Estado Fenológico H
" class="tooltip_estado" data-placement="bottom" id="estado_H"> H -(I1). BBCH: 57-(60)Ao longo da semana transcorrida desde o boletín anterior as temperaturas estiveron bastante frescas en xeral e por iso apenas houbo cambios na fenoloxía da viña. Porén, segundo observamos nas revisións desta emana, realizadas entre martes 13 e mércores 14, nalgúns predios si é certo que algunhas plantas de albariño empezaban a amosar algunhas (poucas) flores abertas.
O estado sanitario observado esta semana nas viñas en relación a esta enfermidade foi, en termos globais, bo ou moi bo, e de feito tampouco tivemos moitas capturas de esporanxios nos captadores que temos instalados (máximo de 6 esporanxios/m3 un só día), nin moitas consultas ou moitas informacións alertándonos de ataques severos a pesar de estar nun momento moi sensible do viñedo. É certo que coa climatoloxía inestable que temos esta primavera as persoas están moi alertas e renovan os tratamentos incluso xa con intervalos moi curtos entre intervencións, pero tamén o é que desde a emisión da anterior información fitosanitaria as temperaturas diúrnas e sobre todo nocturnas foron frescas en xeral o que, malia unha humidade relativa moi alta, a choiva dalgúns días ou as máis de 10 horas diarias de humidade foliar, contribuíu a conter o desenvolvemento do patóxeno.
Con todo, tamén temos que falar de predios nos que xa hai que falar de ataques considerables da enfermidade segundo nos informou algún dos nosos colaboradores, quen tamén nos comentou que case todos estes ataques correspondían á comarca do Condado.
Neste senso, nós tamén temos que dicir que das plantas abandonadas de calquera variedade que imos observando nos nosos percorridos son as da citada comarca as que teñen maior proporción de manchas e maior ocupación de síntomas por folla.
Canto ás plantas tratadas, nas observacións ás parcelas da nosa rede habitual de seguimento e a outras que visitamos de xeito aleatorio, ou non observamos síntomas (mesmo en viñas que levaban longo tempo sen intervencións), ou estes en xeral estaban ben controlados, incluso naquela viña de Cambados á que nos referiamos na semana anterior. É certo que nesta viña, e tamén illadamente nalgunha outra da que descoñecemos a súa estratexia de tratamentos, había algunha mancha sen controlar, con frutificación viable e/ou con zona de avance e mesmo con algunha mancha nova ou acio afectado, pero en conxunto sen perdas que merezan mención.
Como xa é normal esta primavera, as diferentes axencias e os modelos meteorolóxicos consultados predín que para os próximos días a climatoloxía vai seguir amosando certa inestabilidade, aínda que tamén refiren que a tendencia a medio prazo non está clara. A curto prazo anuncian un claro e acusado ascenso das temperaturas, aínda que non coinciden nin en valores nin en días, e que o domingo vai entrar outra borrasca pola nosa zona que traerá chuvascos e tormentas, algunhas xornadas acompañados, segundo certas previsións, de temperaturas mínimas bastante altas. Esta incerteza dificulta que poidamos aportar unha recomendación diferente da que vimos dando as últimas semanas: manter un alto nivel de vixilancia en especial si finalmente as temperaturas nocturnas son elevadas (a humidade parece que vai estar garantida), si xa pasou tempo desde a última intervención, si o predio é especialmente sensible á enfermidade (pola exposición, por estar pouco ventilado, etc.) e si xa houbo un ataque algo significativo anteriormente. Ademais, en caso de ter que renovar a intervención, continúen empregando funxicidas con acción curativa e preferiblemente antiesporulante é non esquezan nunca que calquera intervención que se realice ten que ser feita atendendo ás boas prácticas fitosanitarias para que o cultivo quede protexido e para que non escapen os produtos fóra das zonas a tratar. Incluso aínda que se apliquen produtos sistémicos os tratamentos deben ser coidadosos e ben realizados, garantindo que quede mellor mollado o envés (onde se atopa a frutificación) que a face das follas.
Esta semana atopamos o primeiro síntoma de oídio nunha folla dunha variedade tinta sensible que hai nunha das nosas parcelas de seguimento. Esa planta, como todas as das nosas parcelas, estaba sen tratamento antioídio algún. A partir de agora xa é preciso engadir un produto antioídio ás potenciais intervencións antimildio que se realicen.
Malia manterse a vexetación mollada por choiva ou por orballo durante máis de 10 horas, as temperaturas frescas que tivemos estes días non foron favorables ao fungo e por iso non observamos máis sintomatoloxía. Con todo, haberá que seguir pendentes si, como se prevé, aumentan as temperaturas, pois continúa a haber follas con roturas por vento e/ou sarabia e tamén pampos rachados polo vento.
Como levamos dicindo ao longo deste boletín, as temperaturas estiveron frescas, pero sen embargo si observamos un incremento notorio na presenza de síntomas desta enfermidade tanto en plantas abandonadas do Condado como nalgunhas tratadas na mesma comarca e noutras. Aínda que estes síntomas veñen de infeccións anteriores, nas zonas onde xa haxa enfermidade e/ou naqueles viñedos con historial de síntomas lembren empregar funxicidas tamén rexistrados para controlar ao patóxeno ao facer unha intervención antimildio ou antioidio.
Novamente volveuse superar o limiar de tratamentos na trampa que temos instalada na nosa parcela de Areeiro, e que non tratamos para ver a súa evolución natural. Insistimos en que as trampas de feromonas son unha ferramenta barata para posicionar os posibles tratamentos fronte ao insecto nos momentos máis adecuados.
Xa hai bastantes plantas de diferentes variedades con síntomas máis ou menos intensos desta enfermidade. Aínda que xa pasou a data que resulta prioritaria para dar un tratamento, aínda se poden aplicar funxicidas para reducir os seus danos, en especial en anos coma este nos que os períodos húmidos son unha constante.
Coa climatoloxía chuviosa de xeito intermitente desta primavera é FUNDAMENTAL non descoidar os tratamentos fronte a estas patoloxías para evitar os importantes danos que poden causar sobre a futura floración, e un dos momentos clave é agora, cos botóns florais desenvolvidos. Dado o carácter preventivo destas intervencións, deben renovarse de acordo ao período de protección do fungicida empregado, polo menos ata a apertura da flor.