INFORMACIÓN FITOSANITARIA 31 de xullo de 2025
A información que aportamos nos nosos boletíns fitosanitarios baséase no observado nas nosas parcelas de seguimento, noutros predios que visitamos ao azar nos nosos percorridos e tamén nas informacións que nos aportan outras persoas, técnicas sobre todo pero tamén viticultoras, e son principalmente referidas á variedade albariño no caso da viña. Con todo, hai que revisar sempre cada leira, pois pode haber situacións diferentes polas condicións particulares e/ou pola/s variedade/s, e só avaliando o estado de cada predio poderemos lograr, entre todos, unha mellor xestión dos nosos cultivos
VIÑA
A situación anticiclónica que estamos a ter contribuíu a que xa practicamente en todas as viñas da nosa zona as uvas estean no estado de pintado máis ou menos adiantado. Ao acadarse este estado, os parasitos dos que vimos falando maioritariamente reducen a súa incidencia e aumenta a de outros que, ante condicións favorables, aínda poden comprometer de xeito máis ou menos acusado a potencial colleita, e por iso aínda hai que seguir a revisar as viñas.
Por outra banda, e aínda que sabemos que é pronto, esta semana recollemos os primeiros grans de albariño para comprobar o grao alcohólico que presentan na actualidade. A recollida destas uvas non foi totalmente ao azar senón que se seleccionaron de entre os acios máis brillantes de cada predio. A maior parte dos resultados obtidos situouse entre 5,5 e 6,66°, sendo os valores extremos 4,89 e 6,66, ambos correspondentes a viñas da comarca do Salnés.
Mildio
As temperaturas superiores a 30°C durante horas e o ambiente solleiro e con ventos moderados do NE, xunto co estado fenolóxico actual da viña e co feito de chegar a este momento coa uva nun estado fitosanitario óptimo, son factores que nos permiten dicir que, en xeral, as viñas xa non sufrirán danos por este patóxeno no que queda de campaña. É certo que aínda hai localidades e predios ou variedades máis tardíos onde aínda non se acadou completamente o pintado, pero coas previsións meteorolóxicas a medio prazo apuntando á permanencia desta climatoloxía, incluso aí é improbable que ocorran.
É certo tamén que nalgúns predios que levan máis tempo sen tratamentos e/ou nas partes altas de parras moi frondosas hai algunha mancha nova en folla, pero a abundante vexetación que teñen aquí as viñas compensa perfectamente incluso posibles perdas de folla que se poidan producir ata a vendima, quedando reducido o dano a unha cuestión meramente estética que hai que asumir en favor do medio ambiente e dunha produción máis sostible en lugar de aplicar tratamentos innecesarios para evitar aquelas manchas. Onde si hai bastantes manchas novas e tamén perda de follas, que tampouco é total nesta campaña, é nas plantas testemuña que non se trataron en toda a tempada, e que mesmo a estas alturas aínda conservan algún que outro acio parcialmente verde, o que non ocorre todos os anos.
Con todo, no captador de esporas que temos instalado nestas plantas testemuña aínda se recollen, como é lóxico, esporanxios, pero en cifras moi inferiores aos máis de 200 da terceira semana deste mes ata o día 19:
Como dixemos liñas atrás, as predicións meteorolóxicas indican que a climatoloxía permanecerá sen cambios a nivel de precipitacións e dirección dominante dos ventos, que permanecerán sendo do norte ou nordés pero en principio máis frouxos cos desta semana. Canto ás temperaturas, algúns modelos consultados prevén que o domingo chegará unha masa de aire extremadamente cálida desde África, que previsiblemente nos afectará ata primeiros da semana próxima para despois volver a valores máis normais para a nosa zona.
Con todo o referido, a nosa recomendación en xeral é que non é preciso tratar pero si continuar coas rozas da vexetación adventicia e a retirada dos gromos novos excesivamente longos que poidan dificultar en calquera medida a ventilación da viña. Nas viñas que sufriron certo ataque de mildio, tamén se pode aproveitar para ir eliminando dos acios os grans que estean secos pola enfermidade ou por calquera outra causa. Unicamente podería ser conveniente a realización dun tratamento, si é que non teñen xa limitada a data pola súa respectiva adega, en viñas pouco vigorosas, novas e/ou máis atrasadas con manchas de aceite aparecendo e onde os ventos moderados-fortes da semana anterior non permitiran realizar a última intervención prevista.
Oidio
Esta semana volvemos atopar síntomas novos nas plantas testemuña, en especial nas follas das plantas más sombreadas e/ou pouco ventiladas. Tamén apareceron, pero de xeito máis puntual polo estado fenolóxico, nalgún acio que xa estaba afectado. Nas plantas tratadas non observamos síntomas, e non se espera que os haxa xa na maior parte das viñas. Sen embargo, podería aínda haber algún dano nas uvas de variedades sensibles dos predios/das zonas onde aínda non estea estendido o pintado, polo que nesas situacións haberá que valorar a conveniencia dun tratamento si é que non finalizou xa o prazo para poder aplicalo.
