INFORMACIÓN FITOSANITARIA 12 de xuño de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
Esta semana notamos un importante incremento no desenvolvemento da uva, de xeito que a maioría está chegando a grans tamaño perdigón, e mesmo algún xa chega case a chícharo, aínda que tamén hai, incluso na mesma planta, acios en floración.
Mildio
Estes días pasados tivemos en maior ou menor grao unha sensación xeral de bochorno que sen embargo non se correspondeu cos datos rexistrados nas estacións meteorolóxicas consultadas da rede de Meteogalicia: así, é certo que houbo temperaturas máximas moi elevadas, da orde de 30-35 ºC o luns día 9 (e algo máis baixas pero tamén superiores a 30º o día 10 nalgunhas localizacións) pero estes rexistros non duraron un tempo excesivo e tampouco coincidiron con humidades relativas tan altas como podiamos pensar segundo a sensación térmica que tiñamos. Si é certo que as temperaturas nocturnas foron elevadas, con mínimas especialmente altas, da orde dos 17-18ºC a noite do 10, pero tampouco todas as noites a humidade relativa ou a humidade foliar foi suficiente, sempre segundo os datos das estacións, para producir infeccións secundarias. Con todo, o carácter tormentoso deste episodio climatolóxico que está tendo lugar sabemos que pode dar lugar a variacións mesmo en puntos próximos ás estacións.
Con estes datos, incluso foi relativamente reducido o número de esporanxios recollidos no captador da nosa viña de Areeiro, situado en plantas testemuñas sen tratamento algún:
E foi moi baixa a cifra de esporanxios no captador de Sanxenxo, onde o último tratamento fora o 26 de maio: despois dos 7,56 esporanxios/m3 recollidos o día 1, a cifra máis alta nos días posteriores foi 2,16, pero ben é certo que esta parcela está practicamente libre de síntomas, non só polas aplicacións funxicidas senón tamén por unha xestión adecuada da vexetación da viña e do solo.
Canto á situación observada na visita desta semana ás viñas da nosa rede habitual e a outras que imos revisando nos nosos percorridos, na gran maioría de casos había un bo control aparente do patóxeno pero noutros, en especial naqueles que tiñan a uva máis atrasada e/ou que tiñan un exceso de vexetación, e tamén naqueles que xa tiveran infeccións non ben controladas anteriormente, a situación era diferente:
- Ou ben presentaban síntomas novos:
- Ou ben frutificacións e/ou zonas de avance nas zonas afectadas polo patóxeno en infeccións previas:
Ademais, aínda que non de xeito tan acusado como dixemos a semana anterior, comprobamos que no Condado segue a haber maior proporción de predios con problemas.
Como ben sabemos, a uva en crecemento é moi sensible ao mildio e polo tanto estamos aínda un momento clave, decisivo, para a futura colleita. Por este motivo, e considerando ademais que en condicións de elevada humidade e calor os ciclos do patóxeno desenvólvense con rapidez, e que a curto prazo as previsións meteorolóxicas anuncian que, malia que se vai reforzar a dorsal anticiclónica persistirá certo aire frío en altura e polo tanto haberá aínda risco de tormentas, hai que manter un elevado nivel de vixilancia, e ir renovando as aplicacións se aparecen novos síntomas e/ou si se observan zonas de avance nos antigos para protexer os acios dos posibles ataques do temido mildio larvado. A medio prazo as previsións coinciden na recuperación da influencia anticiclónica e así o nivel de risco debería diminuír pero a vixilancia ten que seguir, pois aínda hai infeccións en curso que poden manifestarse.
Algunhas persoas xa están a aplicar produtos penetrantes ou de fixación ás ceras cuticulares, co que hai que ser máis precisos nas intervencións para garantir unha boa protección das viñas. E por suposto hai que descartar realizar tratamentos cando hai ventos superiores a 10,8 Km/h, o que implica que hai que interrompelos cando tan só as follas das árbores (non as ramiñas) se axitan constantemente.
Non esquezan tampouco que hai que alternar non só materias activas senón modos de acción sobre o patóxeno, para a prevención e a xestión das resistencias, en especial naqueles casos nos que se está a acortar o intervalo entre tratamentos por ter fortes graos de ataque.
Ademais, coas temperaturas elevadas e a humidade tan alta que temos a vexetación das viñas ten un desenvolvemento esaxerado en moitos casos é fundamental ir xa aclarando esta vexetación para facilitar a aireación dos acios, favorecer a penetración dos caldos fitosanitarios e tamén para evitar esgotar as plantas tan pronto na campaña.
Oídio
Esta semana observamos o primeiro gran de albariño con oídio, pero nin na mesma viña nin en outras observamos máis síntomas, pero ben é certo que xa todas as persoas están a aplicar tratamentos antioídio xunto cos antimildio. En calquera caso hai que manter a protección, en especial nas variedades máis sensibles ao patóxeno.
Botrite
Non observamos síntomas sobre os acios cuxos capuchóns florais non estaban desprendidos nin tampouco nas zonas onde os ventos foron fortes e romperon gromos e/ou follas. Debido a que en principio as previsións meteorolóxicas a medio prazo apuntan a un tempo seco e solleiro, non se espera tampouco que aparezan, pero hai que estar alertas pois nalgunhas viñas se están a atopar esta semana grans con pequenas feridas lonxitudinais (levamos mostra ao laboratorio para ver a que se deben e estanse a analizar) que poden atraer a este patóxeno oportunista.
Black rot
Tampouco nesta semana observamos incremento na incidencia da enfermidade nas viñas que visitamos. Coa climatoloxía máis seca que se prevé a medio prazo, non é de esperar un reponte dos síntomas en especial si se lles proporciona aireación ás viñas coas labores de despunte e demais que recomendamos ao final do texto do mildio, pero nos predios con historial da enfermidade non esquezan que é aconsellable o uso de funxicidas que controlen este patóxeno.
Avelaíñas do acio
Cicadelidos
Esta semana si que notamos, pero só nunha viña do Condado, un incremento das capturas de Zygina rhamni, que non ten importancia, e algún Empoasca vitis máis. Canto ao reconto de ninfas nas follas, está lonxe do limiar de tratamento.
No relativo a a Scaphoideus titanus, o vector da flavescencia dourada, a maioría das ninfas atopadas esta semana xa se corresponden co estado N2, pero ningunha máis avanzada, mentres aínda quedan algunhas N1. Lembren que hai dúas semanas desde que apareceran na provincia de Pontevedra as primeiras ninfas e que o primeiro tratamento hai que aplicalo aproximadamente ao mes da súa detección.
Outras incidencias
MACEIRA
Moteado
As condicións meteorolóxicas desta primavera están a favorecer as infeccións e agora que están os froitos en desenvolvemento hai que protexelos con tratamentos para reducir os danos que poden ocasionar as gretas da cortiza.