INFORMACIÓN FITOSANITARIA 27 de xuño de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Esta semana volvemos notar como o tamaño da uva evolucionara de maneira significativa fronte á visita da semana anterior, nuns predios máis que noutros, pero de xeito bastante xeral. Así, incluso xa hai viñas, en todas as comarcas pero sobre todo no Salnés segundo as porcentaxes relativas que resultan do conxunto das parcelas que observamos nós nesta visita, cos grans tocándose entre eles e chegando ao peche do acio. É máis, incluso nalgún híbrido tinto xa os grans comezan a cambiar de cor nos acios das viñas máis expostas ao sol. Aínda así, tampouco semella excepcional esta circunstancia se a comparamos co sucedido por exemplo as dúas campañas anteriores, cando nas mesmas datas a fenoloxía era a mesma.
Mildio
No boletín anterior amosabamos unha imaxe dunha planta de albariño testemuña dunha das filas sen tratar de Areeiro e dunha planta abandonada sensible que hai nun bordo dunha viña do Condado nas que se podía observar como as follas estaban libres de mildio. Na de Areeiro tampouco os acios presentaban síntomas aínda que é certo que non se apreciaban ben. Pois ben, esta semana xa o luns día 23 comprobamos como a situación cambiara na nosa finca, aparecendo manchas abundantes en folla e frutificación tamén nos acios. Esta é unha situación que xa sospeitabamos que ocorrería entre outras razóns porque xa o domingo observaramos manchas nunha variedade híbrida sometida a tratamento na que só aparecen síntomas en momentos de elevada presión por parte do patóxeno.
É máis, vendo o que ocorría a nivel dos síntomas, tamén era de esperar que o número de esporanxios recollidos no captador de Areeiro sería moi superior á cifra máxima de 5,4 esporanxios/m3 da gráfica que amosamos a semana anterior correspondente ao período 10 a 16 de xuño. De feito, desde o día 19 superáronse os 50 esporanxios totais diarios recollidos (e mesmo os 100 os días 20 e 21 de xuño).
Canto ás nosas observacións nas plantas tratadas de todas as comarcas, a realidade é que volvemos atoparnos, en xeral, cunha situación estable, de práctica ausencia de mildio, salvo, en orde decrecente de aparición:
- Nalgunha/s folla/s tenra/s dos crecementos dalgún predio:
- Nalgún/s acio/s de plantas nos que con anterioridade xa tivera habido síntomas, xa fora nos propios acios ou en follas e onde estes síntomas antigos non terminaran de verse curados. Debido ao tamaño da uva algúns destes síntomas son xa de mildio larvado:
- Nalgún/s acio/s de plantas nos que non tivera habido síntomas ata o de agora pero que son parcelas relativamente ou pouco aireadas onde fai tempo que non se aplica un tratamento:
Como ben sabemos, estes días pasados a climatoloxía foi bastante tormentosa e o aire por momentos sufocante ou abafadizo, cunhas noites de temperaturas na contorna dos 17 ºC ou máis unidas a orballos ou a episodios locais de precipitación que mantiveron as follas molladas. Para os próximos días os diferentes modelos meteorolóxicos consultados anuncian a primeira ola de calor en España que tamén nos afectará, coa chegada de masas de aire moi cálidas desde o norte de África desde a fin de semana que se irán acumulando na superficie, polo que haberá temperaturas altas ou moi altas, superiores a 30ºC, e tamén para as mínimas, que poden chegar a subir dos 19ºC. En principio non se anuncian choivas, pero si pode haber néboas (e orballos nocturnos) que humedezan a vexetación, polo que o risco de infección aínda non desaparece. Deste xeito, a nosa recomendación é manterse alerta, en especial nos predios onde non se controlaran ben infeccións anteriores, onde apareceran novos síntomas ou onde xa faga tempo que non se executa tratamento algún. Amais desta atención ou vixilancia, non esquezan continuar coas labores que favorezan a aireación dos acios, moi importantes para reducir as infeccións non só de mildio senón tamén doutros patóxenos que poden afectar a unha colleita potencial moi abundante e sa nestes momentos. Iso si, cando fagan a esfolla procuren non deixar moi expostos ao sol máis intenso ao acios e lembren que estes teñen que alimentarse a expensas das follas, e por iso as esfollas non poden ser intensas como moitas que miramos nas viñas dos nosos percorridos.
Oídio
Puntual á súa cita polas datas nas que estamos, atopamos as primeiras follas de albariño con síntomas abundantes desta enfermidade nas nosas plantas testemuña, non nas tratadas. Tamén as condicións de calor e luz difusa polas néboas que se rexistran favorecen ao patóxeno. Manteñan a vixilancia e os tratamentos en especial en variedades sensibles, pois lembren que este fungo pode causar roturas na pel das uvas e non só levar a este dano directo senón indirecto ao favorecer a entrada de botrite.
