INFORMACIÓN FITOSANITARIA 3 de abril
VIÑA
Como estaba previsto, desde o martes 25 de marzo, pero especialmente desde o venres 28, as temperaturas máximas diarias ascenderon de xeito significativo, ata acadar rexistros superiores aos 20 ºC case todas as xornadas. Incluso nalgunhas estacións de MeteoGalicia da comarca de O Condado chegaron a ser anormalmente altas, máis propias do verán, como foron os 28,3 ºC de Cequeliños (Arbo) ou Meder (Salvaterra de Miño) o día 31. No resto de comarcas chegouse en xeral a valores próximos a 25 ºC.
Con esta climatoloxía, e malia noites frescas ou bastante frescas, esta semana observamos un desenvolvemento bastante relevante dos gromos nas viñas de O Salnés, en especial nas parcelas que tiñan maior brotación a semana anterior. Nas subzonas de O Condado e O Rosal, que fomos revisar por vez primeira esta semana, as viñas están, segundo as nosas observacións, máis atrasadas. Deste xeito, no Salnés podemos dicir que o estado fenolóxico dominante é o de acios visibles (Baggiolini: F; BBCH: 53), mentres que nas outras dúas comarcas que visitamos a xeneralidade, sempre polas nosas observacións, é o de follas estendidas (E para Baggiolini; 13-19 para BBCH).
Mildio
Dun xeito global, no que levamos de primavera déronse dous períodos nos que coincidiu certa precipitación con temperaturas nocturnas suaves: o primeiro ao comezo da segunda quincena de marzo e outro que se está a producir desde o día 31, pero este de momento menos acusado. No primeiro episodio o desenvolvemento das plantas era mínimo e polo tanto o risco de mildio, desde este punto de vista (vexetación), inexistente. No actual, con algunhas viñas xa en risco (pola superficie que teñen as follas), aínda non se sabe con certeza como evolucionarán as precipitacións e as temperaturas: aínda que as previsións meteorolóxicas neste momento coinciden en termos xerais canto á elevada probabilidade de precipitación e temperaturas máximas e mínimas suaves ata o domingo, difiren na propia probabilidade e na contía das choivas, e ademais sabemos que na primavera os cambios de tempo son frecuentes.
Pola súa banda, no captador que temos instalado nunha viña de Sanxenxo, que a semana pasada recollera en conxunto apenas 10 esporanxios, estes días capturou 36, cifra aínda baixa pero xa máis significativa.
O maior desenvolvemento da follas, o incremento dos esporanxios no aire e, de confirmarse, a previsión de temperaturas suaves elevarán o risco de infección en xeral, pero especialmente nas viñas con máis crecemento da vexetación, nas que mesmo podería ser xa aconsellable a aplicación do primeiro tratamento inmediatamente despois das choivas si é que se dan as condicións ambientais previstas e si non se realizan seguimentos específicos da enfermidade. No resto, incrementar a vixilancia, sabendo ademais que nas nosas zonas pode haber situacións de parcelas especialmente sensibles, como son aquelas pouco ventiladas.
En caso de ter que aplicar o primeiro tratamento lembren que sempre, pero máis cando hai pouco desenvolvemento vexetal, é imprescindible realizar a intervención con vento en calma ou como moito con brisa lixeira, para evitar que o produto fitosanitario sexa arrastrado fóra da viña, o que provocaría unha contaminación innecesaria do medio ambiente e tampouco controlaría aos patóxenos.
Outros parasitos da viña
Non observamos ningunha outra praga ou patóxeno que mereza mención, salvo os caracois nalgunhas viñas, que xa están a eliminar parte das follas e gromos.
- Non descoiden nunca as labores de roza da vexetación do solo, necesarias en todo momento pero máis en períodos nos que a climatoloxía favorece o seu rápido crecemento.
- Tamén é moi aconsellable eliminar na súa totalidade as plantas mortas para evitar que os gromos tenros en crecemento ou a madeira das cepas vivas poidan ser infectados polos parasitos que se desenvolven nelas, que están a saír ou o farán de aquí en adiante do seu período de inactividade invernal. Esta actuación é especialmente necesaria, máis ben imprescindible, nas zonas de Galicia afectadas pola flavescencia dourada, pois as plantas enfermas teñen que estar obrigatoriamente destruídas antes de que comece a emerxencia das ninfas do seu insecto vector, Scaphoideus titanus, máis entrada a primavera.
DIVERSOS CULTIVOS LEÑOSOS E HERBÁCEOS
Parasitos diversos
Como dixemos a semana anterior, os brotes tenros en crecemento son moi atractivos para diversos insectos praga pero tamén é onde comezan ou se manifestan as infeccións polos patóxenos que están reiniciando o seu ciclo biolóxico e que se ven favorecidos polas condicións húmidas que temos. Por este motivo hai que vixiar o seu estado para poder detectar os primeiros ataques e actuar, si é posible, de xeito localizado.
BUXO
Bolboreta do buxo, Cydalima perspectalis
As eirugas desta bolboreta están a saír pouco a pouco da súa hibernación e iniciando a súa alimentación. De feito, na maior parte das zonas non vimos aínda síntomas e onde si os observamos son só poucos os gromos afectados. Por este motivo realicen a partir de agora unha vixilancia continua das plantas, retirando as eirugas que se atopen (lembren que os fíos de seda e os excrementos son un bo signo da súa presenza) para ir reducindo a poboación, retrasando así a potencial necesidade de aplicación de insecticidas.