRO
Tortrícido temperá Pammene fasciana
No boletín anterior falabamos de que baixara sensiblemente o número de machos capturados na trampa de Areeiro e de que tamén baixara a cifra dos recollidos en Pontecaldelas, apuntando a que a semana anterior se producira o pico de voo. Pois ben, os datos desta semana confirmaron este feito na de Areeiro, onde se recolleron 2 machos fronte aos 7 anteriores (ver curva de voo), pero non así na de Pontecaldelas, onde aínda esta semana se produciu un incremento significativo de capturas: dos 7 da semana anterior aos 30 desta. En realidade, neste concello a trampa leva pouco tempo instalada e non se recollera un número elevado de adultos ata a actualidade (30 machos).
BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
Esta semana capturamos 8 machos nunha das trampas de Areeiro, e atopamos algunha posta nova e igualmente unha eiruga xa bastante desenvolvida. Incrementar a vixilancia, pois sabemos que esta praga pode defoliar completamente o buxo en poucos días se as condicións ambientais e de alimento a favorecen.