INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 de agosto de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
Co presente Boletín, finalizamos por este ano a emisión semanal da información fitosanitaria. Con todo, lembren que seguiremos publicando informacións fitosanitarias e consellos prácticos que axuden a mellorar o estado sanitario dos seus cultivos pero xa sen unha periodicidade definida.
Un ano máis queremos agradecer a colaboración das persoas propietarias das nosas parcelas de seguimento habitual, a maioría das que xa levan con nós moitos anos, pero tamén ás novas incorporacións desta campaña, pois sen as súas contribucións non poderiamos continuar con esta tarefa. Tamén o noso agradecemento aos técnicos e colaboradores que periodicamente nos informaron das súas observacións.
Por ultimo, GRAZAS a todas as persoas que están subscritas a esta información fitosanitaria e en xeral a todas as que nos leron durante estas semanas e que, esperamos, continúen facéndooVIÑA
A vendima comezou ou está a punto de facelo na maioría de predios de albariño, nos que, en xeral, a colleita será abundante e sa. Con todo, aínda quedarán algunhas variedades máis tardías nas parcelas para as que aínda fará falta continuar co seguimento. Ademais, hai algunhas labores destinadas a protexer as vides de cara ao futuro que se poden ou deben facer despois da vendima.
Mildio
Con este cambio de tempo que se rexistrou debido á entrada de masas de aire frío, as temperaturas descenderon ata situarse por debaixo do normal nesta época do ano, pero as mínimas aínda seguen a ser, a día de hoxe, compatibles co desenvolvemento do patóxeno. Por ese motivo, seguirán a aparecer manchas de aceite nas follas máis tenras e zonas de avance nas manchas máis antigas, así como micelio nos pampos nos casos máis extremos.
Segundo as diferentes previsións meteorolóxicas consultadas, a medio prazo seguirá a sucederse a entrada de frontes e de masas de aire frío marítimo, e por iso despois da vendima e en calquera momento antes da caída da folla, nos predios con elevada presenza de síntomas haberá que valorar a posibilidade de aplicar un tratamento cúprico para reducir o nivel do inóculo para a próxima campaña.
Oidio
Unicamente observamos síntomas recentes en follas novas e pampos de plantas testemuña sen tratamentos. En realidade, e sempre falando en xeral, esta campaña mildio e oídio causaron poucos danos na nosa zona e foron facilmente controlados cos tratamentos aplicados.
Botrite (e outras podres)
Polo de agora as choivas que se produciron foron relativamente escasas. Pero é certo que a humidade relativa se incrementou sensiblemente para situarse por riba do 60% incluso nas horas centrais do día, e na contorna do 80-100%, con temperaturas que apenas chegan a baixar dos 15°C, no resto da xornada. Estas condicións favorecen a actividade dos organismos causantes das podres, que de feito están no ambiente dos viñedos e que poden afectar aos grans que presenten algunha lesión, aínda que sexa mínima.
Algunha das variedades de vendima máis tardía é moi sensible a estes patóxenos e por iso hai que manter a vixilancia por si as precipitacións rexistradas e/ou as que están por vir xeran rachos na pel da uva. Para estes casos non esquezan que hai no mercado produtos naturais diferentes do cobre compostos por fungos, bacterias ou lévedos beneficiosos, ou por terpenos de plantas, sen prazo de seguridade ou só de 7 días que aínda poderían empregar.
Flavescencia dourada
Coa chegada da vendima non rematan as actuacións dirixidas a tratar de controlar a flavescencia dourada nas zonas infestadas e a tentar de impedir que se estenda fóra delas e acade outras áreas. Agora o insecto vector, Scaphoideus titanus, xa estará a por os ovos que lle permitirán pasar o inverno e as actuacións xa non serán dirixidas cara el senón cara as plantas afectadas, que deben ser eliminadas o antes posible. Sabemos que coa vendima en curso ou a punto de comezar, as medidas sanitarias soen pospoñerse, pero esta é absolutamente imprescindible continuala: se non se fai así, a enfermidade continuará a súa expansión. Tamén é moi conveniente revisar as plantas próximas ás afectadas porque, se posúen varios dos síntomas da enfermidade, eliminalas é unha boa actuación preventiva.
E lembren a conveniencia de arrincar tamén as plantas abandonadas, pois poden albergar aos dous parasitos aínda que non amosen síntomas.
Acariose
Este ácaro pasa o inverno refuxiado nas escamas das xemas da viña e nas gretas e irregularidades da cortiza. Por iso, e pensando en evitar posibles fallos no momento da brotación do ano próximo, nas viñas nas que houbo unha presenza importante desta praga pódese aplicar un tratamento con xofre despois da vendima para reducir as poboacións.
Patoloxías de madeira
Xa deberían estar fóra das viñas pero tamén hai que eliminar as plantas que sucumbiron polo ataque destes fungos (e tamén por patóxenos de solo) pois coa chegada das choivas o ambiente é máis favorable para as infeccións. Máis adiante publicaremos un boletín de actuacións necesarias para despois da colleita e entre elas estarán algunhas relativas ás plantas sintomáticas pero non mortas aínda, pois a súa xestión separada do resto é moi importante para evitar a súa extensión pola parcela.
MACEIRA
Avelaíña
Cydia pomonella, a avelaíña da mazá, afecta principalmente a estes froitos pero tamén a peras e noces. Nestes momentos as eirugas estarán empezando a agocharse para pasar o inverno nas fendas e gretas de cortiza. Por iso podemos instalar banda-trampa de cartón ondulado ben pegadas ao tronco para que pensen que é un bo sitio para hibernar e se dirixan a elas. Retirándoas antes da primavera eliminaremos as eirugas que aproveitasen as ondulacións e así reduciremos a poboación nociva para a campaña seguinte.
VARIAS FROITEIRAS
Mosca mediterránea, Ceratitis capitata, e patóxenos de podremia
Esta semana, a pesar da baixada de temperaturas, volvemos a capturar novos adultos da mosca mediterránea da froita nas trampas. Lembren que, tanto por esta praga como polos fungos de podremia (e tamén, no caso da nogueira, pola mosca da casca verde da noz), hai que eliminar os froitos afectados das árbores e tamén os que caen ao solo para reducir o nivel de ataque de cara á próxima campaña.




















