INFORMACIÓN FITOSANITARIA 29 de maio de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
As elevadas temperaturas e o sol desta semana favoreceu que, en xeral, o estado fenolóxico dominante nas nosas viñas sexa o de plena floración, aínda que, como era de esperar, non todos os acios das diferentes variedades, zonas ou plantas o presentan, pois aínda permanecen algúns en botóns florais separados e outros xa están co froito recentemente formado. É máis, incluso no mesmo acio se pode comprobar que hai diferencias, como se amosa na imaxe da dereita.
Na anterior campaña 2024 tamén a plena floración no albariño se producira na nestas datas (finais de maio).Mildio
Nestes días, na nosa zona non se chegaron a acadar as temperaturas tan extraordinarias para a época do ano que se están a dar noutras áreas da península, pero en calquera caso si están a ser altas, chegando a rexistros máximos na contorna dos 30ºC. Estas temperaturas tan elevadas, e tamén os ventos do norte que ten habido por zonas non son as condicións máis favorables ao patóxeno. Porén, tamén as temperaturas nocturnas están a ser bastante altas (mínimas superiores aos 11 ºC pero coas primeiras horas da noite na contorna dos 17ºC) e, en maior ou menor medida, hai orballos nocturnos que manteñen a vexetación mollada.
Estes antecedentes relativos á meteoroloxía destes últimos días, a climatoloxía dominante desta primavera (temperaturas suaves e choivas), os tratamentos efectuados ata o de agora no relativo á oportunidade do momento de aplicación ou o mantemento da vexetación propia e acompañante, aparte doutras cuestións, condicionan a presenza de esporanxios no ambiente así coma que se poidan observar diferentes situacións canto á presenza da enfermidade nas viñas:
Como se pode comprobar na gráfica, é moi baixa a presenza de esporanxios de mildio na viña de Sanxenxo, xestionada segundo os tratamentos que nós imos recomendado, mentres que o número destes propágulos na de Areeiro, que está entre plantas testemuña sen tratamento algún, é máis alto pero tampouco alarmante. Canto á presenza de síntomas atopados nas viñas que observamos (as da nosa rede e outras nas que nos imos detendo), e tamén segundo a información que nos proporcionan algúns colaboradores (persoas técnicas e viticultoras), pódese falar de:
- Viñas sen síntomas, e todo o máis con algunha mancha de aceite totalmente esporádica e/ou algún acio afectado e curado
- Viñas cunha situación intermedia en canto a presenza de síntomas
- Viñas con síntomas algo máis abundantes e non completamente controlados
Entre estas tres situacións hai ademais certa diversidade entre predios ou mesmo entre comarcas, destacando pola maior gravidade das infeccións O Condado en Pontevedra, O Ribeiro en Ourense ou os arredores de Ferreira de Pantón en Lugo, aínda que esta información debe ser tomada con reservas e só deriva das nosas observacións, das informacións dos nosos colaboradores e/ou das chamadas e correos electrónicos que recibimos na Estación.
As diferentes axencias e modelos meteorolóxicos consultados amosan certa posibilidade de que se formen tormentas entre mañá e a fin de semana principalmente en zonas do interior e leste da comunidade galega, e tamén hai probabilidade de que despois poida haber algo de precipitacións. Por estes motivos HABERÁ QUE ESTAR MOI ALERTAS para reaccionar a tempo renovando os tratamentos de inmediato salvo que estea o predio tratado de poucos días e sen síntomas ou con escasa presenza dos mesmos. Nas zonas onde non se formen estes fenómenos tormentosos haberá que vixiar moi ben as viñas para detectar os posibles efectos da combinación de altas temperaturas con orballo e así poder protexer os acios se é preciso.
Como todos sabemos, estamos nun MOMENTO DECISIVO PARA A FUTURA COLLEITA non só polos posibles efectos do patóxeno a curto prazo senón pola incidencia que pode ter máis adiante (mildio larvado) e por iso hai que prestar moita atención non só ás aplicacións funxicidas, que deben ser feitas nas mellores condicións posibles para que permanezan os produtos nas plantas e fagan á súa función senón tamén ás labores culturais, pois é fundamental garantir a ventilación das plantas. Neste sentido, aínda que na floración non é conveniente someter a máis estrés ás plantas, en casos de mildio que non e sinxelo de controlar, é bo xa facer eliminar netos, despuntar, etc para que o sol e o aire contribúan á recuperación do bo estado sanitario.
Oídio
En xeral, xa todos os predios contan con tratamentos antioídio e, aínda que estamos nunha época de alto risco para o desenvolvemento da enfermidade, non observamos máis síntomas. Seguir engadindo funxicidas fronte ao patóxeno ao aplicar tratamentos antimildio.
Botrite
Non observamos síntomas, pero tamén é certo que a floración está a desenvolverse en tempo maiormente seco. Porén, se finalmente se producen tronadas e/ou precipitacións haberá que incrementar a vixilancia, en especial nas variedades máis sensibles, por se os capuchóns florais quedan adheridos aos acios e tamén naqueles predios con maiores danos por sarabia e/ou vento.
Black rot
Nas plantas tratadas non observamos novos síntomas pero si certo incremento en follas de plantas abandonadas. O período de maior sensibilidade a esta enfermidade se inicia a partir de agora e, en xeral, non existe unha relación directa entre a presenza de síntomas nas follas e un risco potencial para os acios, pero hai que incrementar a vixilancia sobre todo en zonas con historial de danos e se hai precipitacións.
Avelaíñas do acio
Aínda que non tivemos de momento capturas de machos nas trampas, xa observamos os primeiros glomérulos en acios, e do mesmo nos informaron algunhas das persoas que nos aportan datos das súas apreciacións.
Cicadelidos
Observamos esta semana as primeiras ninfas de Empoasca vitis, de xeito totalmente puntual e só nas comarcas do sur da provincia, onde tamén tivemos as primeiras capturas de adultos. Con todo, a nova verdadeiramente importante canto a cicadelidos é a aparición das primeiras ninfas (tamén de primeiro estado) de Scaphoideus titanus, o vector da enfermidade de corentena flavescencia dourada, o que implicará APLICAR EN APROXIMADAMENTE CATRO SEMANAS OS PRIMEIROS TRATAMENTOS INSECTICIDAS NAS ZONAS ONDE É OBRIGADO por lei segundo o Plan de contención e erradicación da enfermidade establecido pola administración autonómica. Lembren que estes tratamentos son imprescindibles e responsabilidade de todos se queremos que a enfermidade non continúe o seu avance.
Outras pragas
As temperaturas tan altas destes días favoreceron que viñas moi afectadas por patoloxías de madeira ou por patóxenos de raíz colapsaran totalmente, e por iso é conveniente eliminalas para que non sigan infectando outras plantas. Tamén esta semana vimos algún síntoma de acariose (Calepitrimerus vitis) nun predio do Rosal.
MACEIRA E PEREIRA
Avelaíña
Baixaron fronte á semana anterior pero as capturas de machos na trampa que temos instalada en Areeiro, sen tratamento algún, superan o limiar de tratamentos.