Botrite
Non observamos síntomas en ningún predio, nin sequera nos acios/grans secos por mildio temperá que aínda penduran nas plantas testemuña ou neses grans con fendas basais que aínda se observan nalgunhas viñas e onde nas análises de laboratorio non se illou ningún patóxeno. Porén, naqueles predios con gran número de plantas de variedades sensibles con antecedentes habituais de botrite e outras podres secundarias onde os acios estean máis desenvolvidos e a fenoloxía máis próxima ao peche do acio, hai que contemplar a opción de aplicar un tratamento preventivo nestes momentos para protexer as posibles micro lesións que haxa nos grans antes de que sexan inaccesibles aos produtos. Tamén a ventilación dos acios lembren que é moi importante co fin da protección fronte á botrite e outras podres.
Black rot
Nin nas nosas parcelas de seguimento nin nas outras que de xeito aleatorio imos observando nos nosos percorridos observamos novos síntomas máis alá dalgunha mancha nova moi esporádica onde xa había síntomas. De cara aos próximos días non se esperan choivas, pero si calor e humidade e a uva aínda é sensible polo que hai que manterse alerta e seguir empregando produtos con efecto fronte a este fungo si se realiza calquera tratamento nas viñas.
Avelaíñas do acio
Esta semana tivemos capturas de machos de Lobesia botrana en parcelas de todas as comarcas, pero en número reducido (máximo 7 nunha viña do Salnés). Non observamos glomérulos nin tampouco outros síntomas da actividade das eirugas.
Cicadelidos
Nunha das nosas parcelas de seguimento do Condado se incrementou esta semana o número de cicadelidos Empoasca vitis recollido nas trampas, pero non así a cifra de larvas ou ninfas nos recontos de follas.
Canto ao cicadelido transmisor da flavescencia dourada, dentro do plan de control e erradicación desta patóxeno de corentena, xa estamos nas datas nas que HAI QUE APLICAR O PRIMEIRO TRATAMENTO INSECTICIDA, que é OBRIGATORIO na zona demarcada e RECOMENDADO nas zonas vitícolas lindeiras segundo informa a Xunta de Galicia, que é a autoridade responsable do plan. Na páxina web da Consellería do Medio Rural, dentro de Sanidade Vexetal no apartado "Organismos nocivos de corentena" poden consultar as parroquias nas que é obrigado realizar estees tratamentos, así como as materias activas autorizadas (que tamén as reproducimos na táboa de abaixo).
É fundamental que se realicen estes tratamentos, convenientes tamén noutras áreas do sur das comarcas vitícolas do sur de Pontevedra e do oeste de Ourense, para protexer a viticultura galega desta grave patoloxía que noutras zonas europeas provoca serios problemas; de momento en Galicia aínda só está nos inicios tras a súa detección e por iso hai que procurar que non avance mediante as medidas de control que se teñen que aplicar en viveiros e en pleno campo, como son precisamente os tratamentos e tamén o arranque inmediato das plantas afectadas polo patóxeno e das viñas abandonadas.
Notas: Os tratamentos deben dirixirse ao envés das follas non descoidando os gromos basais, onde soen refuxiarse estes insectos. Deben aplicarse preferiblemente a primeira hora, salvo no caso das piretrinas, que se degradan rapidamente coa luz solar e polo tanto deben ser aplicadas ao solpor. Fonte: Xunta de Galicia. Sanidade Vexetal.
Outras incidencias
Esta semana temos que destacar dúas:
- a aparición repentina despois da calor de días pasados de plantas con síntomas evidentes de enfermidades de madeira que antes non os amosaban:
- a detección de síntomas de acariose confirmados baixo a lupa nalgunhas viñas do Salnés e do Rosal, onde mesmo xa había cambio de cor das follas. Nalgún caso mesmo obrigará a aplicar un tratamento inmediato debido á elevada densidade de ácaros atopada: máis de 50 por folla
MACEIRA
Moteado
Non atopamos novos síntomas, pero como sabemos é conveniente manter a protección en variedades sensibles para evitar danos á froita e tamén, excepcionalmente, defoliacións que poidan comprometer a maduración.
Avelaíña
Esta semana non recollemos ningún adulto na trampa da nosa finca de Areeiro, pero lembren que o mellor é ter instalada unha en cada predio particular porque as poboacións poden variar entre parcelas próximas.
Tamén instalamos unha trampa nun predio do Rosal onde tampouco se aplican tratamentos e nesta semana si capturamos máis adultos.
CASTIÑEIRO
Tortrícido temperá Pammene fasciana
BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
Non recollemos ningún adulto nas trampas que temos instaladas pero seguimos observando algunha que outra posta e algúns síntomas producidos por eirugas dos estados L1 a L3. Continuar a vixilancia, porque en algunhas plantas/zonas pode haber maior presenza de eirugas e polo tanto de danos que fagan necesario aplicar xa un tratamento.