Botrite
Como dixemos ao comezo deste boletín fitosanitario a partir de agora son parasitos diferentes dos anteriores aos que debemos prestar atención nas nosas viñas. Entre estes destaca a botrite, que pode levar a reducións de colleita se non se xestiona ben. Con todo, sabemos que a enfermidade está causada por un patóxeno cuxo desenvolvemento está determinado non só polas condicións climatolóxicas senón tamén polo estado xeral das uvas, que nestes momentos é excelente. É certo que hai algún gran esporádico con roturas fisiolóxicas ou por rozas, e que tamén hai algunha uva con perforacións de eirugas ou parcialmente rota polos paxaros ou outras causas, pero polo menos á vista das nosas revisións, son moi puntuais e insuficientes para xustificar un tratamento (salvo no caso de variedades sensibles e con historial de dannos) considerando as condicións meteorolóxicas actuais. Ademais, hai produtos naturais con boa eficacia e sen prazo de seguridade ou con este moi curto que aínda se poderán seguir empregando, polo que aínda existen opcións para actuar se a climatoloxía cambia e se incrementa o número de feridas nos grans.
Avelaíñas do acio
Esta semana tivemos capturas de machos de Lobesia botrana nunha única trampa, concretamente na que temos nunha das viñas do Condado.
Canto a síntomas nas uvas, atopamos unha penetración na mesma parcela, e ningún outro síntoma no resto de mostraxes que facemos. Tampouco tivemos esta semana ningunha notificación correspondente a outros predios por parte das persoas que colaboran con nós.
Con todo, hai que continuar mantendo a vixilancia non tanto polos danos directos que poden causar senón polos indirectos debidos á influencia das feridas que poden causar sobre a aparición de botrite e outras podres en caso de que a climatoloxía se torne favorable a estes patóxenos.
Cicadelidos
Nas parcelas que revisamos esta semana, que loxicamente inclúen as da nosa rede de seguimento habitual máis outras nas que nos imos detendo nos nosos percorridos, seguimos a ver un número moi reducido de ninfas de Empoasca vitis nos recontos ás follas. Tamén onde temos trampas instaladas apenas hai capturas de adultos.
Canto ao cicadelido transmisor da flavescencia dourada, Scaphoideus titanus, estamos dentro dos prazos establecidos pola consellería do Medio Rural para aplicar o último tratamento insecticida, dirixido xa ao control de adultos, que seguen a caer nalgunhas das trampas instaladas na zona demarcada (= zonas infestada máis tampón) dentro do plan de erradicación da enfermidade, e esta semana tamén nunha das trampas que temos instaladas nós nunha viña de Salvaterra (dentro da zona tampón).
Lembren que na zona demarcada a loita contra a enfermidade é obrigatoria e que inclúe non só os tratamentos insecticidas fronte ao vector senón tamén outras medidas entre as que está a eliminación das plantas nas que se confirmou a presenza da enfermidade. Ademais, polo ben da nosa viticultura, é conveniente arrincar e destruír tamén aquelas plantas que amosen conxuntamente varios síntomas da enfermidade, entre os que se atopan, nestes momentos:
- - follas reviradas cara o envés de forma triangular e con manchas, normalmente delimitadas polas nervaduras, de cor avermellada nas follas das variedades tintas e crema-amarelada metalizada nas de variedades brancas, coa posibilidade de que os nervios tamén se descoloren;
- - follas endurecidas e quebradizas que poden adquirir unha disposición en forma de tellas, superpostas unhas sobre outras, debido ao acortamento dos entrenós;
- - acios parcialmente secos e con maduración incompleta, ou totalmente secos e engurrados;
- - pampos decaídos, faltos de lignificación, flexibles e colgantes, que dan ao conxunto da cepa un aspecto chorón.
- - perda de follas e secado da planta.
Acariose
Esta semana volvemos comprobar como hai síntomas de acariose en moitas viñas das diferentes comarcas. Algúns deles corresponden a ataques anteriores que xa foron controlados, pero noutros casos obsérvanse tamén nas follas novas, o que indica que as poboacións non foron eliminadas por potenciais tratamentos. A nosa recomendación é realizar unha intervención nas viñas onde se observe de forma xeral a cor bronceada da vexetación e onde non se realizara tratamento algún, empregando un insecticida piretroide (que tamén eliminará as poboacións de trips que hai nalgúns predios ou xofre.
Outras incidencias
Aparte da aparición máis evidente de plantas afectadas por patóxenos de madeira, que coa climatoloxía que temos desde hai días é máis frecuente, esta semana destacamos os síntomas por estrés hídrico dalgunhas plantas e tamén os cada vez máis abundantes danos por paxaros que están a afectar aos acios en fase de maduración.
MACEIRA
Avelaíña da mazá
Esta semana recollemos varios machos nas trampas que temos instaladas, pero onde están non se realizan tratamentos. Lembren que esta praga pode afectar ás mazás ata o momento mesmo da colleita, e por iso é recomendable non descoidar os seguimentos de trampas e froitos se é que xa se tiveron danos ao longo da campaña (respectar sempre o prazo de seguridade dos produtos empregados antes de recoller o froito).
VARIAS FROITEIRAS
Parasitos animais e fungos de podremia
As froitas en maduración están a ser atacadas por diferentes parasitos animais como avespas, paxaros, avelaíñas e tamén por diferentes moscas das froitas. As feridas provocadas son a orixe de diferentes podres e tamén da caída destes froitos. Tanto os que caen ao solo como os que permanecen na árbore deben ser retirados e eliminados para evitar que se incrementen os danos a consecuencia da actividade de máis moscas e de novos patóxenos secundarios causantes de podremias.




























