INFORMACIÓN FITOSANITARIA 28 de febreiro
O outono-inverno 2024-25 na nosa zona mantivo unha tendencia flutuante, tanto a nivel de temperaturas como de precipitacións. Neste senso cabe destacar o mes de novembro, moi cálido, onde a temperatura máxima chegou superar os 25 °C en moitas estacións (rede de MeteoGalicia), e tamén xaneiro, tradicionalmente un mes frío pero que este ano chegou a ter rexistros máximos de 20°C en varias localizacións. Canto ás temperaturas mínimas, apenas se deron xeadas, e mesmo hai puntos onde non houbo un só día con temperaturas por debaixo dos 0°C. A nivel de precipitacións, destacaron outubro e xaneiro, con rexistros na contorna dos 200 e dos 300 l/m2 respectivamente. Por último, destacar tamén os ventos, pois tivemos varios episodios con borrascas fortes e/ou restos de furacáns, como foron "Kirk" a primeiros de outubro ou "Karlotta" na primeira semana de febreiro, nos que se chegaron a bater récords de velocidade do vento.
Sumatorio de datos climatolóxicos de outubro 2024 a xaneiro 2025 (Fonte: MetoGalicia) | |||||
Comarca | Estación | Choiva (l/m2) | Días choiva | Horas-frío | Días xeada |
Condado | Cequeliños | 664,2 | 58 | 499,8 | 0 |
Meder | 637,9 | 62 | 409,3 | 3 | |
Morrazo | Bueu-Cabo Udra | 612 | 58 | (*) | 0 |
Cangas-Porto | 625,7 | 56 | (*) | 0 | |
Pontevedra | Lourizán | 906,3 | 60 | 371,7 | 0 |
Campolongo | 1008,7 | 73 | 340,3 | 0 | |
Rosal | Areas | 805 | 64 | 297,6 | 2 |
As Eiras | 653 | 61 | 308,7 | 0 | |
Salnés | Barrantes | 880,5 | 61 | 393,8 | 5 |
Sanxenxo | 789,6 | 63 | 112,4 | 0 | |
Simes | 1057,3 | 81 | 265,6 | 0 | |
Torrequintáns | 931,6 | 71 | 286,2 | 0 | |
Tremoedo | 907,9 | 64 | 288,8 | 0 |
(*): Sen rexistro
Loxicamente, a evolución climatolóxica neste período tivo influencia na fisioloxía e fenoloxía das plantas, como demostran sen ir máis lonxe as imaxes de abaixo, correspondentes a finais de novembro.
VIÑA
Mildio
Do mesmo xeito que en 2024, varios algoritmos de previsión da enfermidade xa dan por verificada a maduración da oospora na nosa provincia, polo menos segundo datos de diferentes estacións meteorolóxicas das comarcas de O Condado, O Morrazo, O Rosal, O Salnés e Pontevedra. Ademais, tamén como o ano anterior, xa recollemos no captador de esporas que temos instalado na viña de Areeiro o primeiro esporanxio do patóxeno.
Nós aínda non comezamos os nosos percorridos polas viñas pero salvo plantas moi puntuais situadas en sitios e localizacións moi abrigadas, aínda non hai follas abertas e só se pode falar de xemas empezando a inchar. Por este motivo AÍNDA NON HAI QUE COMEZAR A APLICAR TRATAMENTOS ANTIMILDIO e só aconsellamos que se empecen a revisar os equipos de tratamentos para comprobar que están en bo estado de funcionamento.
FROITEIRAS DE FOLLA CADUCA
Varios patóxenos
Varias especies de fungos que todos os anos causan enfermidades nestas árbores na nosa zona como son a lepra do pexegueiro, o moteado nas maceiras ou a antracnose das nogueiras, ou bacterioses como as que poden afectar aos kiwis, teñen menos posibilidades de instalarse ou de colonizar as árbores se inmediatamente antes de que broten se fai unha aplicación cun funxicida cúprico autorizado no correspondente cultivo, sempre respectando as doses recomendadas e as limitacións climatolóxicas en canto a temperaturas baixas caso de producirse estas.
PLANTAS DE HORTA
Caracois e babosas
A elevada humidade que temos favorece a presenza destes animais nas plantas de horta que se están a implantar. Para limitar os danos que poidan producir, aparte das prácticas de facer barreiras con cinza, serraduras de madeira ou outros, está autorizado o uso do fosfato férrico en granulado ou en cebos.
VARIOS CULTIVOS
Phytophthora spp
A elevada humidade que hai no solo e no ambiente e tamén a presenza, máis ou menos temporal, de auga líquida no terreo favorecen as infeccións destes oomicetos que, en xeral, causan a podremia das raíces e do colo das plantas, co conseguinte murchado da vexetación e mesmo a morte de parte ou de todo o vexetal, aínda que tamén hai especies que afectan directamente á parte aérea. Para conter as enfermidades causadas por este xénero de patóxenos é conveniente procurar ás plantas un ambiente o máis ventilado e seco posible, evitando que se acumule a auga na contorna das raíces (é bo neste senso limpar de vexetación a base das árbores e facer un rego para favorecer a saída da auga desa zona). Cando se trate dunha especie que afecte aos froitos, como Phythophtora hibernalis nos cítricos, a froita afectada debe ser eliminada tanto da árbore coma do solo.
As recomendacións de procurar maior ventilación ás plantas e de limitar os enchoupados na zona das raíces son válidos tamén para conter a outro patóxeno que afecta ao sistema radicular como é Armillaria mellea, ao que tamén favorece a existencia de restos leñosos sobre a superficie do solo ou os tocos de plantas lignificadas que puidera haber con anterioridade no terreo.
Fusarium spp
Varias especies do xénero Fusarium están a aparecer en moitas plantas de interese agrícola e tamén forestal. Trátase de fungos vasculares (=afectan aos tecidos condutores) que poden contribuír ao debilitado e murchado das plantas, e mesmo levar á súa morte, como pode suceder en plantas de horta. Segundo as especies poden sobrevivir varios anos no solo, en restos de cultivo ou en plantas enfermas e soen verse beneficiados por solos con pH acedo, textura areosa e alta humidade, condicións todas elas propias da nosa zona. A prevención é fundamental na contención destes patóxenos, e por iso as medidas de redución da humidade no solo e de eliminación de plantas mortas e dos seus restos contribúen a limitar a súa extensión.