INFORMACIÓN FITOSANITARIA 27 de marzo
VIÑA
O martes día 25 realizamos unha visita a varias parcelas do Salnés. Nese percorrido observamos que, como ven sendo habitual, a fenoloxía das viñas nesta fase inicial da campaña mostra certa heteroxeneidade, non só entre predios diferentes senón tamén dentro da mesma parcela, habendo desde o estado fenolóxico B2 (xema inchada) ata o F (acios visibles), pero dominando C (punta verde) e D (follas incipientes), o que na codificación BBCH se corresponde con 03 a 11-12 . Da mesma circunstancia nos informaron persoas colaboradoras, que tamén nos falaron de que, en xeral, as viñas do Salnés teñen maior desenvolvemento cas das outras comarcas.
Con todo, o martes foi o primeiro día no que se rexistraron temperaturas máximas superiores en xeral aos 19 ºC (mesmo houbo máis de 21 nalgunha estación da rede de MeteoGalicia) o que, unido á elevada humidade solo e do ambiente derivada entre outras das precipitacións da pasada fin de semana, seguramente teña producido que o desenvolvemento das viñas se teña incrementado desde aquel día en todas as xemas das plantas (ver imaxe de abaixo cedida por un colaborador). Iso si, os rexistros nocturnos seguen a ser baixos, o que contrarresta algo o efecto das altas temperaturas nas horas centrais do día.
Mildio
O pasado mércores día 19 instalamos un dos dous captadores que temos pensado colocar este ano na comarca do Salnés (ata esa data só tiñamos o de Areeiro). Pois ben, o novo captador, que está nun predio do concello de Sanxenxo, recolleu nunha semana algún esporanxio, pero de forma moi puntual (a cifra máxima foi 3 esporanxios nunha xornada), do mesmo xeito co de Areeiro. Loxicamente as condicións destes días tampouco son as máis favorables ao patóxeno, pois as temperaturas mínimas están a ser baixas, situándose nunha media de 5-7 ºC.
A curto prazo, e segundo as previsións meteorolóxicas consultadas, parece que se manterá o tempo seco e o frío nocturno, pero para a semana suavizaranse as temperaturas mínimas e mesmo algúns modelos predín certa precipitación (moi escasa) entre martes e mércores. De cumprirse estas previsións e considerando tamén os datos anteriores, é de esperar que se incremente o número de esporanxios no ambiente, e por iso é aconsellable incrementar a vixilancia nas viñas onde haxa certo desenvolvemento da vexetación, non sendo preciso aínda nas que só estean a agromar e non teñan follas abertas.
Sabemos que a campaña non está máis que no inicio, pero xa vimos predios nos que a cuberta vexetal do solo está excesivamente desenvolvida e mesmo nalgúns casos hai inflorescencias á altura das plantas de vide. Sempre dicimos que debido ás esixencias europeas de redución do número de aplicacións fitosanitarias, e tamén ás características da nosa climatoloxía e dos patóxenos aéreos que afectan á vide, é imprescindible manter a cuberta ben rozada ao longo de toda a campaña, non só dentro do propio viñedo senón tamén nas marxes para favorecer a ventilación das plantas.
Tamén convén comprobar que a maquinaria de tratamentos está en perfecto estado e ir adquirindo o produto que se vaia dar na primeira aplicación
Outros parasitos da viña
No comezo da campaña tamén haberá que prestar atención á calidade da brotación por se hai zonas das varas (ou varas completas) que nas que non hai apertura de xemas, vixiar tamén a potencial presenza de pedroulo e ir adquirindo as trampas de feromonas ou os difusores para a confusión sexual da avelaíña. Ademais, convén eliminar, se non fixo xa, calquera planta que poida ter morto, retirando a cepa coas raíces para limitar os potenciais ataques de patóxenos do solo.
DIVERSOS CULTIVOS LEÑOSOS E HERBÁCEOS
Varios insectos
Os brotes tenros en crecemento sen dúbida atraerán a diferentes pragas de insectos. Tamén nestes casos a vixilancia dos gromos é unha medida moi conveniente para poder detectar os primeiros ataques e actuar de xeito localizado incluso eliminando manualmente os brotes afectados, xa que por exemplo moitas froiteiras de óso están en floración e hai que evitar no posible aplicar tratamentos para non causarlle danos ás abellas e outros polinizadores.